05/11/14

LA VOZ DE GALICIA MESTURA INTENCIONADAMENTE A XESTIÓN DA FORGA COAS IRREGULARIEDADES DA OPERACIÓN ZETA !!!

Non é a primeira vez que este medio de comunicación se presta a facerlle o xogo aos que lle insuflan inxentes cantidades de financiamento, publicando medias verdades, revolvidas con falsidades completas, co obxecto de despistar a atención pública das irregularidades cometidas por aqueles que o patrocinan; como acontece no caso que nos ocupa.

A acción de mesturar as anomalías administrativas, detectadas polo Consello de Contas na xestión de diversos cursos, coas imputacións penais realizadas aos encausados na trama zeta, non pode ser cualificada mais que de operación de "enmerdamento" a todo o que se mova; dirixida a distraer á cidadanía, tender cortiñas de fume e lavar a cara aos protagonistas da citada causa, que curiosamente manteñen fondas relacións co Partido Popular.

As anomalías detectadas polo Consello de Contas de Galiza na súa fiscalización de subvencións, poden ir dende: a ausencia na porta dunha aula do cartaz do Fondo Social Europeo, deica a discrepancia sobre a interpretación das normas da convocatoria. Tais anomalías son puramente administrativas e, como en calqueroutra actividade, tras a súa detección procédese a corrixilas ou a impugnalas, no suposto de desconformidade. En todo caso, se o Consello de Contas de Galiza advertise algún tipo de indicio de responsabilidade tería que dar traslado do mesmo ás partes e ao Tribunal de Contas, acción que non emprendeu.

Aos efectos de clarificar o que LA VOZ DE GALICIA pretende agachar e confundir, publicamos 3 documentos que, de certo, serán do teu interese e que revelan a intencionalidade revirada da noticia do xornal coruñés que, en breve, ha ser analizada polo Padroado da forGA, co obxecto de tomar as medidas precisas en defensa da honorabilidade da nosa fundación.


(O pasado 24/10/14, a forGA compareceu perante o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 6 da Coruña. no proceso aberto contra as empresas de Gerardo Crespo Riestra e varios membros da Consellaría de Traballo, por fraude na formación).

Nos próximos días informaremos sobre as decisións que tome o Padroado da fundación en defensa dos seus intereses.





Ningún comentario:

Publicar un comentario