O Pleno do Parlamento de Galiza debateu e aprobou o martes 28 de
abril a Lei de Emprego Público de Galiza, contando co único apoio
do Partido Popular, tras rexeitar 802 emendas da oposición.
Mentres no interior do Pleno se desenvolvía o debate, ás portas,
delegados e delegadas da Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Saúde
e CIG-Administración), concentrámonos para manifestar, unha vez
máis, o noso rotundo rexeitamento a esta lei que está moi lonxe de
ser unha auténtica Lei de Emprego Público, porque nin fala de
recuperación de servizos públicos, nin fala de recuperación de
emprego público.
Lonxe disto, denunciamos que a lei vai afondar nas privatizacións
na administración e na desaparición de moitas das regulacións que
temos as traballadoras e traballadores. Tampouco recupera de ningunha
maneira a parte económica que temos recortada nestes anos.
A CIG denuncia ademais que con esta lei consolídanse as taxas de
reposición, e polo tanto seguirán a amortizarse as prazas das
traballadoras e traballadores que se xubilen ou abandonen a
administración por algún motivo. As ofertas de emprego son cero, co
cal o pouco que hai neste momento de administración pública vai ir
a menos e parte dese traballo vai ir directamente ás empresas
privadas que son quen o van facer.
Por iso as e os concentrados solicitamos, unha vez máis, a
retirada da Lei e que, de verdade se faga unha lei de emprego público
galego onde se poida encetar unha negociación profunda para que
efectivamente se aborden os graves problemas que teñen os servizos
públicos e o seu persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario