08/05/14

O horario de verán comeza o vindeiro mes de xuño

O Comité de Empresa vén de lle solicitar por escrito ao Concello que especifique en que horario se vai realizar a redución do horario de verán, á vista de que o Convenio colectivo non concreta nin o horario nin a compensación pertinente para o persoal que por motivos do servizo non pode realizar a redución horaria.

Hai que lembrar que o artigo 9.2. do Convenio colectivo do persoal laboral indica o seguinte con respecto á redución na xornada de verán:

Os meses de xuño, xullo e agosto, todo o persoal desfrutará dunha redución da xornada de 1 hora diaria, que se establecerá segundo as necesidades do servizo.”

Por tanto, segundo o convenio colectivo a xornada de verán comeza o vindeiro luns 2 de xuño e o Concello non comunicou especificación con respecto á redución horaria que se viña facendo ao final da xornada na maior parte dos departamentos e a modo de compensación en días libres nos que por motivos do servizo non podían desfrutar da devandita redución diaria, aínda que de xeito verbal o concelleiro de Persoal indicou que esta especificación se faría mediante unha resolución ou unha nota informativa para os traballadores antes de que comece o horario reducido.

Debido a isto, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG solicitou por rexistro que o Concello especifique o horario da redución diaria que comeza a vindeira semana en aplicación do convenio colectivo e estableza e comunique o sistema de compensación pertinente para o persoal que por motivos de servizo non pode realizar a redución horaria de xeito diario e que o Concello lle comunique canto antes todo o mencionado ao colectivo do persoal laboral de cara a lle dar a coñecer o horario en que poderá exercer o dereito recollido no artigo 9.2. do convenio colectivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario