24/01/14

O Concello reparte calendarios laborais que non indican a xornada de traballo

Logo de que o Comité de Empresa solicitase por rexistro en decembro de 2013 que o Concello publicase en todas as dependencias municipais ou lugares onde traballa o persoal laboral a información da que xa dispoñía o persoal das Oficinas Xerais, relativa ao calendario laboral e a xornada laboral de horario e de inverno, o Concello vén de distribuír estes documentos polas distintas dependencias mais con falta de información con respecto á que se recollía no calendario que estaba no taboleiro das Oficinas Xerais no ano 2013.

O caso é que en xaneiro de 2014 o Concello envía a todos os departamentos o calendario laboral da mutua, mais desta volta nestes calendarios non consta nin o horario laboral de cada centro nin se fai ningunha referencia á diferenza entre o horario de verán e de inverno recollida no convenio colectivo, mentres que no calendario que hai menos dun mes figuraba nas oficinas xerais para información dos seus traballadores constaba que o horario laboral desas dependencias era de 08:00h a 15:00 h no inverno e de 08:30 h a 14:30 no horario de verán.

O feito de que se oculte esta información nos novos calendarios por parte do Concello non é máis que un feito que pretende ignorar unha realidade de discriminación nas horas semanalmente traballadas que xa puxo de manifesto nada máis chegou ao Comité e outra preocupante realidade sobre a posible eliminación do horario de verán, toda vez que no calendario do ano pasado indicaba un horario de entrada e saída diferente nestes meses e agora oculta posiblemente dun xeito deliberado esta información. 

Por este motivo, o Comité de Empresa, expúxolle ao Concello que considera que é necesario que esta información específica sobre o horario de traballo no inverno e no verán dos distintos centros de traballo sexa publicada en todos coa información completa, ao igual que se fixo para o persoal das Oficinas Xerais no ano 2013, para non incorrer en agravios discriminatorios do persoal destas oficinas con respecto a todo o restante persoal municipal no que se refire á información sobre xornada e horarios e solicitoulle ao Concello que especifique en todos os edificios municipais onde traballa persoal laboral e en todos os departamentos do Concello a información relativa aos horarios laborais dos distintos centros de traballo, así como os horarios da xornada laboral de inverno e de verán, tendo en conta que esta ata o momento era especificada neste calendario só para o persoal das Oficinas Xerais e considera isto unha discriminación con respecto ao resto do persoal que presta os seus servizos nas diferentes dependencias municipais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario