Dende a Confederación Europea de Sindicatos (CES) repróchase á
Comisión Europea que suspendese o traballo sobre a lexislación que
protexe a traballadores e traballadoras de substancias químicas
causantes de cancro. A secretaria xeral considera vergonzante que
medidas destinadas a protexer a saúde de traballadores e
traballadoras estean a ser tratadas por burócratas que as consideran
unha carga innecesaria para a industria.
Hai vinteseis anos que non se revisa a directiva europea sobre
substancias canceríxenas para a protección de traballadores/as; nun
principio eran as empresas as que bloqueaban, agora é a propia
Comisión Europea, que se escuda no argumento de que hai un marco
regulatorio excesivo e que se sobrecarga con normas regulatorias ás
pemes.
Dende outubro de 2013 a Comisión Europea ten aparcada a
lexislación que fixa os límites de exposición a químicos que
causan cancro. Hoxe en día só hai tres substancias químicas que
provocan cancro con límites de exposición fixados: benceno, cloruro
de vinilo monómero e pó de madeiras duras.
Na UE existen 1.146 substancias clasificadas como canceríxenas,
mutáxenas ou tóxicas para a reprodución. A Confederación Europea
de Sindicatos reclama o estabelecemento de límites de exposición
obrigatorios para unha relación de cincuenta substancias que
consideran prioritarias como primeiro paso (ligazón á relación).
Ningún comentario:
Publicar un comentario