11/03/14

Última información

Hai uns días o concelleiro de Persoal tivo unha reunión coa representación do Comité de Empresa para tratar os temas propostos por este, nomeadamente pola CIG, que é o sindicato que sempre está preocupado de obter información sobre as distintas problemáticas do persoal laboral de cara a poder buscar solucións conxuntas co Concello. En resumo, e tendo en conta os temas de interese, a información que o concelleiro de Persoal nos ofreceu sobre algúns dos temas propostos foi a seguinte:

Paga extraordinaria de 2012

O Concello non recorrerá a sentenza e pensa pagar eses 14 días, tal e como debe facer logo da demanda presentada pola CIG no xulgado do social, non obstante, en principio, o pagamento non se realizará este mes porque o trámite administrativo é bastante complexo. Aínda así, dende o Comité instaron ao concelleiro a que este pago se realice canto antes e que se lle comunique aos traballadores a contía que lles corresponde de cara a teren toda a información correspondente para o momento no que o pagamento apareza reflectido na nómina.

Readmisión dunha compañeira cunha sentenza de despedimento improcedente do TSXG

O concelleiro indicou que a intención do Concello era seguir o mesmo trámite que cos compañeiros readmitidos con anterioridade, non obstante non fixou unha data para que isto se producise e, polo que se ve, o Concello ten interese en pagar cada vez máis salarios atrasados, que no caso desta compañeira ascenderían aos de algo máis de dous anos, que foi o momento no que o Concello a despediu de xeito improcedente.

Falta de información

O Comité expresoulle o seu malestar porque, a pesar de mesmo lle ter entregado ao alcalde en persoa, unha listaxe con toda a documentación que o Concello non lle entrega ao Comité de Empresa, meses despois isto non se solucionou. A maiores, varios compañeiros levan meses agardando a que o Concello lles recoñeza a antigüidade e ante a pasividade do Concello están valorando se demandar ao Concello antes que venzan os prazos administrativos, tendo en conta que o silenzo neste caso, logo de máis de cinco meses sen resposta, é negativo, aínda que o concelleiro verbalmente diga que se lles vai responder e ese momento non dea chegado.

Comisión de seguimento do convenio colectivo, o Concello volve ás andadas

Explicóuselle ao Concello polo miúdo que nas últimas contrataciónsestá interpretando de xeito unilateral o Convenio colectivo ao denegarlles o cobro da paga extra completa a varios compañeiros, a pesar de que no propio contrato indique que se rexen polo convenio colectivo e vulnerar este e ademais non convocar o organismo que segundo o propio convenio debe valorar estes casos, que é a Comisión de seguimento do convenio colectivo. É dicir, volvemos ás andadas, agora que parecía que dunha vez por todas o persoal subvencionado tiña os mesmos dereitos que o persoal cunha praza da RPT resulta que o Concello saca unha nova e inxustificable discriminación da manga e decide que os compañeiros e compañeiras que foron contratados nos últimos meses non teñen os mesmos dereitos que o resto do persoal laboral, é dicir, que agora o Concello considera que tamén hai persoal subvencionado de primeira e segunda. Manifestóuselle que isto é claramente disciminatorio e, a maiores, unha clara vulneración do convenio colectivo en vigor.

Roupa de traballo

Canto á roupa de traballo que necesitaban distintos colectivos xusto uns días antes da reunión foi solucionada en varios casos, simplemente están pendentes, en principio, varios compañeiros dos readmitidos e o concelleiro amosou a súa vontade para solucionalo.

A maiores, tratáronse problemas relativos ao servizo de limpeza e a mobilidade inxusta á que están a someter a varias traballadoras de edificios e instóuselle ao Concello a que convocase o organismo pertinente para negociar as modificacións de xornada mais que estaba poñendo moitas trabas na conciliación da vida laboral e familiar dalgunhas traballadoras e que aínda por riba esta lousa sempre caía sobre as mesma. A representación do Comité tamén lle trasladou ao concelleiro que considera, que agás as auxiliares de axuda a domicilio, co resto de traballadores contratados ao abeiro do Plan de Cooperación o Concello podería estar incorrendo en fraude de lei, toda vez que non estaban sendo utilizados para a finalidade que o Concello indica nos documentos ao abeiro dos cales o Concello lle solicitou as subvencións correspondentes á Deputación da Coruña, é dicir, advertiulle que o Concello podería estar incorrendo en erros do pasado que poderían ter consecuencias como xa aconteceu en anos anteriores.

Outro dos puntos fundamentais foi o problema das horas extras que pode ser considerado como unha das continuas asignaturas pendentes. Neste mes de febreiro, o Concello pagou horas correspondentes ao ano 2013 porque xa en outubro dese ano esgotou a partida orzamentaria correspondente, e, de seguir así, advertímoslle que este ano pasará o mesmo, e isto supón graves prexuízos para os traballadores afectados toda vez que estas horas, en primeiro lugar, se cobran a varios meses vista, e en segundo lugar, sempre lle entra na regulación correspondente a un ano no que non as realizaron, é por tanto, é un xeito de enganar a realidade laboral. A maiores, o feito de ter pagado as horas do 2013 co nómina de febreiro de 2014 supuxo que estean pendentes as de xaneiro e febreiro de 2014, é dicir, que isto é un conto de non acabar. Unha vez máis, dende o Comité instóuselle ao concelleiro a que amañen o problema das extras a través de convenio e RPT e que agora ten unha moi boa oportunidade para solucionar problemas históricos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario