09/01/14

A Inspección de Traballo convoca a todo o Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos

Mañá, venres 10 de xaneiro, está convocado todo o Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos na Inspección provincial de Traballo con motivo da denuncia dos delegados de prevención da CIG con respecto a realizar as obras na Casa Consistorial co persoal traballando nas oficinas, a maiores os delegados de prevención descoñecen o Plan de coordinación de actividades empresariais en materia de seguridade e saúde laboral para a prevención de riscos laborais que o Concello debe ter coas empresas que subcontrata.

Dende a Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais ata o Real Decreto 171/2004 recóllense normas onde se tratan os supostos onde é necesaria a coordinación de actividades empresariais e os medios que deben establecerse con esta finalidade, buscando sempre un adecuado equilibrio entre a seguridade e a saúde dos traballadores e a flexibilidade na aplicación por parte das empresas que incida na redución dos indesexados índices de sinistralidade laboral, producidos pola carencia desta coordinación. Non é a primeira vez que neste Concello hai accidentes laborais de persoal subcontratado, hai que lembrar o episodio recente acontecido no Centro de Formación Ocupacional, de aí a importancia de que o Concello teña coordinada a prevención de riscos laborais coas empresas que subcontrata, cando en casos coma este, persoal doutra empresa traballa en edificios municipais.

A maiores, xa no mes de decembro debeu reunirse o Comité de Seguridade e Saúde e unha vez máis o Concello saltouse a reunión trimestral e os delegados de prevención da CIG víronse na obriga de solicitalo por escrito de novo, tal e como fixeron por rexistro hai unhas semanas e reunión pola que aínda están á espera, aínda que con expectativas de non ter que volver á Inspección de Traballo denunciar que o Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos non se reúne trimestralmente e incumpre a Lei de prevención de riscos abertamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario