Baixo
unha aparencia positiva agóchase unha nova estratexia do PP para
recluír as mulleres no fogar
O
pasado 21 de decembro o BOE recollía a ampliación do suposto de
redución de xornada por coidado por coidado de menores de 8 a 12
anos. Considerada polo goberno do Partido Popular como unha
importante mellora en materia de conciliación da vida laboral e
familiar, en realidade agocha unha nova discriminación, dado que
supón unha nova vía de mantemento das mulleres (que decidiron ser
nais) baixo a fórmula da contratación a tempo parcial.
Desde
a dereita consideran que a solución para a integración das mulleres
no mercado laboral e para superar as trabas relacionadas coa
conciliación do traballo coas responsabilidades familiares, está na
promoción da contratación a tempo parcial, cando obvian que esta
proposta supón unha menor protección social para o futuro, dado que
vai ter efectos negativos na súa xubilación, e isto, na práctica
supón unha discriminación indirecta por razón de sexo.
A
conciliación non pode identificarse en exclusiva cunha política de
permisos (aínda que na actualidade sexan insuficientes), dado que
supoñen ausentarse do posto de traballo, e poden mesmo a contribuír
a reforzar os estereotipos. A responsabilidade da Administración é
resolver as necesidades relacionadas co coidado de familiares
dependentes e das crianzas, creando unha rede pública de servizos
sociais (incluíndo máis escolas infantís, unha boa rede de centros
de día atendendo a criterios tales como a dispersión xeográfica,
comedores escolares, etc.), con horarios adaptados á realidade
laboral (que deberían pasar tamén por un axuste). E ao tempo,
garantir que se facilite o exercicio das responsabilidades familiares
dos traballadores e das traballadoras.
Mais
durante este longo período de crise económica, tanto o goberno da
Xunta de Galiza como o do Estado, o que veñen facendo é recortes
nas partidas sociais ou reformas prexudiciais como a das pensións,
que afectan a toda a clase traballadora, mais especialmente ás
mulleres.
De
feito, desde a ultima reforma laboral, esta foi a única medida posta
en marcha polo goberno supostamente dirixida a mellorar a
conciliación da vida laboral, introducida asemade dentro dun paquete
de medidas “dirixidas a favorecer a contratación estábel e
mellorar a empregabilidade das e dos traballadores”(pretensión que
tamén xustificou a aprobación da reforma laboral, cando supuxo en
realidade máis desprotección, precarización das condicións de
traballo e máis desemprego), mentres fican aparcadas desde hai anos
outras iniciativas tales como a ampliación do permiso por
paternidade (pese a que a Lei de Igualdade do ano 2007 recollía o
compromiso de aumentar a súa duración progresivamente a 4 semanas,
fica adiada unha vez máis nos orzamentos do estado para este ano), a
ampliación da duración do permiso por maternidade (que segue a
estar en 16 semanas), así como outras formulas de prestacións
familiares dirixidas a facer posíbel a aínda moi afastada
conciliación da vida familiar, persoal e laboral.
E
o que é peor, pese a estender a duración do período máximo baixo
o cal as traballadoras e os traballadores poden ampliar o dereito a
acollerse á duración de xornada, non fai o mesmo coa protección
respecto do acceso ás futuras prestacións da Seguridade
Social, ficando desprotexidas (maioritariamente) e
desprotexidos a estes efectos a partires do segundo ano da
redución de xornada, mentres que o seu salario reducirase durante un
máximo de 12 anos.
Por
outra banda, seguen sen equiparar a protección no caso das reducións
de xornada por coidado de familiares, que fica igualmente nun só
ano, a pesares do envellecemento da poboación, e dos recortes en
materia asistencial e na atención á dependencia, dándolle un trato
diferente a un mesmo dereito.
O
Partido Popular continúa cunha política de recortes e privatización
no sistema público de saúde, nos servizos sociais, e na atención á
dependencia, esquecéndose tamén de pór en marcha políticas
dirixidas a formular un reparto máis equilibrado das
responsabilidades familiares, así como de igualdade de oportunidades
entre homes e mulleres. Desde a Secretaría da Muller consideramos
que no canto de avanzar na protección destes dereitos e favorecer a
inserción laboral das mulleres, o que fai o goberno, unha vez máis,
é pór unha cortina de fume, anunciando unha medida, aparentemente
positiva, pero que obedece á estratexia do patriarcado de alentar á
volta a casa das mulleres.
Margarida
Corral Sánchez
Secretaria
Confederal de Muller
Ningún comentario:
Publicar un comentario