O pasado venres, o Concello achegoulle ao Comité de Empresa a información relativa ás axudas sociais do ano 2013 e indicoulle ao Comité que tiña dez días para emitir un informe sobre a devandita proposta. Hoxe mesmo, logo de reunir onte ao Comité de Empresa, este presentou por rexistro a súa proposta con respecto ao que se indicaba na información.
Para alén de todo o que o Comité, coas propostas que a CIG fixo na reunión de onte, recolle no informe que tedes máis abaixo, cómpre destacar que este ano a partida orzamentaria foi insuficiente, o que supón que haberá unha redución dunha porcentaxe de arredor dun dez por cento nas axudas individuais de cara un dos traballadores, que o propio Comité lle solicitou ao Concello que en cumprimento das propias bases lle comunique ao persoal co obxecto de que cada quen saiba o que lle vai corresponder. A maiores, a proposta do Concello, foi establecer unha idade límite nos descendentes que sería a que a axencia tributaria ten de referencia, é dicir, os 25 anos; esta proposta xa o propio Comité a ten feito chegar de cara a que se recollese nunhas novas bases que leva tentando que se negocien dende o ano 2012, mais tamén lle fixo ver ao Concello que o feito de non indicar ese límite na propia convocatoria das axudas podería dar lugar a reclamacións por parte dos afectados e recomendoulle, como sería propio do procedemento administrativo, que denegase motivamente esas axudas e llo comunicase aos afectados, porque se quixesen reclamar, tendo en conta que ata este ano nunca houbo límite de idade, en contraposición ao que poñían as propias bases de 2001, consideramos que é discutible que teñan dereito ou non.
Igualmente, o Comité solicitoulle ao Concello a ampliación da partida orzamentaria porque é obvio que resulta insuficiente, que cumpra os prazos marcados na propia convocatoria, tal e como dixo o concelleiro de Persoal que farían e que retome dunha vez por todas a negociación dunhas bases que non haxa que estar interpretando continuamente, por obsoletas, hai que ter en conta que estas levas 13 anos en vigor, porque logo as consecuencias sempre as paga o persoal.
Hai que destacar que o espallamento da información que se produciu sobre estas axudas dende que comezou a traballar este Comité de Empresa actual foi notable en canto con máis traballadores no cadro de persoal sempre sobraran cartos e agora, que cada vez somos menos, non chegan, era obvio que había un problema, e só porque todo o persoal estea informado de todo o que lle atinxe pagan a pena as loitas dos dous primeiros anos con respecto ás axudas sociais cando o Concello estaba instalado na discriminación manifesta, e cando os representantes dos traballadores, nun informe do propio secretario municipal eramos cualificados como "colectivo axurídico sen capacidade de decisión" e dous anos despois é o mesmo organismo que nos excluía das decisións o que nos pide un informe de cara a resolver as axudas que dirán que non é vinculante, mais si que é preceptivo porque así o pon o convenio colectivo.
Canto ás axudas concedidas a cada quen, e tendo en conta que haberá unha redución, se calquera traballador ou traballadora, no caso de que o Concello non publique as listaxes que debería publicar indicando, como mínimo, a contía e o concepto, ten interese en saber o que lle corresponde antes de recibir a nómina pode poñerse en contacto con calquera dos delegados e delegadas da CIG, como sempre.
Informe Comité axudas sociais ano 2013 by cigconcellobetanzos
Ningún comentario:
Publicar un comentario