20/09/15

Delegados/as da CIG na Coruña mobilízanse en demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega

"Reivindicar unha tarifa propia é unha demanda de sentido común", aseverou o Secretario Comarcal
A Unión Comarcal da CIG da Coruña realizou este xoves unha concentración diante da Delegación do Goberno en demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega. A protesta enmárcase na campaña de recollida de apoios á Iniciativa Lexislativa Popular que impulsa a central sindical de “Medidas para garantir a enerxía como un servizo público e contra a pobreza enerxética”.

O Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, explicaba ás portas da Delegación que a reivindicación dunha tarifa propia parte da consideración de que “somos un país produtor, excedentario e exportador de enerxía. Pero á hora de estabelecer o prezo da electricidade non se ten en conta esta singulariedade, posto que existe un marco tarifario único para todo o estado”. "Reivindicar unha tarifa propia é unha demanda de sentido común", afirmou.

O marco regulatorio e tarifario único e as decisións adoptadas polas empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio a través do seus centros de decisión afastados de Galiza, provocan que nunca recibiramos vantaxes na nosa condicións de país produtor. Iso sen perder de vista que o prezo da electricidade no Estado español é o 3º máis caro de Europa para o consumo doméstico e o 8º para o uso industrial.

Neste senso, Filgueira lembrou que a tarifa que pagamos está configurada nun 45% polo custe da enerxía, mentres que o resto corresponde a peaxes políticas (nas que intervén o goberno) que inclúen conceptos como o custe de transporte, as primas ás renovábeis, as axudas ao carbón español, a moratoria nuclear ou os custes da extrapeninsulariedade. Custes que ascenden a miles de millóns anuais e que os galegos e as galegas tamén abonamos aínda sendo produtores e exportadores.

É dicir, somos solidarios con outros territorios e industrias, pero non hai unha soa peaxe política que implique solidariedade con quen produce, a pesares de termos que sufrir os custes sociais e medioambientais da especialización neste sector á que se nos forzou dende o Estado”, aseverou.
Isto é un factor fundamental, engadiu Filgueira, polo que a CIG entende que temos dereito a unha bonificación nas peaxes de acceso que permita unha rebaixa no prezo da enerxía, tanto para o consumo doméstico como para o industrial. A central sindical calcula esta rebaixa nun 30% nas peaxes.

Garantía de servizo público

Doutra banda, o sistema de poxa para a subministración –que determina o prezo das enerxías- provoca que permanentemente haxa enerxías hiper-retribuídas e polo tanto, empresas privadas obtendo beneficios millonarios a conta dun sector estratéxico para Galiza e que debería ter un marcado carácter público e galego.

Neste senso, a ILP promove a participación da Xunta de Galiza, directamente ou a través de empresas mixtas, no aproveitamento público de todos os recursos enerxéticos, así como de todas as instalacións de produción, distribución e transporte existentes no noso país.

É fundamental que poidamos deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza e para garantir o dereito universal de toda a poboación ao consumo enerxético. Non cómpre esquecer que hai máis de 100.000 fogares galegos que padecen pobreza enerxética, que teñen dificultades para pagar o recibo a final de mes e que non poden garantir unhas condicións mínimas de habitabilidade, sobre todo en épocas de inverno.

Tarifa industrial estábel

O Secretario Comarcal da CIG da Coruña puntualizou que no texto da proposta lexislativa tamén se recolle o estabelecemento dunha tarifa industrial estábel para as empresas con grandes consumos capaces de desconectarse, que substitúa ao actual sistema de poxa da interrumpibilidade.

Unha tarifa estábel, coñecida e predicíbel, ao mesmo xeito que funciona no mercado internacional ou como xa está estabelecida en Francia, Alemaña ou Canadá. “Este sistema evitaría definitivamente a inseguridade que xera a poxa anual en industrias con grandes consumos como Alcoa”, matizou. 

A ILP promovida pola CIG tamén recolle medidas sobre diversificación das fontes de enerxía e o desenvolvemento das renovábeis, ou a aprobación dun plan de medidas para o fomento do aforro e a eficiencia no consumo enerxético.

Asemblea informativa para os delegados e delegadas

Previamente á concentración, as delegadas e os delegados da CIG da Coruña asistiron a unha asemblea na que Fernando Branco se encargou de debullar polo miúdo o funcionamento do sistema eléctrico español, como se estabelece o prezo da enerxía no mercado e como se constrúe a factura que pagamos as e os consumidores.


Ningún comentario:

Publicar un comentario