A CIG súmase á iniciativa social
para recoller 2 millóns de sinaturas antes da votación na
Eurocámara dunha resolución sobre o TTIP
Do 8 ao 10 de xuño, o Parlamente
Europeo discutirá unha proposta que, aínda que non é vinculante
para a Comisión Europea, marcará as liñas xerais dos contidos do
TTIP. Por toda Europa, a plataforma “Stop TTIP”, apoiada pola
CIG, está recollendo sinaturas contra destes tratados para
presentalas aos/ás europarlamentarios/as. Súmate a esta iniciativa
e asina para conseguir a non aprobación de tan destrutivos tratados.
Están en xogo os teus dereitos.
O obxectivo da iniciativa “Stop
TTIP” é recoller 2.000.000 de sinaturas en toda a Unión Europea.
Nestes momentos as sinaturas recollidas superan xa o 1.700.000. É
necesario, pois, un último esforzo para chegar ao obxectivo fixado.
Por iso, CIG anima a apoiar esta nova iniciativa, que podes asinar no
formulario que hai ao final desta nova.
Esta campaña dá continuidade
ás mobilizacións que se están a desenvolver en ambas
beiras do Atlántico contra tan lesivos tratados. Cómpre lembrar que
o pasado 18 de abril celebrouse unha xornada de loita con
máis de 800 actos en Europa e Norteamérica. A CIG, xunto con
numerosas organizacións sindicais e sociais, participou activamente
nesta xornada realizando concentracións en todas as cidades galegas.
Igualmente, a CIG, como membro da
rede social europea Alter Summit, está a ter presenza permanente nos
espazos europeos de divulgación, denuncia e combate a estes
tratados. O responsábel da Área de Internacional da central
sindical, Ramón González Boán, asistiu a reunión da plataforma
que tivo lugar o pasado 2 de maio en Atenas, onde se avaliou a
xornada internacional de loita e se estudaron novas accións a
desenvolver.
Menos dereitos e ningunha
soberanía
A Unión Europea está negociando
cos Estado Unidos (EEUU) un “Tratado de Libre Comercio e
Investimentos”, coñecido popularmente polas siglas en inglés como
TTIP. Hai uns meses concluíu a negociación con Canadá dun tratado
similar (CETA).
Estamos diante de dous tratados
que se negocian en absoluto secreto, supeditan a soberanía nacional
aos intereses das multinacionais, impoñen moitas máis dificultades
ás nacións que, como Galiza, non teñen Estado de seu, restrinxen
gravemente a democracia, favorecen a privatización de todos os
servizos públicos, rebaixan a protección social a límites
impensábeis, dan vía libre aos transxénicos e aos organismos
xeneticamente modificados, reducen drasticamente a protección
medioambiental, etc.
Estes tratados, con orientación e
contidos absolutamente neoliberais, queren rebaixar ao mínimo a
protección laboral e social, igualándonos ao modelo de EEUU e
eliminando así as conquistas conseguidas en máis de 100 anos de
loita da Clase Traballadora. Xunto a isto, permiten ás
empresas presentar demandas contra os estados cando estas se
consideran ser afectadas na súa competencia ou actividade.
Estabelecen, ademais, mecanismos para impedir que novas leis
condicionen ou limiten os investimentos empresariais e os seus
lucros.
Os estados perden a súa soberanía
e poder de decidir e gobernar sobre os seus recursos. A clase
traballadora resulta sacrificada en beneficio dos multimillonarios
aos que estes Gobernos entregan todo o poder, porque traballan para
eles. En que situación quedará o pobo galego, como se enfrontará a
nosa industria, a nosa pesca, o noso agro e a nosa clase traballadora
a un ataque tan brutal e antidemocrático aos nosos recursos e
dereitos? Se non decidimos nós o noso destino, non teremos futuro
como pobo.
Paremos o Tratado Transatlántico!
(Ten en conta que hai que validar
a sinatura dende a dirección de correo electrónico que facilites ao
cubrir o formulario. A esa conta vaiche chegar un correo electrónico cunha
ligazón. Cando pinches nesa ligazón pasarás a outra pantalla e a
túa sinatura estará validada, rematando así o proceso).
Ningún comentario:
Publicar un comentario