A CIG-Xustiza manifesta a súa
satisfacción e reitera o seu compromiso coa defensa de que sexa un
servizo público e gratuíto
O sector de Xustiza da
CIG-Administración manifesta a súa satisfacción polo anuncio do
Ministro de Xustiza de que o rexistro civil seguirá sendo público.
Considera que isto demostra que a loita do persoal, co apoio das
organizacións sindicais e das galegas e galegos, é un medio eficaz
para frear este tipo de proxectos privatizadores e reitera o seu
compromiso na defensa dun rexistro civil público, gratuíto e
atendido por persoal da administración pública.
Na reunión celebrada onte, día 28 de
abril, o Ministro de Xustiza anunciaba aos sindicatos presentes na
mesa estatal de Xustiza, entre os que esta a CIG, que a decisión que
ten tomada o Goberno é abandonar de xeito definitivo o proxecto de
entrega do Rexistro Civil aos Rexistradores da Propiedade.
Segundo informa Xesús H. Sánchez
Costa, Secretario Nacional do sector de Xustiza da CIG, o ministro
afirmaba ademais que non se trata dunha mera paralización ou
retraso, senón que retiran definitivamente o proxecto privatizador
no que viñan traballando. Para iso van modificar as disposicións
legais onde se mencionan aos Rexistradores e se prorrogará a entrada
en vigor da Lei 20/2011 polo menos ate a segunda metade do ano 2016.
“Dende a CIG-Xustiza non podemos máis
que alegrarnos de ter obrigado entre tod@s ao
Goberno a retirar o Proxecto privatizador do Rexistro Civil, e isto
demostra que a loita e a presión do persoal de Xustiza e da
cidadanía co apoio Sindical si son efectivas”, asegura
Sánchez Costa quen subliña que “a CIG-Xustiza non cesará na súa
esixencia dun modelo de Rexistro Civil público, gratuíto e
servido por persoal da Administración de Xustiza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario