28/05/14

Convocatoria de Comisión Negociadora do convenio colectivo

Logo de case catro meses e das insistencias por parte do Comité de Empresa en que se retome a negociación do convenio (e si, levamos tres anos retomando as negociacións, que xa é difícil), o Concello vén de adiantar por correo electrónico a convocatoria da Comisión Negociadora do convenio colectivo para o vindeiro venres día 6 de xuño. Non está mal que eles tarden catro meses e a nós nos dean unha semana para estudar todo polo miúdo, entendemos perfectamente que esa é a idea do goberno municipal de que ambas partes esteamos en igualdade de condicións na mesa negociadora correspondente.

Coa convocatoria achegouse unha proposta dunha parte do convenio, entendemos que é unha parte porque faltan anexos e todo o relativo a retribucións, sobre a que cómpre facer unha primeira lectura para a que xa a enviamos á Asesoría da CIG.

Tendo en conta que este venres xa estaba convocada a reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de maio, mais como é moi posible que non estea analizado polo miúdo o texto dun día para outro, a CIG proporá unha nova reunión na vindeira semana para debater posturas no Comité de Empresa e logo levalas á Comisión Negociadora do convenio colectivo. En todo caso, reparando que polo momento tampouco observamos a primeira vista que se traten dos temas máis relevantes no texto, tentaremos seguir defendendo as propostas do texto aprobado pola asemblea de traballadores en decembro de 2012 e convocaremos asemblea de persoal cando comecen as decisións importantes e sempre, por suposto, se consultará o texto final na asemblea, antes de asinar acordo ningún co Concello.

Coma sempre ao longo de todo este proceso, se calquera traballador ou traballadora quere calquera tipo de información puntual sobre o tema pode acudir a calquera dos delegados e delegadas da CIG, e seguir a información do noso blog, no que iremos informando puntualmente e tamén publicaremos as nosas impresións unha vez que analicemos o texto polo miúdo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario