Dende
hai máis dun ano tanto a Sección sindical da CIG como o propio
Comité de Empresa do Concello de Betanzos agardan solucións ás
queixas rexistradas con respecto ao incumprimento do II Plan de
Igualdade que o Concello de Betanzos ten en marcha, tanto a través
do rexistro municipal como a través da caixa de correo da igualdade
que o propio Concello habilitou para o efecto, así como a resposta a
unha serie de propostas para a mellora do Plan lembrándolle ao
Concello que debería ter en conta ao seu propio persoal para a posta
en marcha de medidas en materia de igualdade e comezar a aplicar na
propia Administración o que tanto predica de portas para fóra.
O
Concello, na actualidade, segue a incumprir o Plan posto que existen
indicadores de discriminación xenérica entre o propio persoal desta
Administración, que deberían ser analizados, estudados e
solucionados polo Concello, e o que nos resulta máis preocupante é
que na última Mesa Xeral de Negociación onde a empresa contratada
para a elaboración dunha nova RPT presentou as propostas do Concello
nin sequera fixo unha mínima alusión á solución deste tipo de
problemas. A grandes trazos, advertimos claras discriminacións
salariais en función do xénero entre persoal de similar categoría
e con semellantes funcións que están reflectidas na propia Relación
de Postos de Traballo existente, onde as mulleres teñen adxudicados
os complementos específicos máis baixos de todas as categorías
profesionais que teñen postos ocupados por estas, e mesmo no caso de
encargados e directores fronte a encargadas e directoras de servizos
hai unha diferenza abismal nas retribucións dos postos por
semellante responsabilidade.
Igualmente,
as mulleres ocupan moitos menos postos de dirección que os homes
entre o persoal do Concello e ocupan postos relacionados na maioría
dos casos con profesións feminizadas, como as traballadoras da
Escola Infantil Municipal, as auxiliares de axuda a domicilio ou as
traballadoras de limpeza de edificios, sectores relacionados co
coidado e a limpeza onde non existe nin un só traballador fronte a
obras, xardinaría ou limpeza de vías onde o Concello nunca
contratou a unha soa muller, por tanto, ao contrario do que o Plan de
Igualdade indica a variable xénero é significativa e indicadora das
políticas laborais discriminatorias do Concello de Betanzos.
Tamén
queremos lembrar que no propio Plan incorpóranse actuacións
concretas como a 1.4.6. “informar periodicamente aos persoal
municipal das novidades en materia de dereitos laborais e facilitar a
conciliación da vida laboral e familiar”, a 2.1.2. “difusión da
importancia do desenvolvemento da conciliación da vida persoal,
laboral e familiar”, 2.1.3. “impulsar a igualdade de trato nas
relacións entre membros da administración” ou 2.1.4. “amosar
boas prácticas sobre a presenza das mulleres no Concello” que
consideramos que o Concello incumpre e ignora de xeito descarado,
máis aínda na actualidade, cando somete ás traballadoras de
limpeza de edificios a unha continua mobilidade e cambio de horarios
e centros de traballo da noite para o día que imposibilitan a
conciliación da vida laboral e familiar das traballadoras afectadas
e, a maiores, non só incumpren o acordado no II Plan de Igualdade
senón o propio convenio colectivo do persoal laboral no seu artigo
19, tal e como o propio Comité de Empresa lle indicou tamén xa por
rexistro ao alcalde.
Dende
a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos exiximos que o
Concello responda ás nosas propostas e ás queixas rexistradas para
tentar buscar vías de solución que avalen un verdadeiro compromiso
coa consecución da igualdade entre o propio persoal da
Administración e agardamos que nos vindeiros meses de negociacións
tanto do convenio colectivo como da Relación de Postos de Traballo o
goberno municipal sexa quen de comprometerse e traballar pola
igualdade dentro da propia Administración que goberna e dar así
cumprimento ao Plan aprobado con esta finalidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario