Nos pasados días os delegados de prevención da CIG rexistraron un escrito no Concello onde lle lembraban que a concorrencia de empresas e persoal obriga a existencia dunha avaliación de riscos que descoñecen se o Concello lle solicitou á empresa contratada para a Feira Medieval.
No escrito rexistrado os delegados de prevención advírtenlle ao Concello de que teñen coñecemento
de que estes días hai persoal contratado a través dunha empresa e
realizando funcións relacionadas coa Feira Medieval que diariamente
traballa na grúa municipal, conducida por un traballador do
Concello de Betanzos. Segundo observamos este persoal está subido
na grúa e poñendo a decoración da devadita Feira por toda a vila
de Betanzos. Ademais, indícanlle ao Concello que teñen a obriga de lembrarlle
que a empresa que contratou o Concello a través dunha licitación
pública para a contratación dun servizo especializado de apoio á
organización da XVII edición da Feira Franca Medieval publicada na
web municipal no pasado mes de maio debe dispoñer da correspondente
avaliación dos riscos laborais ao abeiro do artigo 16 da Lei
31/1995 de prevención de riscos laborais. Por tanto, os delegados de prevención querían que quedase constancia disto e a importancia da coordinación das actividades
empresariais de cara a informar da responsabilidade tanto da empresa
contratada como do propio Concello no caso de que desgrazadamente
houbese algún incidente pola falta de seguridade laboral. Sen máis, os delegados de prevención deixaron constancia das apreciacións
indicadas con respecto á concorrencia de actividades empresariais
que se está a levar a cabo e que supoñen a concorrencia de persoal
propio do Concello e persoal contratado a través dunha empresa nas
actividades citadas.
A idea de facer un rexisto con respecto á actividade preventiva da empresa contratada para a Feira Medieval, que descoñecemos cal é porque o Concello publicou o anuncio na web mais a non a empresa que resultou gañadora do concurso, vén dada pola crecente preocupación da concorrencia de persoal de empresas privadas traballando a carón dos compañeiros do Concello e mesmo facendo uso de vehículos municipais.
Sen ir máis lonxe estes últimos días persoal que supoñemos que é contratado a través da empresa para a organización da Feira Medieval, e dicimos supoñemos porque descoñecemos a existencia dun proceso selectivo desas contratacións e o propio Concello non lle entregou copia de ningún contrato ao Comité de Empresa, traballa co propio guindastre municipal conducido polo condutor do Concello; é dicir, polo que puidemos observar, o vehículo municipal é conducido por un compañeiro do Concello mais subido a el vemos que hai persoal que debeu ser contratado a través dunha empresa privada, e esa concorrencia de persoal de diferentes empresa obriga á existencia dunha avaliación de riscos, por exemplo, para o persoal subido ao guindastre que descoñecemos tamén se ten os coñecementos necesarios para traballar neste tipo de vehículos.
O certo é que a preocupación polo tema da seguridade laboral medra día a día porque o Concello contrata continuamente empresas privadas que descoñecemos se cumpren a Lei 31/95 de prevención de riscos laborais, a precarización do emprego non só vén dada, neste caso, pola privatización, senón tamén, porque cada día vemos como o persoal contratado a través de empresas privadas para facer traballos que antes realizada o persoal municipal non cumpre as medidas de seguridade no traballo e parece que o Concello fai a vista gorda, aínda que xa sabemos que a saúde e a seguridade laboral do persoal tampouco nunca foi neste Concello un tema de máxima relevancia, tal e como o debería ser nunha Administración pública que debería dar exemplo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario