18/06/15

O goberno municipal despide a dúas traballadoras de limpeza na primeira semana de goberno

Con data do venres e co alcalde en funcións o goberno municipal decidiu rescindirlle o contrato ás dúas traballadoras de limpeza do aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín. A comunicación deste despedimento chegoulles catro días máis tarde e con tan só tres días de preaviso e un incumprimento dos prazos recollidos na lexislación vixente. A partir deste venres o aulario fica sen persoal de limpeza.

Desde a CIG levamos catro anos denunciando os problemas que causa a falta de persoal no servizo de limpeza, así coma noutros departamentos, da non cobertura das baixas nin xubilacións e da vontade do goberno de privatizar. Este problema á especialmente grave no colexio CEIP Francisco Vales Villamarín e no aulario, a ambos os centros acoden máis de novecentos alumnos e a carga de traballo denunciada xa polos delegados de prevención da CIG en múltiples ocasións, supón que o traballo que facían sete traballadoras viña sendo realizado por catro que logo destes despedimentos fican en dous os dous edificios onde acode semellante cantidade de alumnado.

As compañeiras están valorando presentar unha demanda por despedimento improcedente e as vías legais de reclamación ás que poden optar para loitar contra esta inxustiza. Xa en setembro de 2014 o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, advertiulle ao Concello que entendía que o contrato por obra ou servizo debe ter autonomía e susbtantividade propia dentro da actividade da empresa e que estes novos contratos se estaban a realizar á marxe da Relación de Postos de Traballo.

A maiores, tivemos coñecemento de que a última xubilación do persoal de limpeza dos edificios municipais foi cuberta cunha traballadora dunha empresa privada e o goberno incumpriu as súas propias normas ao non respectar as listaxes de substitución de limpeza vixentes, coas que poderían cubrir os postos necesarios con empregados públicos. Isto é máis grave aínda se temos en conta que despide a persoal municipal e supostamente cubre as xubilacións a través de privatizacións.

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, solicitou unha reunión de urxencia co alcalde, á vista de que aínda non está nomeado o concelleiro de Persoal, para preguntarlle por estes despedimentos e solicitar información sobre a presunta privatización da limpeza de edificios sobre a que nos informaron algúns compañeiros. Ademais exixiralle explicacións pola falta de información puntual ao Comité, sobre todo o que ten ver coas contratacións, tal e como é preceptivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario