04/05/15

O goberno abandona o proxecto de privatización do rexistro civil

A CIG-Xustiza manifesta a súa satisfacción e reitera o seu compromiso coa defensa de que sexa un servizo público e gratuíto

O sector de Xustiza da CIG-Administración manifesta a súa satisfacción polo anuncio do Ministro de Xustiza de que o rexistro civil seguirá sendo público. Considera que isto demostra que a loita do persoal, co apoio das organizacións sindicais e das galegas e galegos, é un medio eficaz para frear este tipo de proxectos privatizadores e reitera o seu compromiso na defensa dun rexistro civil público, gratuíto e atendido por persoal da administración pública.

Na reunión celebrada onte, día 28 de abril, o Ministro de Xustiza anunciaba aos sindicatos presentes na mesa estatal de Xustiza, entre os que esta a CIG, que a decisión que ten tomada o Goberno é abandonar de xeito definitivo o proxecto de entrega do Rexistro Civil aos Rexistradores da Propiedade.

Segundo informa Xesús H. Sánchez Costa, Secretario Nacional do sector de Xustiza da CIG, o ministro afirmaba ademais que non se trata dunha mera paralización ou retraso, senón que retiran definitivamente o proxecto privatizador no que viñan traballando. Para iso van modificar as disposicións legais onde se mencionan aos Rexistradores e se prorrogará a entrada en vigor da Lei 20/2011 polo menos ate a segunda metade do ano 2016.

“Dende a CIG-Xustiza non podemos máis que alegrarnos  de ter obrigado entre  tod@s  ao Goberno a retirar o Proxecto privatizador do Rexistro Civil, e isto demostra que a loita e a presión do persoal de Xustiza e da cidadanía co apoio Sindical  si son efectivas”, asegura Sánchez Costa quen subliña que “a CIG-Xustiza non cesará na súa esixencia dun  modelo de Rexistro Civil público, gratuíto e servido por persoal  da Administración de Xustiza”.



Ningún comentario:

Publicar un comentario