14/01/14

Última información

O Concello está a publicar nos taboleiros de información unha resolución mediante a cal amplía o prazo de desfrute do día de asuntos propios recuperado ata o vindeiro 31 de decembro, que en realidade sería o 30 posto que o 31 por convenio é non laborable. Esta resolución está datada o día 7 de xaneiro aínda que non se repartiu ata hoxe, día 14, e nun horario no que compañeiros como os de servizo de limpeza de rúas xa non están traballando, o que consideramos grave tendo en conta que mañá finalizaba o prazo para o desfrutar.

A maiores, moitos compañeiros e compañeiras xa solicitaran o día antes do 15 de xaneiro porque non dispoñían da información de que o prazo se ampliaría, mais á vista da resolución volve haber persoal de primeira e de segunda neste Concello tamén para desfrutar os dereitos. Se o alcalde tiña previsto isto debeuse informar a todos os departamentos en tempo e forma e non agardar ao último día, posto que non custaba nada, só había que publicar un papel nos taboleiros, mais nin iso son quen de facer.

A CIG, que solicitou a ampliación do prazo o pasado 30 de decembro e que non tivo resposta, interporá unha queixa no Concello pola publicación dunha resolución de ampliación de prazo o mesmo día que expira este, o que supón que moitos traballadores exerceron un dereito en desigualdade de condicións con respecto a outros que tiñan coñecemento da ampliación do prazo.

A maiores, e xunto coa circular, o Concello está a distribuír información relativa ao calendario laboral do ano 2014 e mais unhas indicacións sobre que facer en caso de accidente da mutua, logo de que o Comité de Empresa presentase unha queixa en decembro do ano pasado porque este tipo de información só estaba publicada no taboleiro de información das oficinas xerais e consideraba isto unha discriminación no acceso á información do persoal laboral que non prestaba os servizos neste edificio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario