O
Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto de medidas
en materia de emprego público, sen previa convocatoria da Mesa de
Negociacións
A
Área Pública da CIG (CIG-Adminsitración, CIG-Ensino, CIG-Saúde),
diante do anuncio propagandístico do Consello de Ministros de que se
devolverán ás empregadas e empregados públicos as pagas extra
suprimidas, denuncia que se trata dunha operación estética e
electoralista, que se ningunearon os órganos de representación e
reitera todas as súas demandas.
A
Área Pública da CIG lembra que o Ministro de Facenda e
Administracións Públicas xa se comprometera ante a mesa Xeral das
administracións públicas do pasado 30 de xullo a abrir un proceso
de negociación en dito ámbito. Porén asegura que, a día de hoxe,
cun Real Decreto Lei anunciado este venres e o proxecto de Lei de
Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2016 en trámite, non houbo
nin unha soa convocatoria a Mesa de Negociación.
Por iso considera
que é “un insulto aos órganos de representación que hoxe se
aprobe esta modificación das condicións de traballo sen convocar á
mesa xeral de empregadas/os públicos/as”. Entende ademais que é
“insultante que a CSIF queira utilizar as/os traballadoras/es
públicos como vasalos do Partido Popular” e que se presente como
“portavoz da organización política que nos suprimiu os nosos
dereitos adiantando as medidas que adoptará o goberno”.
A Área Pública da
CIG lembra ademais que xa na primeira semana de agosto o propio
Feijóo anunciou tras da celebración do Consello da Xunta que o 25%
da paga extra do ano 2012 será reintegrada aos traballadores/as da
Xunta de Galiza en este ano 2015. “Non sabemos nada efectivo sobre
iso, repiten este anuncio unha e outra vez como pura propaganda e
agora o reiteran porque estamos ás portas dun novo proceso
electoral”.
CIG-Área Pública
queda á espera de poder coñecer o contido completo do Decreto
e ver o alcance que terá para o conxunto das administracións
públicas aquí en Galiza. En todo caso denuncia “a discriminación
que supón entre distintas administración, xa que ese decreto é de
aplicación directa para o persoal da Administración Xeral do
Estado” e subliña que “cando son recortes ou anulación de
dereitos os decretos leis son de obrigado cumprimento para o persoal
de todas as administracións pero cando son reposicións levan
coletillas de que quedan á consideración das posibilidades de cada
administración”.
En todo caso, para a
CIG é insuficiente que se limiten unicamente a devolver as pagas
extra subtraídas. Xunto a isto exixe que se recuperen todos os
dereitos que foron suprimidos a través dos sucesivos decretos e leis
que supuxeron un retroceso gravísimo nas condicións laborais,
salariais e sociais de todas as empregadas e empregados públicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario