"Non
é admisible que o resultado do control dos procesos de incapacidade
temporal se condicione polo cumprimento duns obxectivos que dan
dereito a percibir un complemento de produtividade", con esta
argumentación a Audiencia Nacional, a través dunha sentenza ditada
o pasado 18 de decembro, pon fin aos incentivos económicos que dende
2011 poderían cobrar os Inspectores do INSS en función do número
de altas médicas que tramitasen.
A
sentenza vén a confirmar o fallo ditado polo Xulgado Central do
Contencioso Administrativo o 24 de maio de 2013 que anulou
parcialmente a Resolución da Secretaría de Estado da Seguridade
Social do 7 de marzo de 2011, que establecía eses "incentivos",
concretamente anulou a parte da Resolución referida ao "índice
de adecuación da duración dos procesos da incapacidade permanente".
Segundo
José María Morán, vicepresidente da Federación de Asociacións de
Inspección de Servizos Sanitarios, "o criterio que anulou a
Audiencia condicionaba a función médica e técnica dos inspectores
do INSS", cando esa función, como a propia sentenza afirma, só
se debe rexer por criterios obxectivos e científicos.
O
vicepresidente de FAISS recordou tamén que, aínda que a sentenza se
refire aos inspectores do INSS, as súas conclusións son doadamente
extrapolables aos inspectores dos servizos sanitarios e aos médicos
de atención primaria que se enfrontan ao mesmo problema, con
obxectivos ligados ao resultado do seu labor, non ao seu rendemento.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario