Durante os pasados meses, coma sempre, o Comité solicitou reunións co concelleiro de Persoal para lle preguntar por varias cuestións que lle afectan ao persoal laboral, non obstante, a atención nos últimos dous casos non puido ser presencial e o concelleiro de Persoal limitouse a chamar á presidenta do Comité para falar telefonicamente con ela. Por iso este mes, na propia solicitude indicouse que a representante do Comité de Empresa solicita unha reunión PRESENCIAL co concelleiro de Persoal para tratar diversos temas, demasiados, que están pendentes e sobre os que o Comité de Empres está completa desinformado.
Non só o Concello a estas alturas do ano leva varios meses sen lle entregar a documentación das horas extraordinarias ao Comité de Empresa, senón que nin sequera foi quen de lle entregar a documentación actualizada dos salarios do ano 2016 ou as listaxes de substitución definitivas cos criterios de tramitación das listaxes. Máis lamentable é aínda que o vindeiro mes se cumpre un ano da sinatura do convenio colectivo e seguimos sen ter novas ou que cando outros Concellos xa o teñen tramitado os traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos seguimos sen saber nada da paga extra de 2012 que tanto apuraron en nos quitar. Tamén recentemente houbo diversos problemas que demostran un evidente trato desigual entre o persoal que pode dar lugar a discriminacións e sobre os delegados sindicais debemos advertir ao concelleiro de Persoal para tentar que este tipo de diferentes tratos non sexan o normal nesta Administración local.
Agardamos, pois, que o concelleiro nos reciba nos vindeiros días e animamos ao compañeiros e compañeiras a que nos trasladen as súas inquedanzas relacionadas con temas laborais para poder telos en conta á hora de tentarmos propor solucións a algúns dos moitos conflitos laborais aínda existentes neste Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario