30/05/14

Mentira tras mentira... e houbo que volver ao xulgado

Hai unhas semanas informábamos de que o alcalde, Ramón García, lle dixera á representante legal do persoal laboral que o goberno municipal tiña intención de pagar os 14 días que nos deben da paga do ano 2012 coa nómina do mes de maio; daquela afirmabamos que o tempo nos diría se efectivamente isto era así ou só era unha declaración de intencións que quedaría niso; hoxe afirmamos que o alcalde mentiu e que nos parece unha total e absoluta vergoña que xogue así coas esperanzas dos traballadores e traballadoras deste Concello.

Co tempo chegamos a pensar que gaña realmente o goberno municipal con enganar e manter falsas esperanzas máis que perder credibilidade como gobernantes, se non tiñan intención de pagar puidérono dicir xa en febreiro e iamos ao xulgado daquela, aínda que se así o chegamos a facer, dirían que non hai diálogo pola nosa parte cando o que non hai é vontade pola súa, neste coma noutros casos, a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos só se limita a facer o seu cometido, ese para o que foi escollido polos traballadores e traballadoras deste Concello, e se o goberno municipal non quere facer a súa parte o problema será del, que cada quen cumpra co seu, e neste caso e logo de falar ata en tres ocasións co concelleiro de Persoal e unha co alcalde do tema e agardar catro meses... houbo que volver ao xulgado.

Por parte da CIG, pois, xa solicitamos a execución sentenza e comunicámoslle ao xulgado do Social da Coruña que o Concello aínda non nos pagou dende febreiro os cartos que nos debe para que sexa este quen llo requira. Realmente resulta bastante patético a estas alturas que haxa que acudir ao xulgado para amañar o que se debería amañar de portas para dentro mais a total pasividade ante o que acontece na área de Persoal por parte do propio alcalde e materializada no que xa se pode definir como pésima xestión da súa área por parte do concelleiro de Persoal, Diego Fernández, obrígannos a tomar este tipo de medidas.


Son varios os compañeiros e compañeiras que nos preguntan por este tema, sobre todo cando se afirmara que iamos cobrar o que nos pertencía, agora fica esperar a que o xulgado faga o seu traballo, mais entre tanto animamos aos traballadores e traballadoras a que transmitan as súas queixas directamente a quen conta con responsabilidades directas no Concello e está retendo os cartos que son nosos, porque o mínimo, xa que non se fai máis que o xulgado require, é escoitar o que ten que dicir o persoal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario