06/07/15

O Concello vulnera dereitos, discrimina e sobrecarga ao persoal de limpeza, un servizo público que fai camiñar cara ao desmantelamento

Os problemas da falta de persoal no servizo de limpeza comezan a afectarlle seriamente aos cada vez máis escasos compañeiros e compañeiras que forman parte deste. O Concello, no canto de cubrir as baixas, cousa que está demostrado que pode facer á vista de que acaba de cubrir mesmo as vacacións de axuda a domicilio, teime en sobrecargar ao persoal e mesmo modificar condicións laborais á vista de dificultar a conciliación da vida laboral e familiar.

Desde a CIG consideramos a situación actual da xestión deste servizo completamente nefasta e coidamos que é hora de que o goberno municipal tome decisións firmes e inmediatas se quere demostrar que non está tentando desmantelar o servizo para logo privatizalo e externalizalo, por iso reunimos mañá o Comité coa idea de dar pasos adiante e ir máis aló toda vez que vemos que a última reunión co alcalde logo do despedimento das compañeiras do aulario non serviu para practicamente nada.

Na liña de protestas ante o descaro na vulneración de dereitos do persoal e  falta de respecto que demostra o goberno municipal ao modificar condicións laborais de xeito unilateral sen negociación de ningún tipo, nin notificacións nin aos propios interesados nin ao Comité de Empresa o Comité solicitoulle por rexistro ao Concello o seguinte:

Que o Concello de Betanzos cumpra estritamente a legalidade vixente no que ten a ver coas condicións laborais do persol laboral ao servizo desta Administración, informe e notifique puntualmente ao Comité de Empresa de todas as modificacións que promova e facilite a conciliación laboral e familiar do persoal no canto de a dificultar, nomeadamente ao persoal que a ten concedida por unha resolución da Alcaldía vixente.

 Que o Concello de Betanzos tome as medidas oportunas para cubrir as baixas e xubilacións do servizo de limpeza de edificios e faga unha distribución equitativa do traballo entre o persoal do mesmo departamento non tal e como se está a facer na actualidade, posto que está repercutindo nun claro deterioro do servizo público.

Aquí tendes o escrito rexistrado onde se relata polo miúdo a situación de vulneración da legalidade vixente en materia laboral na que o Concello está a incorrer e o Comité, por inicitiva da CIG, transmítelle  o seu malestar e solicítalle que tome as medidas oportunas de cara a solucionar a delicada situación que atravesa este servizo sen facer recaer responsabilidades que non lle corresponden ao persoal nos poucos traballadores con que conta o servizo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario