09/01/14

Antonio López: “As Deputacións carecen de medios para asumir as competencias encomendadas pola lei de administración local"


Responsábel da CIG-Administración Local

O pasado 19 de decembro aprobábase no Congreso a Lei de Racionalización e Sostibilidade da administración local, á que se opuxo a CIG porque reforza o centralismo, promove a privatización de servizos públicos e pon en perigo a situación laboral do persoal das entidades locais. Antonio López, responsábel do sector local da CIG-Administración, explica o contido desta lei e alerta do deterioro que provocará na calidade dos servizos e, en consecuencia, na calidade de vida das persoas.
1. Para xustificar a reforma da administración local o PP asegura que é unha ferramenta para racionalizar e garantir a suficiencia económica dos concellos, un argumento que cuestiona a CIG-Administración. Cales entende que son logo os obxectivos desta lei?

O principal obxectivo é aumentar o poder centralista do Estado fortalecendo ás Deputacións Provinciais e favorecer a privatización dos servizos públicos que prestan os concellos

2. De feito a reforma limita as competencias e os servizos a prestar polos concellos. Cales se verán afectados e quen asumirá a súa prestación?

Nos concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes será a Deputación provincial ou entidade equivalente a que coordinará a prestación de recollida e tratamento de residuos, abastecemento de auga potable, limpeza viaria, acceso aos núcleos de poboación, pavimentación de vías urbanas e o alumeado público. As Comunidades autónomas asumirán competencias que até a data exercían os concellos en materia de educación, sanidade e servizos sociais.

3. A privatización de servizos á que fai referencia, como pode afectar ás usuarias e usuarios?

A finalidade principal de toda empresa privada é o beneficio económico. Tendo en conta que a Lei de Contratos das Administracións establece á empresa concesionaria dun servizo un 21% de IVE, o 6% de beneficio industrial, e entre o 13 e o 17% dos gastos xerais dependendo do tipo de actividade, isto supón como mínimo, un encarecemento do 40% no custo do servizo en relación a prestalo directamente pola administración. A maioría das empresas concesionarias dedicaranse exclusivamente á contratación de man de obra pois os gastos de amortización das instalacións, equipos, ferramentas, vehículos... xa corre por conta da Administración. Ás/aos usuarias/os prestaráselles un servizo máis deficitario e máis caro, pois as taxas incrementaranse para alcanzar a maior rendibilidade económica.

4. Moitos destes servizos son prestados por persoal municipal, en que medida se verá afectado por estes cambios?

Nos primeiros borradores do proxecto de lei existía unha disposición adicional que establecía a subrogación do persoal no caso de traspaso de competencias entre administracións. Aínda que non era nada novo, pois tanto o Estatuto Básico do Empregado público como o Estatuto de Traballadores/as indica a situación na que quedarían o persoal no caso de traspaso de servizos. No proxecto de lei aprobado no Senado non se fai referencia algunha a esta situación.

A principal preocupación céntrase pois na posíbel eliminación de servizos, coa consecuencia inmediata de despedimentos. Tamén hai que ter en conta, se facemos unha lectura sistemática do contido da reforma, en relación coa reforma laboral e co disposto no RD 20/2012, que permite deixar sen efecto os pactos, acordos e convenios en base ao concepto de “grave interese público”. Chegaremos así a entender que a situación do emprego público nas administracións locais é moi  preocupante.

5. A reforma introduce tamén aspectos que afectan á Lei de Función Pública de Galiza canto a persoal laboral e funcionario e mesmo canto a retribucións.

O aspecto máis preocupante é que no caso de traspaso de competencias ás Deputacións e ante a falta de infraestrutura por parte destas para prestar determinados servizos, provocará a privatización dos mesmos. Neste caso os beneficios da empresa concesionaria do servizo virán a través da redución do persoal que o preste, da redución salarial do persoal que quede, da perda de moitos dos dereitos laborais das traballadoras/es e, por suposto, de prestar o servizo do xeito máis económico posíbel o que, á súa vez, traerá como consecuencia a suba de taxas e unha prestación deficitaria.

6. Estabelécese finalmente a posibilidade de que os concellos sexan intervidos?

Este caso estaba previsto nos primeiros borradores do proxecto de Lei para concellos con poboación inferior a 5.000 habitantes. No texto aprobado no Senado non aparece esta posibilidade. 

7. Desde a CIG-Administración denúnciase que reforzando as competencias das deputacións favorécese un proceso de recentralización. Por que? En que situación quedan as comunidades autónomas?

As Deputacións Provinciais son sucursais do exercicio do poder central para reducir a autonomía local e tamén o poder autonómico coa intención de favorecer o provincial converténdose en Delegacións do Goberno estatal. As Comunidades Autónomas quedan así relegadas a un segundo plano con parte de competencias que xa na actualidade tiñan delegadas en materias de educación, saúde e servizos sociais.

8. En que medida as deputacións teñen capacidade para asumir as competencias dos concellos? E en que medida poderán ser prestados eses servizos en Galiza tendo en conta o modelo de hábitat disperso que temos?

As Deputacións non dispoñen de infraestrutura nin de medios persoais para asumir as competencias que lles encomenda este proxecto de Lei. É evidente que en Galicia, seguramente máis que en ningún outro lugar do Estado, a dispersión de concellos imposibilitaría que a moitos cidadáns se lles presten servizos básicos coas condicións mínimas aceptábeis.

9.  Ante todo isto, poderíamos falar de reforma ideolóxica?

Por suposto que si, pero non é algo que sexa exclusivo desta Lei. A práctica totalidade das Leis aprobadas polo PP obedecen a unha política neoliberal onde o gran capital pretende enriquecerse cada vez máis a custo das traballadoras/es e con medidas entre as que se poden destacar a conxelación de salarios, abaratar o despedimento, recortar as pensións, flexibilizar o mercado de traballo e privatizar os servizos públicos para convertelos en negocio.

10. Porén, a propia FEGAMP, controlada maioritariamente polo PP, tense manifestado en contra desta reforma.


Si, pero non precisamente para defender os servizos públicos. Cómpre lembrar que este proxecto incide nas retribucións e no status dos membros das corporacións locais polo que non é de estrañar a súa posición contraria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario