Máis unha vez, e xa por non perder os malos hábitos, pasou o mes de abril, onde tocaba reunión do Comité de Seguridade e Saúde e o Concello non o convocou, máis unha vez tamén os delegados de prevención da CIG víronse na obriga de rexistrar unha solicitude para que o Concello fixase a data da obrigada reunión.
No escrito proponse que os temas que se traten nesta reunión do Comité de Seguridade e Saúde sexan:
1. Avaliacións de riscos e plans de prevencón pendentes.
2. Condicións de certos locais.
3. Carga laboral
4. EPIS (Indumentaria para maquinaria perigosa)
E lémbraselle ao Concello que a última reunión tivo lugar o pasado 23 de xaneiro e que, como mínimo, o devandito Comité debe reunirse cada tres meses.
Igualmente, xa no mes pasado, os delegados de prevención da CIG informaron ao Concello de que a Oficina de Turismo non cumpre o establecido na Lei de Prevención de Riscos Laborais no relativo ás condicións de lugares de traballo, e, igualmente, nas oficinas de Servizos Sociais, facendo referencia específica ao problema do ruído que fai a calefacción e sobre o que teñen recibido queixas do persoal polas consecuencias que isto provoca.
Os compañeiros de prevención están á espera de que se fixe a reunión do Comité de Seguridade e Saúde para poder ir avanzando neste e noutros temas relativos á saúde e a seguridade laboral do persoal do Concello de Betanzos.



Ningún comentario:
Publicar un comentario