No Boletín Oficial da Provincia de onte saiu publicada a convocatoria para a contratación temporal con carácter temporal dun ou dunha axente TIC. Como vén sendo costume o Concello nin sequera informou aos representantes dos traballadores e neste caso nin sequera lle achegou unha copia das devanditas bases.
Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos estudaremos o texto polo miúdo e farémoslle ao goberno municipal as achegas que consideremos pertinentes. Si que cómpre dicir que estas bases, non sabemos porqué publicadas con tanta premura, adoecen de diversos problemas e son unha boa mostra de como neste Concello non hai quen elabore unhas bases dun proceso con sentido común e sempre somos os representantes dos traballadores os que lle temos que lembrar ao Concello a legalidade vixente en materia de contratación. Un detalle pasa porque unha das carreiras exixidas non existe, o que restrinxe estas bases a un só perfil que se podería considerar o adecuado ou non, mais o certo é que si que pode resultar estraño que se priorice a formación en educacion social fronte á formación en informática (tendo en conta a dificultade de que se presenten persoas diplomadas nunha carreira na que non hai diplomatura) para un posto relacionado coas novas tecnoloxías.
Unha vez que fagamos a valoración, no caso de considerarmos que estas bases non se adecúan á legalidade vixente trasladarémollo, coma sempre, ao goberno municipal a través do rexistro e iniciaremos os pasos que consideremos oportunos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario