08/04/14

Outra máis! O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñece como improcedente o despedimento doutro compañeiro

Nos pasados días o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar unha sentenza que estima o recurso presentando por un compañeiro a través da Confederación Intersindical Galega con respecto á sentenza do Xulgado do social número 3 da Coruña contra o Concello de Betanzos. Isto supón que TSXG declara improcedente a extinción da relación laboral existente entre o traballador e o Concello demandado e, en consecuencia este último, no prazo de cinco días dende a notificación poderá optar pola readmisión ou pola indemnización marcada na devadita sentenza.

Con esta última sentenza cúmprense 26 meses dende que este conflito laboral se iniciou, no momento do despedimento de oito compañeiros e compañeiras en febreiro do pasado 2012. Dous anos despois ficamos satisfeitos logo de oito sentenzas favorables aos traballadores e a readmisión de sete deles ata o momento e agardamos que proximamente o Concello, tal e como ten dito, siga o mesmo camiño e readmita ao compañeiro que conta cunha sentenza favorable dende a pasada semana e que traballou durante anos no cemiterio municipal.

Atrás quedan as declaracións do concelleiro de Persoal, Diego Fernández, co apoio do alcalde, no Pleno da corporación dicindo coas sentenzas na man que os despedimentos non eran improcedentes, os eternos debates nas reunións do Comité de Empresa cos delegados da UGT, que na mesma situación non foron despedidos como o resto de compañeiros, e que aínda por riba defendían ao Concello no caso dos despedimentos improcedentes ou a bochornosa situación que se viviu na última asemblea do persoal laboral cando pretenderon botar dela ao mesmo compañeiro que vén de gañarlle un novo xuízo ao Concello.

Esta boa nova supón un novo impulso para o traballo desta Sección sindical que nos demostra que aínda que tarde, ás veces faise xustiza, agora só queda que o Concello sexa tamén xusto e actúe por igual neste caso que nos anteriores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario