10/11/13

O COMITÉ DE EMPRESA SOLICITA UNHA REUNIÓN CO ALCALDE ANTE A PREOCUPANTE SITUACIÓN DE PARALIZACIÓN DE TODA NEGOCIACIÓN COS REPRESENTANTES DO PERSOAL LABORAL


A CIG, ante os problemas cada vez maiores do persoal laboral do Concello de Betanzos e a actitude do concelleiro de Persoal que parece que nin está nin se lle espera, decidiu propor na última reunión ordinaria do Comité de Empresa a solicitude dunha reunión de urxencia co propio alcalde. 

Logo de acordalo por unanimidade na reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de outubro, e ante a situación de desinformación, paralización de todo tipo de negociación cos representantes do persoal laboral e ante a falta de solución a diversos problemas laborais que lle foron transmitidos ao concelleiro de Persoal e sobre os que nunca obtemos resposta o Comité de Empresa solicitou por rexistro o día 8 de novembro unha reunión co alcalde para tratar diversos temas relacionados coa situación do persoal laboral do Concello de Betanzos e sobre o estado das negociacións cos representantes dos traballadores, así como para achegarlle as propostas do Comité de Empresa de cara a intentar solucionar a situación de falta de diálogo do Concello cos delegados de persoal e instar ao Concello a que dea resposta e solución aos problemas laborais do persoal laboral. O Comité acordou que a esta reunión asistirán os membros da Comisión executiva do Comité de Empresa, Jorge Amarante, José Ángel Montes e Silvia Muíño.

Nesta reunión agardamos transmitirlle ao alcalde a nosa preocupación ante distintos temas laborais e buscarmos solucións conxuntas e que isto sirva para encamiñar de novo as negociacións cos representantes do persoal laboral abandonadas e adiadas  hai meses polo concelleiro de Persoal baixo promesas e mañá, pasadomañá, a semana que vén ou nos vindeiros quince días que nunca se materializan e que cada vez complican máis as situacións ás que non se dá resposta.

Dende a CIG agardamos que o alcalde teña a ben recibir aos representantes do persoal laboral de cara a poder iniciar unha etapa de diálogo co Comité de Empresa, e que a día de hoxe é inexistente co concelleiro de Persoal, e acceder ás demandas dos traballadores para poder buscar solucións a algúns dos conflitos laborais existentes neste Concello que cada vez son máis graves, entre outros motivos, pola falta de persoal e a falta de organización interna do propio Concello.


Ningún comentario:

Publicar un comentario