14/05/14

A desesperación de cobrar 14 días da paga extra que nos roubaron en 2012

Dende que hai varios meses a CIG gañase o conflito colectivo relativo aos 14 días da paga extra do ano 2012 o Concello anda a demorar o pagamento do que, na realidade, e máis tendo en conta os salarios da maioría do persoal laboral deste Concello, supón unha miseria para as contas municipais. Todos os meses a pregunta ao concelleiro de Persoal repítese e a resposta é a mesma, que non se sabe, desta volta, a semana pasada e á vista da indecisión do Concello dende a Sección sindical da CIG decidimos falar coa asesoría xurídica para que tramitase a execución da sentenza, á vista de que este Concello decidiu que quere traballar a este ritmo e de que as nosas únicas opcións pasan por recorrer ao xulgado ou á Inspección de Traballo constantemente.

Con posterioridade, infórmannos dende o Concello dun dato que o concelleiro de Persoal ocultou durante estes meses, supoñemos que deliberadamente, que é que o Concello pediu un informe a unha empresa externa para saber se o funcionariado podería cobrar tamén esta parte proporcional da paga extra de 2012, ao igual que o persoal laboral. Dito isto parece ser que o informe xa está no Concello e que indica que si que existe esta posibilidade e que agora que o funcionariado tamén a pode cobrar isto tomará un pulo, o propio alcalde informounos que a súa intención é pagalo coa nómina deste mes, mais o tempo dirá se efectivamente é así (que non estaría mal tendo en conta o tempo que xa deixaron transcorrer) ou simplemente é unha declaración de intencións que queda simplemente niso.

O que peor queda aquí é o concelleiro de Persoal porque cando a CIG lle dixo que o Concello podía, mediante resolución da Alcaldía proceder ao pagamento destes 14 días da paga de 2012, tal e como fixeron noutros concellos galegos, o goberno municipal obrigounos a presentar un conflito colectivo e acudir ao xulgado do social porque o persoal técnico (funcionario) indicáballe que era a única forma legal de solucionar o conflito; daquela Diego Fernández non decidiu recorrer a unha empresa externa para pedir un informe, decidiu que o persoal laboral tiña que ir a xuízo para facer valer os seus dereitos; desta volta, meses despois, segundo parece, os compañeiros funcionarios terán este dereito grazas a un informe xurídico dunha empresa externa ao Concello (non sabemos se é a mesma que quedou hai dous meses de entregar unha proposta de convenio), o persoal laboral teno grazas a unha sentenza xudicial, se iso non é trato diferenciado e discriminatorio, que alguén non explique esta dobre moral do goberno municipal para laborais e funcionarios.

Aínda así é unha moi boa nova que todo o persoal deste Concello recupere ese dereito porque o fai grazas ao traballo sindical da CIG, que foi quen iniciou este proceso para que recuperemos pequenos anacos dos que nos rouban os distintos gobernos ano a ano, e que por primeira vez neste Concello, e aínda que sexa cun trato diferenciado, o funcionariado consegue algo grazas a unha loita que comezou o persoal laboral, porque se algo está claro é que se non existise unha sentenza xudicial aquí non cobraban nin uns nin outros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario