14/01/14

A Secretaría da Muller da CIG denuncia o efecto “perverso” da ampliación do dereito á redución de xornada

Baixo unha aparencia positiva agóchase unha nova estratexia do PP para recluír as mulleres no fogar

O pasado 21 de decembro o BOE recollía a ampliación do suposto de redución de xornada por coidado por coidado de menores de 8 a 12 anos. Considerada polo goberno do Partido Popular como unha importante mellora en materia de conciliación da vida laboral e familiar, en realidade agocha unha nova discriminación, dado que supón unha nova vía de mantemento das mulleres (que decidiron ser nais) baixo a fórmula da contratación a tempo parcial.
Desde a dereita consideran que a solución para a integración das mulleres no mercado laboral e para superar as trabas relacionadas coa conciliación do traballo coas responsabilidades familiares, está na promoción da contratación a tempo parcial, cando obvian que esta proposta supón unha menor protección social para o futuro, dado que vai ter efectos negativos na súa xubilación, e isto, na práctica supón unha discriminación indirecta por razón de sexo.
A conciliación non pode identificarse en exclusiva cunha política de permisos (aínda que na actualidade sexan insuficientes), dado que supoñen ausentarse do posto de traballo, e poden mesmo a contribuír a reforzar os estereotipos. A responsabilidade da Administración é resolver as necesidades relacionadas co coidado de familiares dependentes e das crianzas, creando unha rede pública de servizos sociais (incluíndo máis escolas infantís, unha boa rede de centros de día atendendo a criterios tales como a dispersión xeográfica, comedores escolares, etc.), con horarios adaptados á realidade laboral (que deberían pasar tamén por un axuste). E ao tempo, garantir que se facilite o exercicio das responsabilidades familiares dos traballadores e das traballadoras.
Mais durante este longo período de crise económica, tanto o goberno da Xunta de Galiza como o do Estado, o que veñen facendo é recortes nas partidas sociais ou reformas prexudiciais como a das pensións, que afectan a toda a clase traballadora, mais especialmente ás mulleres.
De feito, desde a ultima reforma laboral, esta foi a única medida posta en marcha polo goberno supostamente dirixida a mellorar a conciliación da vida laboral, introducida asemade dentro dun paquete de medidas “dirixidas a favorecer a contratación estábel e mellorar a empregabilidade das e dos traballadores”(pretensión que tamén xustificou a aprobación da reforma laboral, cando supuxo en realidade máis desprotección, precarización das condicións de traballo e máis desemprego), mentres fican aparcadas desde hai anos outras iniciativas tales como a ampliación do permiso por paternidade (pese a que a Lei de Igualdade do ano 2007 recollía o compromiso de aumentar a súa duración progresivamente a 4 semanas, fica adiada unha vez máis nos orzamentos do estado para este ano), a ampliación da duración do permiso por maternidade (que segue a estar en 16 semanas), así como outras formulas de prestacións familiares dirixidas a facer posíbel a aínda moi afastada conciliación da vida familiar, persoal e laboral.
E o que é peor, pese a estender a duración do período máximo baixo o cal as traballadoras e os traballadores poden ampliar o dereito a acollerse á duración de xornada, non fai o mesmo coa protección respecto do acceso ás futuras prestacións  da Seguridade Social, ficando  desprotexidas (maioritariamente) e desprotexidos  a estes efectos a partires do segundo ano da redución de xornada, mentres que o seu salario reducirase durante un máximo de 12 anos.
Por outra banda, seguen sen equiparar a protección no caso das reducións de xornada por coidado de familiares, que fica igualmente nun só ano, a pesares do envellecemento da poboación, e dos recortes en materia asistencial e na atención á dependencia, dándolle un trato diferente a un mesmo dereito.
O Partido Popular continúa cunha política de recortes e privatización no sistema público de saúde, nos servizos sociais, e na atención á dependencia, esquecéndose tamén de pór en marcha  políticas dirixidas a formular un reparto máis equilibrado das responsabilidades familiares, así como de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Desde a Secretaría da Muller consideramos que no canto de avanzar na protección destes dereitos e favorecer a inserción laboral das mulleres, o que fai o goberno, unha vez máis, é pór unha cortina de fume, anunciando unha medida, aparentemente positiva, pero que obedece á estratexia do patriarcado de alentar á volta a casa das mulleres.
Margarida Corral Sánchez
Secretaria Confederal de Muller


Ningún comentario:

Publicar un comentario