30/12/13

A Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos entrega no rexistro do Parlamento 5.000 sinaturas contra os recortes

Dirixidas ao grupo parlamentar do Partido Popular

A Plataforma Galega en defensa dos Servizos Públicos facía entrega, este venres, da segunda quenda de sinaturas recollidas entre as empregadas e empregados públicos contra a taxa cero de reposición, a conxelación salarial, o recorte das pagas extra, a privatización dos servizos públicos, o aumento de xornada laboral, os descontos por baixas médicas, a destrución de emprego público e a desaparición de servizos públicos. Nesta ocasión, as máis de 5.000 sinaturas foron entregadas no Rexistro do Parlamento e dirixidas directamente ao grupo parlamentar do PP.
María Carme López Santamariña, coordinadora da Plataforma e da Área Pública da CIG, explicou que as sinaturas van dirixidas ao grupo popular no Parlamento galego, xa que, “son os responsábeis únicos de que saísen adiante os recortes previstos nos Orzamentos do goberno galego para 2014, aprobados grazas á maioría do PP na cámara”.
As máis de 5.000 sinaturas entregadas este venres no Parlamento, súmanse ás preto de 8.000 que xa foran rexistradas o pasado mes de outubro na Xunta, demandado do Presidente do Goberno galego que se fomente o emprego público estábel, a recuperación do poder adquisitivo, das pagas extra e de todos os dereitos laborais.
Dende a Plataforma reiterouse que é responsabilidade da administración “a salvagarda dos servizos públicos e dos seus traballadores e traballadoras”. Denunciaron ademais a súa oposición ás políticas continuístas que, desde o ano 2009 manteñen tanto o goberno central como o galego nos servizos públicos, que “o único que provocan é a súa desaparición “agravando aínda máis a profunda crise económica na que nos atopamos inmersos, precarizando as condicións laborais dos seus/súas traballadores/as, provocando máis paro no sector público e aumentando a carga de traballo coa non reposición de efectivos”.
Unha medida que ten, segundo advertiu López Santamariña, o obxectivo de eliminar o sector público facendo desaparecer servizos que son esenciais.


Ningún comentario:

Publicar un comentario