A insistencia na publicación dos acordos da Mesa Xeral canto aos días foi un deles, ao que o Concello xa lle deu cumprimento onte mesmo. Mais o problema dos días tratouse especialmente ao abeiro da delicadísima situación que viven as traballadoras da Escola Infantil Municipal pola negativa do Concello a cubrir as baixas en tempo e forma e que fai que a estas alturas non só non puidesen desfrutar dos días libres que lles corresponden, senón que mesmo algunhas das que non puideron reducir xornada no verán, tal e como fan o resto dos traballadores, aínda teñen pendente desfrutar tal compensación a finais do mes de decembro. Ante esta situación, o Comité apelou ao goberno para que fose humano e entendese a necesidade de descanso de compañeiras que levan meses soportando xornadas de máis de dez horas diarias con nenos pequenos porque ao alcalde lle dá por aforrar uns cartos e a que esta situación debería estar solucionada desde hai xa moitísimo tempo mais a falta de decisión do goberno local provoca situacións cada vez máis graves, ademais de que como traballadoras teñen os mesmos dereitos que o resto do persoal municipal e deben desfrutalos en igualdade de condicións.
O Comité de Empresa tamén preguntou polo convenio colectivo, posto que pensaba que este mes se convocaría a Comisión Negociadora e mais iría a pleno mais polo momento a cousa segue paralizada porque obviamente non é unha prioridade do goberno do PSOE, do contrario non levariamos seis meses a voltas co tema desde foi acordado co Comité de Empresa. Diego Fernández indicou que a ver se é posible levalo en xaneiro a pleno (se o goberno quere claro que é posible) mais o tempo demostrará se é outra promesa fallida do concelleiro de Persoal ou, finalmente, se leva a cabo.
Os problemas cos tribunais dos procesos selectivos tamén centraron a reunión, primeiro porque o Comité lle advertiu ao concelleiro da gravidade e as consecuencias de que forme parte deles persoal que legalmente se debe abster e así llo comunicou e por outro lado, coma sempre, pola negativa do goberno a lle pagar aos traballadores que forman parte del as indemnizacións que lles corresponden, posto que levamos anos padecendo INDEMNIZACIÓN PARA OS MEMBROS DO GOBERNO SI E INDEMNIZACIÓNS PARA OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS NON, esta foi a máxima do goberno de Ramón García que a CIG observou desde que ten representación no Concello de Betanzos. Non é a primeira vez que este tema trae cola, a CIG xa o solicitou en varias ocasións, como aquí, ou aquí, mais unha orde do ano 2002 aínda vixente non debe ser o suficientemente actual para que o Concello de Betanzos a aplique no ano 2015; non obstante o concelleiro de Persoal, agora, logo de anos dándolle voltas, indica que a intención do goberno vai ser pagalas, do contrario non irían no novo convenio (cando van por proposta do Comité de Empresa) e que seica a cuestión está agora á espera dun informe da Asesoría Xurídica do Concello. O que está máis que claro ata o momento é que calquera concelleiro que vai a un pleno ou Xunta de goberno cobra a contía que o Alcalde decidiu ao entrar a goberno, mentres que o persoal que forma parte dun tribunal e ten que realizar ese traballo a maiores non cobra o que unha lei de hai trece anos lle obriga ao Concello a pagarlle ao traballador.
Finalmente, e para alén de que o Comité está á espera da reunión do Comité de Seguridade e Saúde logo de lle enviar a proposta de regulamento tamén lle preguntou polo pagamento da extra de 2012 ao persoal que non está en activo e puido confirmar que nos pasados días aínda o Concello ten pendente de pagar a contía que lle roubaron a unha serie de traballadores e traballadoras, polo que o Comité presentará unha queixa por rexistro nos vindeiros días, exixindo igualdade de condicións á hora do pagamento para todo o persoal que no momento que nos quitaron a paga estaba en activo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario