04/08/15

Unha semana despois seguimos sen solución

Tal e como puidestes ver nos medios, o pasado martes aprobouse por unanimidade a moción que vos achegamos aquí. e que presentaron Betanzos Novo, Bloque Nacionalista Galego e Compromiso por Galicia en apoio ás reivindicacións do Comité de Empresa.

Pouco antes da concentración o voceiro do PP comunicoulle á presidenta do Comité o apoio do seu partido á moción e desde ese momento soubemos que sairía adiante mais a sorpresa foi que o propio PSOE votase a favor dunha moción para solucionar un problema que non só el mesmo creou senón que puido ter atallado hai xa ben tempo antes de chegar a esta situación.

Con anterioridade ao pleno os traballadores e traballadoras concentrámonos como protesta ante o desmantelamento do servizo, a privatización dos servizos públicos e en apoio ás compañeiras despedidas. Tamén nos apoiaron representantes de todos os partidos políticos da oposición e veciños e veciñas que se achegaron ata a Praza da Constitución.

Desde a Sección sindical da CIG queremos agradecer a todos e todas as asistentes o seu apoio aos servizos públicos en xeral e mais ao servizo de limpeza municipal en particular, tamén aos compañeiros e compañeiras que asistiron porque sabemos que aínda que hai cousas que cambiaron nestes anos aínda dar a cara pode tristemente traer consecuencias mais aínda así deron a cara en defensa dos servizos públicos e en apoio aos compañeiros e compañeiras do sector máis gravemente afectado na actualidade pola escasez de efectivos.

Cómpre destacar tamén o escaso apoio dos sindicatos con representación entre o funcionariado, que no caso de CCOO nin apoiou publicamente nin apareceu e no caso do CSIF fixo un brinde ao sol nos medios o mesmo día que non se materializou nun apoio físico na concentración nin en dar a cara polo servizo de limpeza no que tamén na actualidade hai persoal funcionario. Tamén é moi significativo que só hai dous anos UGT apoiase ao Concello nos despedimentos dos oito compañeiros e compañeiras do xa inexistente GRUMIR mesmo indicando logo de ter as sentenzas enriba da mesa que os seus despidos eran procedentes e defendendo ao goberno municipal ante tal inxustiza, e hoxe, dous anos despois, se posicione supostamente do lado das traballadoras despedidas, aínda que sen levar a cabo propostas de acción efectivas, e tente lavar a cara cando o único que deixa claro é que non usa o mesmo criterio para todos os traballadores, senón que os defenden ou non en función de se lle poden tirar proveito ao conto. 


O caso é que hai xa unha moción foi aprobada o martes pasado e o Comité de Empresa segue sen saber absolutamente nada do tema. A única novidade é a que xa advertiamos que con dous traballadores de vacacións, tal e como lles corresponde, o Concello conta só cunha única limpadora que se dedica ao Centro Cultural San Francisco e a Escola Infantil Municipal mentres o resto das dependencias apodrecen e o goberno municipal non se digna a facer efectiva a moción que el mesmo apoiou. A situación complicarase nas vindeiras semana co inicio do curso escolar e a inexistencia de persoal de limpeza para o aulario, para alén dos efectivos baixo mínimos con que contará a sede principal do centro unha vez que dous compañeiros se reincorporen das vacacións.

Resultou moi curioso que no pleno, o concelleiro de Persoal, Diego Fernández López, indicase que proximamente se ían dar de alta varios traballadores do servizo facendo alarde dos seus coñecementos e de decisións médicas que aínda están por vir, non sabemos se quizais nos contactos do Concello coa mutua se apuran as altas, mais realmente esta afirmación sobre a evolución do estado de saúde das baixas deixounos sorprendidos, porque un Concello que nin sequera prevé cubrir as vacantes por xubilación nin cubre as baixas de longa duración está preocupado da data de alta do persoal doente e aduce como solución a un problema grave de efectivos que non nos preocupemos, os que están enfermos proximamente se van poñer ben..., ás veces dá ganas de buscar a cámara oculta cando o concelleiro de Persoal abre a boca porque SOBE O PAN!

Desde a Sección sindical da CIG queremos denunciar que a unha semana de que o pleno aprobase a moción para a cobertura das baixas a situación non só non mellorou, senón que empeorou e de tres efectivos da limpeza a día de hoxe só temos coñecemento dunha persoa que estea traballando no mes de agosto. De seguir así o tema instaremos ao Comité a solicitar unha nova reunión co concelleiro de Persoal ou mesmo co alcalde, tentando esgotar todas as vías de diálogo para solucionar este caos que o desgoberno do Partido Socialista está causando no Concello de Betanzos, porque gobernar é tomar decisións ou executalas e, neste caso, o pleno xa tomou a decisión, e o goberno municipal só se ten que limitar a executala, mais polo que se ve, toma o seu tempo.

NON AO DESMANTELAMENTO DO SERVIZO DE LIMPEZA!!!

SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS

CONTRA A PRIVATIZACIÓN

READMISIÓN DAS COMPAÑEIRAS DESPEDIDAS

SOLUCIÓNS XA!!!!!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario