28/05/15

O Concello denégalle ao Comité de Empresa, pola vía da non resposta, unha copia dunha sentenza favorable laboral e salarialmente a un delegado da UGT

No pasado mes de febreiro o Comité de Empresa solicitou unha copia da sentenza que lle supón unha suba de categoría profesional a un delegado da UGT, que na RPT actual ten unha praza de grupo 4 e que segundo nos informaron logo da devandita sentenza pasaría a ser grupo 2 e que a día de hoxe o Concello aínda non lle facilitou. 

O Concello ten a obriga de informar ao Comité de Empresa sobre todas as modificacións que teñan que ver cos postos de traballo mais neste caso en concreto négalle a documentación e desde a CIG descoñecemos o motivo de tanto sixilo cando este tipo de información podería ser interesante para o resto do persoal, no caso de que o Concello estime que hai máis persoal realizando funcións de superior categoría.

O interese do Comité de Empresa nesta sentenza reside na súa posible aplicación a outros traballadores e traballadoras xa que os que os delegados dese sindicato que textualmente "van a mirar polo seu" non a dar a coñecer. Ademais, o custo da aplicación das novas retribucións segundo o convenio que está en trámite non contemplaba este aumento de categoría profesional que suporía a maior suba salarial de todo o cadro de persoal e debería incrementar a partida orzamentaria correspondente para a aplicación do convenio; por outra banda é posible que como UGT non está a favor do novo convenio todos os delegados actuais e os traballadores que apoian a súa candidatura renuncien voluntariamente á mellora das condicións salariais e laborais que lles vai supor a aplicación dun convenio que non queren, desde logo esa sería a postura coherente, e non beneficiarse do que critican e non apoian.

Non é a primeira vez que o Concello de Betanzos denega pola vía da non resposta a documentación solicitada polo Comité de Empresa, mais neste caso en concreto, e tratándose dun delegado do sindicato que apoiou ao goberno municipal e foi contra os compañeiros nos despedimentos improcedentes que realizou no ano 2011 isto xa cheira que fede, e máis aínda cando vai supor unha modificación da RPT e unha suba automática de dúas categorías profesionais a un traballador.

En todo caso o que está claro é que se un traballador gaña nun xuízo dereitos deben ser de coñecemento para todo o persoal pola posible extensión desa setenza, de aí que nos pareza inexplicable que sexa xusto a sentenza do delegado da UGT a que o Concello teima en ocultarlle á representación do Comité de Empresa que na actualidade ten a maioría da CIG. Nós, até o momento sempre tentamos darlle a máxima difusión a todas as sentenzas gañadas polos traballadores para que fosen de coñecemento xeral e por se lle podían servir a outros compañeiros en situacións similares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario