Logo de que o pasado 30 de decembro a CIG solicitase por rexistro que o Concello ampliase o prazo para o desfrute do día de asuntos propios que se vén de publicar no BOE, o Concello dá a calada por resposta cando só quedan catro días laborais para poder desfrutalo. A día de hoxe, 9 de xaneiro, non só o Concello non respondeu á solicitude senón que non publicou ningunha Resolución ampliando o día, tal e como fixeron no resto das Administracións públicas. Sabemos que no Concello estamos á cola do resto, que a xestión de persoal cada día deixa máis que desexar mais lamentamos que non se adopten en tempo e forma este tipo de decisións que repercuten no bo funcionamento da Administración, porque o único que se consegue ao non ampliar o prazo é que os servizos fiquen desatendidos porque o alcalde non é que de ver que unha boa xestión de persoal non só melloraría moito a situación e a relación co propio persoal senón que isto repercutiría na mellora dos servizos públicos e, en consecuencia, dos servizos á cidadanía.
Dende a CIG o que lle recomendamos a todos os compañeiros é que soliciten por rexistro canto antes o día tendo en conta que o prazo finaliza o día 15 de xaneiro, se o Concello ten a ben nos vindeiros días publicar unha resolución en todo caso será porque xa amañou con algún persoal que o poida coller con posterioridade porque cos representantes de todos os traballadores ninguén se puxo en contacto, e volvería caer en erros do pasado onde segundo quen sexas tes máis ou menos información dos temas laborais. Tamén queremos deixar claro que aínda que se ten dito dende o Concello que ata que non se publique unha Resolución expresa non estaría claro se temos dereito a ese día, que iso é completamente incorrecto a non ser alcalde mande máis que o ministro, e no caso de ser así que non nos quitase nin a paga extra do ano 2012 nin todos os días de asuntos propios que tiñamos ata o ano 2012, porque daquela o Concello recortou todos os nosos dereitos sen resolución expresa ningunha. En todo caso, cando verbalmente se da este tipo de información, dende a CIG sempre dicimos o mesmo, todo o persoal ten dereito a rexistrar unha solicitude, todo o que se queira solicitar que se faga por escrito e se efectivamente non existe o dereito o Concello deberá responder por escrito, mentres así non sexa, e non se responda de xeito negativo é que é un dereito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario