Considera
"irrisoria" a axuda de 400€ durante 6 meses, para
desempregados/as de longa duración que leven máis dun ano sen
cobrar, proposta por goberno, patronal, CCOO e UGT
A
CIG considera absolutamente insuficiente a axuda para persoas
desempregadas de longa duración que prevé aprobar o Goberno, a
patronal, e os sindicatos CCOO e UGT. Entende que polo seu carácter
temporal -só durante 6 meses-, pola súa contía económica – 400
euros- e polos requisitos requiridos –que leven máis dun ano sen
cobrar- non atende ás necesidades reais deste colectivo.
Fronte a isto defende a creación dunha Renda de Inserción Social
para todas as persoas desempregadas que non cobran ningún tipo de
prestación.
Segundo as informacións publicadas en prensa, esta axuda só será
outorgada a quen cumpra uns estritos requisitos: ter traballado
algunha vez; ter extinguido a relación laboral por causas
involuntarias; non contar con ningunha prestación e ter esgotado xa
o programa PREPARA ou a Renda Activa de Reinserción hai máis de un
ano e non ter dereito a percibir un salario social, esa renda ou
axudas similares; carecer de rendas e ter responsabilidades
familiares e non estar cobrando ou non ter cobrado nos últimos 12
meses un dereito social. Todo isto xunto con permanecer inscritos
ininterrompidamente como demandantes de emprego.
Con
todos estes requisitos a previsión é que haxa unhas 309.760 persoas
beneficiarias en todo o Estado español. Unhas limitacións
coas que o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que se está
é a deixar a miles de persoas sen ningún tipo de prestación e o
que é peor, sen solucionar o problema real de pobreza e exclusión
social existente.
Lembra
que segundo os últimos datos publicados polo INE, referidos ao mes
de outubro, só en Galiza hai un total de 117.031 persoas que non
cobran ningunha prestación e denuncia que atendendo a todos eses
requisitos, a maioría seguirán sen ter dereito a axuda de ningún
tipo.
Salienta
ademais que nin sequera para quen cumpra eses requisitos será unha
saída real, porque “nada indica que as circunstancias económicas
vaian cambiar en breve e é moi difícil que esas persoas, paradas de
longa duración, vaian conseguir un contrato laboral en 6 meses, polo
que transcorrido ese tempo volverán estar sen ingreso ningún”.
A
isto engade que tampouco será abondo a contía económica prevista,
400€ que asecende a 456€ se ten a máis de 3 persoas ao seu
cargo. “Exclúese a quen non teña cargas familiares, para quen xa
sería unha cantidade insuficiente, pero para quen as teña vai ser
imposíbel sobrevivir con eses 456€”.
Renda
de Inserción Laboral
Por
iso, fronte a isto, a CIG aposta pola creación dunha Renda de
Inserción Laboral. Unha proposta que xa figuraba entre as recollidas
na ILP impulsada pola central sindical, que foi debatida o pasado mes
de xuño no Parlamento de Galiza e rexeitada cos votos en contra do
Partido Popular.
O
secretario xeral da CIG sinala que esta Renda de Inserción Laboral
estaría dirixida a todas as persoas desempregadas que non cobraran
ningún tipo de prestación, cunha contía mínima igual ao Salario
Mínimo Interprofesional (SMI) e con carácter indefinido, mentres
non se atope emprego.
A
isto engade que a CIG entende que esta prestación tería que vir
acompañada por un proceso de atención personalizada no que se
elaborara un itinerario con todas aquelas medidas necesarias para
garantir a reincorporación ao mercado laboral das persoas
beneficiarias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario