Hai unhas semanas informábamos de
que o alcalde, Ramón García, lle dixera á representante legal do
persoal laboral que o goberno municipal tiña intención de pagar os
14 días que nos deben da paga do ano 2012 coa nómina do mes de
maio; daquela afirmabamos que o tempo nos diría se efectivamente
isto era así ou só era unha declaración de intencións que
quedaría niso; hoxe afirmamos que o alcalde mentiu e que nos parece
unha total e absoluta vergoña que xogue así coas esperanzas dos
traballadores e traballadoras deste Concello.
Co tempo chegamos a pensar que
gaña realmente o goberno municipal con enganar e manter falsas
esperanzas máis que perder credibilidade como gobernantes, se non
tiñan intención de pagar puidérono dicir xa en febreiro e iamos ao
xulgado daquela, aínda que se así o chegamos a facer, dirían que
non hai diálogo pola nosa parte cando o que non hai é vontade pola
súa, neste coma noutros casos, a Sección sindical da CIG do
Concello de Betanzos só se limita a facer o seu cometido, ese para o
que foi escollido polos traballadores e traballadoras deste Concello,
e se o goberno municipal non quere facer a súa parte o problema será
del, que cada quen cumpra co seu, e neste caso e logo de falar ata en
tres ocasións co concelleiro de Persoal e unha co alcalde do tema e
agardar catro meses... houbo que volver ao xulgado.
Por parte da CIG, pois, xa
solicitamos a execución sentenza e comunicámoslle ao xulgado do
Social da Coruña que o Concello aínda non nos pagou dende febreiro
os cartos que nos debe para que sexa este quen llo requira. Realmente
resulta bastante patético a estas alturas que haxa que acudir ao
xulgado para amañar o que se debería amañar de portas para dentro
mais a total pasividade ante o que acontece na área de Persoal por
parte do propio alcalde e materializada no que xa se pode definir
como pésima xestión da súa área por parte do concelleiro de
Persoal, Diego Fernández, obrígannos a tomar este tipo de medidas.
Son varios os compañeiros e
compañeiras que nos preguntan por este tema, sobre todo cando se
afirmara que iamos cobrar o que nos pertencía, agora fica esperar a
que o xulgado faga o seu traballo, mais entre tanto animamos aos
traballadores e traballadoras a que transmitan as súas queixas
directamente a quen conta con responsabilidades directas no Concello
e está retendo os cartos que son nosos, porque o mínimo, xa que non
se fai máis que o xulgado require, é escoitar o que ten que dicir o
persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario