A CIG-Área Pública teme que se pretenda favorecer a mobilidade xeográfica, as amortización, regular horarios e retribucións reducindo persoal e servizos públicos
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, convocou esta mañá ás organizacións sindicais para facer entrega do Anteproxecto de Lei de Emprego Público en Galiza. A CIG-Área Pública manifesta a súa disconformidade co procedemento, co limitado tempo que teñen para analizar o contido, (15 días) e co que consideran que é obxectivo último do texto: contar cun instrumento uniformizador para, desde a Xunta de Galiza, poder intervir en todas as administracións
Na
xuntanza, a propia conselleira especificou que o documento foi
elaborado por un grupo de traballo conformado por persoas relevantes
na Función Pública e conta coa avinza do resto das consellarías.
Segundo
sinala a secretaria nacional de CIG-Administración e coordenadora da
Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña, foi
precisamente este procedemento o que provocou as primeiras queixas,
que se presentaron practicamente ao comezo da xuntanza. “Foi
elaborado por un grupo de traballo do que se excluíu ás/aos
representantes das/os traballadoras/es, que logo pasou ao Consello da
Xunta e do que coñecemos a súa existencia as organizacións
sindicais a través dos medios de comunicación”.
Xunto
a isto, e fronte á explicación da conselleira de que se trata dun
texto co se pretende compilar toda a lexislación que atinxe ás
administracións dependentes da Xunta de Galiza, o que se demandou,
tanto por parte da CIG como por parte das outras centrais sindicais,
foi que se botara a andar un marco de traballo para que se poidese
desenrolar o Estatuto do/a Empregado/a Público/a, aprobado en 2007 e
pendente aínda de aplicación.
A
falta dunha análise polo miúdo do alcance do texto e do impacto que
pode ter en cada administración, López Santamariña entende que con
esta ferramenta estas quedarían homoxeneizadas. De feito, o
Anteproxecto inclúe a administracións locais, persoal de servizos
das universidades e ao conxunto de entidades públicas dependentes da
Xunta de Galiza.
Polo
que se explicou na xuntanza, tamén será de aplicación ao persoal
docente e do SERGAS nos seus aspectos xenéricos, quedando excluído
o persoal de Xustiza. Regula ademais o persoal directivo, centrándose
no da propia administración, “pero non se vai regular ao dos entes
e consorcios, que é precisamente onde hai máis arbitrariedade”,
matiza López Santamariña.
A
coordinadora da Área Pública da CIG sinala que entra tamén a
regular aspectos como a xornada de traballo, conciliación, unifica
procedementos en materia disciplinaria ou en avaliación do
desempeño do posto de traballo para una suposta carreira
profesional. Un aspecto, este último, a respecto do que sinala que
“vai ser imposíbel que se poña en marcha porque non hai dotación
económica”. A isto engade, canto a carreira profesional, que cando
o PP tomou posesión na anterior lexislatura, o primeiro que fixo foi
suprimila no SERGAS.
Persoal
e servizos públicos
Á
espera desa revisión do texto, López Santamariña adianta que
“moito nos tememos que esta pretendida unificación da lexislación
existente teña como fin último contar cun instrumento para
favorecer a mobilidade xeográfica, facilitar a amortización de
postos de traballo, regular horarios e mudar as retribucións. Un
instrumento que afonde no camiño das privatizacións e da supresión
de persoal e de servizos públicos”.
De
feito, a secretaria nacional de CIG-Administración ve neste
anteproxecto un mecanismo para poder intervir en todos os sectores e
evitar que, por exemplo, haxa concellos que poidan tomar decisións
que difiran das medidas impostas desde a Xunta.
Ante
isto anuncia que a CIG presentará, á maior brevidade, unha
valoración máis pormenorizada, denuncia a escasa marxe de tempo da
que se dispón, tan só 15 días, e que alén de que se presente na
Mesa Xeral non se faga consulta algunha ás distintas mesas
sectoriais, que para algo existen.
Fonte: www.cigadmon.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario