28/04/16

Algunhas cuestións sobre a convocatoria da praza de dinamizador/a da Rede Cemit

A CIG vén de achegar por rexistro algunhas apreciacións sobre as bases que o Concello publicou o pasado 15 de abril. Podedes consultar aquí o escrito:

Complementos específicos creados a medida e á marxe da Relación de Postos de Traballo: o caso da praza de patrón

Os complementos específicos veñen dados tanto para o persoal laboral como para o funcionariado, ata o momento, polo que se indica na Relación de Postos de Traballo. Unha Relación arbitraria e subxectiva que distribúe complementos específicos de mil euros (anuais) para persoal dos grupos 1, 2 e 3 de persoal laboral e de seis mil euros para unha praza de condutor-alguacil do grupo E ou dez mil para persoal administrativo. 
A asignación de complementos específicos nesta Administración dista moito de retribuír as funcións específicas de cada posto de traballo e semella que se utilizou historicamente para primar a uns traballadores sobre outros con criterios que parecen máis ben pouco obxectivos e que son difíciles de xustificar mesmo na actualidade polo goberno municipal.
Certo é que o tan ansiado convenio colectivo abre unha xanela ao inicio do camiño da equiparación (cando menos entre laborais) que non solucionará a discriminación existente co funcionariado mais que si tenta atallar as diferenzas entre o persoal laboral, que tamén son moitas.
En medio desta situación o Concello crea á marxe da RPT e sen subvención, cun posible incumprimento da Lei de orzamentos do Estado, tal e como advertimos na Mesa Xeral de Negociación da pasada semana na que nada había que negociar, unha praza de patrón para a Diana Cazadora (festas que non falten) coa asignación dun complemento específico de 357, 97 euros e a asignación dun complemento de posto de 247,43 euros.
Noutra Administración isto podería non chamar a atención mais nesta, tendo en conta que unha parte do persoal que ocupa un posto que está na RPT non cobra cun complemento de posto de nivel A (como o que lle asignan a esta praza), hai quen mesmo nin cobra ese complemento porque o Concello alega que non ten dereito, e cuns complementos específicos completamente irrisorios, case resulta insultante que o concelleiro de Persoal, cando a representante da CIG lle preguntou na Mesa que de onde tiraban esa retribución, dixera que miraron o que se cobraba noutras Administracións para adecuar o salario.
Si, compañeiros e compañeiras, estades oíndo ben, quen leva aquí 25 anos non merece equipararse a funcionarios nin persoal laboral doutra Administración ese é un privilexio reservado a postos escollidos polo concelleiro de Persoal, como o caso do patrón, así que... TODOS QUEREMOS SER PATRÓNS!
O que está claro é que estamos nun momento delicado máis aínda coa espera da entrada en vigor dun novo convenio demorada conscientemente durante anos polo goberno municipal, e que a falta de sensibilidade e criterios obxectivos segue brillando pola súa ausencia. O certo é que agardamos que nos próximos meses se solucione o tema do convenio colectivo mais mentres tanto teremos que seguir séndomos conscientes das inxustizas que non é que perpetúe o goberno municipal porque veñen de antes, é que el mesmo crea ante novas situacións como é o caso dunha convocatoria que ata hai pouco nin existía.
É máis, tal e como desde a CIG lle dixemos na Mesa Xeral, se poden convocar un patrón, non facía falla armar semellante lío por non cubrir as baixas de limpeza e escola infantil nin deixar morrer sistematicamente os servizos públicos ao non cubrir nin unha soa das trinta prazas vacantes na Relación de Postos de Traballo vixente.
A CIG achegoulle esta e outras cuestións sobre as bases para o patrón da Diana Cazadora e solicitoulle que as adecuase á lexislación vixente, corrixise as eivas e informase sobre varias cuestións de dubidosa legalidade na convocatoria desta praza.

Horario de verán

O 1 de xuño comezará a redución horaria que ten lugar entre esa data e o 31 de agosto. Un ano máis, e á vista de que seguimos cun convenio colectivo de hai anos, o Concello terá que emitir unha nota informativa coa resolución adptada con respecto á especificación do horario en que se pode realizar a redución, así como estipular os departamentos que teñan e a compensación pertinente por non poder desfrutado por motivos de servizo.
A CIG vén de solicitarlle ao alcalde:
Que o Concello especifique o horario da redución diaria que comeza o vindeiro mes de xuño en aplicación do convenio colectivo e estableza e comunique o sistema de compensación pertinente para o persoal que por motivos de servizo non pode realizar a redución horaria de xeito diario. E que o Concello lle comunique canto antes todo o mencionado ao colectivo do persoal laboral de cara a lle dar a coñecer o horario en que poderá exercer o dereito recollido no artigo 9.2. do convenio colectivo.

21/04/16

O Goberno municipal convoca a Mesa Xeral de Negociación para dicir que non hai nada que negociar

As democracias sonvos así para o PSOE, hai que cubrir os trámites do expediente para que o xulgado non lles ande no lombo mais pouco máis, do contrario o concelleiro de Persoal non tería a cara de convocar unha Mesa Xeral de Negociación para dicirnos que non hai nada que negociar... porque senón hai nada que negociar, para que nos fai perder o tempo? Ah claro, a lei obrígao a convocar e con cubrir o trámite e "dar conta" para que se vai esforzar e ouvir o que os traballadores teñen que dicir sobre os temas que lles afectan? 

As Mesas Xerais de Negociación teñen como finalidade principal desanimar e facer ver que non serven para nada, mais nós teimamos en que si porque os acordos que se tomen ou non constan nunha acta que non pode servir de cara ás alegacións aos orzamentos e a calquera tipo de reclamación no xulgado, do contrario, pasaría como antes, que o que non está por escrito é coma se non existise. Desta volta quizais aínda foi todo peor pola apatía do resto dos sindicatos que se conforman con calquera explicación do goberno municipal por moito que non estea acreditada con informes, ao igual que a documentación que nos entregan e que contén información que non xustifican documentalmente con ningún informe de Intervención nin de Secretaría; e para quen non é moito de ir a misa precisa saber os fundamentos que dan lugar á toma de decisión, agora ben, para os que profesan a relixión de Ramón García non hai moito que dicir nun foro coma este, de aí que as mesas xerais pouco máis que se convirtan nun diálogo entre a CIG e o goberno municipal.

A nosa postura ante a proposta de capítulo 1 do goberno municipal ía ser o voto en contra, non obstante non o puidemos expresar porque non se procedeu a votar nada, xa que Diego Fernández, insistiu en que non había nada que negociar, nin a creación da praza de patrón á marxe da Relación de Postos de Traballos, nin o aumento de complemento persoal a un traballador non informado debidamente, nin unhas bases de execución que non se axustan á lexislación laboral e o sistema retributivo para o persoal laboral do Concello de Betanzos nin sequera a cobertura de ningún dos trinta postos vacantes na Relación de Postos de Traballo. A CIG solicitou, pois, que quería que constase en acta que o único punto da orde do día evidenciaba unha clara falta vontade de negociación a pesar de que o capítulo 1 é de obrigada negociación segundo o artigo 37 do Estatuto Básico do Empregado Público.

Para alén de que se evidenciaba unha falta de negociación quixemos deixar constancia da nosa postura con respecto á proposta que o Concello nos achegou, así como algunhas eivas que presentaba a documentación. En termos xerais, a CIG defendeu na Mesa Xeral de Negociación os seguintes puntos:

-Oposición á creación de prazas inexistentes na Relación de Postos de Traballo sen negociación e á marxe da lexislación laboral vixente.
-Solicitude de cobertura inmediata de baixas e vacantes ata reverter o proceso de progresiva privatización que o goberno municipal levou a cabo nos anos anteriores.
-Defensa dos servizos públicos.
-Inclusión da partida orzamentaria necesaria para a aplicación das retribucións do novo convenio colectivo (que se prevé que entre en vigor os vindeiros meses).
-Aumento da partida de axudas sociais ata cubrir todas as solicitudes do persoal.
-Non utilización das partida de gratificacións para pagar as retribucións complementarias a un funcionario que fixo funcións de secretario accidental sen reunir os requisitos de categoría profesional.
-Solicitude da xustificación documental con informes de todos os puntos con eivas sinaladas nas bases de execución e coas retribucións complementarias plasmadas no documento e que non responden a criterios do convenio colectivo e a lexislación laboral vixente, e semellan unha simple interpretación unilateral por parte do goberno de aplicación do sistema de retribucións indicado no convenio colectivo vixente.

Hoxe o goberno municipal convocou un pleno extraordinario cun único punto da orde do día relativo aos orzamentos, de se aprobaren, a CIG fará as alegacións correspondentes na liña do defendido na Mesa Xeral de Negociación unha vez que se publique a aprobación inicial e sinalando a falta de negociación por parte do goberno municipal, así como a falta de obxectividade dalgunhas das bases do capítulo XII, toda vez que non se corresponden a criterios do convenio colectivo vixente nin do que está en trámite.

20/04/16

QUE NOS DEVOLVAN O ROUBADO! NON IMOS CALAR, NON IMOS PARAR

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos inicia unha campaña pola devolución da paga extra de 2012. A estas alturas moitos concellos xa a devolveron e outras tantas administracións xa teñen prevista a devolución. O Concello de Betanzos comprometeuse o ano pasado a devolvela cando a lexislación o permitise mais meses despois seguimos compostos e sen a metade da paga que nos deben. 

A CIG defendeu na Mesa Xeral de Negociación do 19 de abril que o Concello a reintegrase de inmediato, ao igual que ten cartos para botar adiante convocatorias públicas non subvencionadas como é o caso da praza do patrón de tráfico interior. O concelleiro indicou que se pagaría unha vez que o orzamento fose aprobado definitivamente mais resulta curioso que a aprobación do orzamento sexa necesaria para devolver os nosos cartos mais non para botar adiante tanto outros proxectos que van aló neste ano 2016 e antes da aprobación dos propios orzamentos polo Pleno.

Por todo isto e porque neste Concello sempre pagamos os pratos rotos da mala xestión os mesmos, os empregados e empregadas públicas, desde a CIG decidimos iniciar unha campaña pola recuperación da parte paga extraordinaria  que o Concello nos adebeda e para deixar de manifesto ante os veciños e veciñas que o goberno municipal do PSOE non é quen nin de pagar as débedas aos seus empregados, porque a realidade é que nola quitaron sen pensar mais para nola pagar levamos meses a agardar.

QUE NOS DEVOLVAN O ROUBADO!
NON IMOS CALAR, NON IMOS PARAR


POLA DEVOLUCIÓN DA PAGA EXTRA DE 2012
QUEREMOS OS NOSOS CARTOS XA

18/04/16

Os horarios do Estado español de novo a debate

Psicosocial

Segundo datos da Oficina Estatistica da Unión Europea, Eurostat, referidos a hábitos horarios da nosa contorna, os españois descansamos menos, traballamos máis horas (cunha produtividade menor) e convivimos con horarios laborais e sociais que dificultan a tan ansiada conciliación entre vida laboral, familiar e social. Así mentras no Estado español vemos o programa da televisión líder en audiencia, os alemáns ou os italianos están xa descansando; na práctica, un retraso medio de dúas horas que afecta a la organización diaria de todos os ámbitos da nosa vida: traballo, familia e ocio.

A xornada laboral predominante segue a ser a partida de mañá e tarde cun tempo de descanso entre ambas; neste tipo de xornada o tempo de traballo  alóngase ata o final da tarde e  todo se retrasa; as actividades de ocio, de formación, a cea e incluso a programación dos espacios televisivos.  A xornada partida incrementa o tempo que se adica aos desprazamentos e  dificulta enormemente a atención ás obrigas familiares, debendo, na maior parte dos casos, delegar éstas en terceiras persoas.

O cambio necesario na estrutura da xornada laboral no Estado español debe ser froito dun pacto global no que se impliquen todos os sectores sociais e concretado nun marco normativo que regule e incentive o cambio.

O huso horario

Outro condicionante horario ven dado polo feito de que o Estado español  ten adoptada unha hora oficial que está unha hora por encima da que realmente lle corresponde pola súa posición xeográfica; co cambio ao horario do verán pásase a estar en case todo o Estado dúas horas por encima da hora solar, tres horas no caso de Galiza. Cada vez son máis as voces que abogan por non realizar este cambio dado que a rendibilidade enerxética é cuestionable e os beneficios sciolóxicos do horario de verán son enmoitos casos dubidosos: aínda que ter máis horas de luz polas tardes psibilita a realización de actividades ao aire libre, o cambio horario non leva aparellada por regla xeral unha reducción na xornada laboral, polo que a efectos prácticos a disponiblidade horaria para outras actividades distintas do traballo sigue a ser a mesma.

Publicada a orde de axudas de pago único e indemnizacións e a das axudas periódicas a mulleres vítimas de violencia de xénero


Os prazos para solicitalas remata o 31 de outubro no caso dos pagos periódicos e indemnizacións, e até o 30 de novembro as de pagamento único

A Secretaría de Muller da CIG informa da publicación no DOG da orde que regula as axudas de pago único e indemnizacións, así como da orde que regula as axudas periódicas a mulleres vítimas de violencia de xénero.

No caso das axudas de pagamento único a finalidade das mesmas é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero; e a das indemnizacións previstas na lei galega é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

Van dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego.

Mentres que as axudas de indemnización están dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e/ou ás e aos menores ou persoas dependentes delas polos danos e perdas ocasionados como consecuencia da situación de violencia, fixadas mediante sentenza xudicial, no caso de  incumprimento,  por  insolvencia,  por  parte  do  obrigado  a  satisfacelas.

O prazo de presentación remata o rematará o 30 de novembro de 2016 no caso da axuda de pagamento único e o 31 de outubro de 2016 no caso das axudas de indemnización.

Axudas periódicas

Pola súa banda, as axudas periódicas son axudas económicas individuais de carácter periódico que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para intentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as  mulleres maiores de idade ou emancipadas,  vítimas  de  violencia  de  xénero  nunha  relación  de  convivencia  e  de  dependencia  económica. As solicitudes poderanse presentar até o 31 de outubro de 2016.

A contía das axudas establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2016, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como so grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso, nun  abano  que  vai  desde  300  euros/mes  ata  800  euros/mes  e  ata  un  máximo  de  doce mensualidades.

Texto completo da resolución de axudas de pagamento único e indemnizacións nesta ligazón.


Texto completo da resolución de axudas periódicas nesta ligazón.

Renda 2015: servizo de asesoramento para a afiliación e dedución das cotas sindicais

Como todos os anos, a CIG pon en marcha en cada comarca un servizo para a afiliación de asesoramento coa declaración da Renda. Non tés máis que poñerte en contacto co local da CIG da túa comarca.
Con carácter xeral tes de prazo ata o 30 de xuño para presentar a declaración da Renda 2015. Recordamos que as cantidades satisfeitas en concepto de cotas sindicais no ano 2015 desgravan no teu IRPF. Simplemente tés que indicar a cantidade satisfeita no cadro 012 da declaración. No 2015 a suma de todas as cotas ordinarias na CIG volveu ser de 138,36 €. Se a túa cota é inferior á ordinaria (parado/a, descontinuo/a, contratos por días ou meses...) ou non pagaches todas as cotas, consulta na túa comarca o importe ou suma os cargos feitos pola entidade bancaria durante o 2015. Non é preciso certificado do sindicato das cantidades pagadas para presentar a declaración.

11/04/16

O Concello perde, unha vez máis, un xuízo por despedimento improcedente, e van dez en catro anos

Hai uns días o Concello de Betanzos volveu ao xulgado do social para responder ante unha demanda por despedimento improdecente dunha das traballadoras de limpeza do aulario despedidas no verán de 2015 e reemprazadas por persoal dunha empresa privada.

Por décima vez nestes últimos anos, o Concello volveu perder un contencioso e ten a opción ben de readmitir á traballadora e abandonar a privatización da limpeza dos edificios municipais ou ben despedila e indemnizala como correspondente. Ben se nota que os cartos cos que paga os xuízos non saen dos petos do equipo de goberno porque nestes pésimos anos de xestión da área de Persoal son demasiados os miles de euros que o Concello de Betanzos leva pagado pola súa imprudente e mala xestión na área mencionada.

O máis triste é que o propio Concello, sabedor de que o xuízo estaba perdido, xa ía coa idea do despedimento ao propio xuízo e non valorou nin un por un momento readmitir á traballadora que foi despedida de xeito improcedente. De feito, na actualidade, a limpeza do aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín corre por conta dunha compañeira antes destinada a distintos edificios municipais que agora limpa directamente unha empresa privada da que descoñecemos o nome mais que da que si recibimos queixas dos compañeiros e compañeiras polo estado dos edificios municipais.

Entre escoller ter dúas traballadoras públicas de limpeza que puido readmitir ou privatizar a limpeza dos edificios municipais, o goberno que se denomina socialista escolleu privatizar, darlle cartos a unha empresa privada que nin sequera tivo, que saibamos, un concurso público. Entre facer as cousas mal e ben, parece que sempre escolle facer as cousas mal, porque moito lle advertiu o Comité de Empresa que eses contratos de limpeza do aulario eran fraudulentos, mais o propio concelleiro de Persoal negaba por activa e por pasiva tal, ata que o xulgado nos volveu dar a razón.

Polo momento, e en contra do acordado polo propio Pleno da corporación, o Concello ten previsto non darlle solución á privatización da limpeza das Oficinas Xerais, Casa do Concello, Biblioteca Municipail, Servizos Sociais, Turismo ou Dependencias da Policía Local e continuar neste camiño. Polo que se ve, tampouco pensa actuar de fronte ante a sua mala xestión en persoal e readmitir á traballadora, discriminándoa, unha vez máis, como á compañeira que gañou hai varios meses fronte aos outros oito compañeiros readmitidos, xa se sabe que isto é a lotaría do ti si e ti non, do contrario, o criterio non só sería o mesmo cando as setenzas son de despedimento improcedente senón tamén no resto dos contenciosos onde dependendo do nome e apelidos o Concello decide asistir e ir contra os intereses do persoal ou directamente non ir para lle dar a razón a determinados traballadores.

Desde a Sección sindical da CIG consideramos que esta decisión do goberno municipal non só volve a favorecer a privatización de servizos en contra do acordado por unanimidade no pleno da corporación senón que demostra unha clara e inxusta arbitrariedade na toma de decisións que lle afectan dun xeito determinante ao futuro dos traballadores e traballadoras desta Administración local.

08/04/16

Orzamentos 2016 e próxima convocatoria de Mesa Xeral de Negociación

Onte mesmo o concelleiro de Persoal achegou a documentación a todos os sindicatos referente aos orzamentos 2016, igualmente anticipou que para a semana haberá Mesa Xeral de Negociación e que a intención é que os orzamentos 2016 vaian canto antes a pleno. 

Desde a CIG estamos analizando a documentación de cara a tomar unha postura na Mesa Xeral de Negociación mais xa vos anticipamos os principais trazos que o propio concelleiro nos destacou e que puidemos observar:

O orzamento contempla as prazas de funcionarios e laborais temporais. Dentro de laborais temporais están todos os que teñen un posto na RPT, os que teñen sentenza de indefinición pendente da creación dese posto, os que están contratos en fraude sen subvención na posto ba RPT e os que están ao abeiro de subvención tanto na actualidade como os postos subvencionados que o Concello ten previsto sacar neste 2016 (psicólogo/a, auxiliar administrativo/a, técnico/a CEMIT, orientador/a laboral...). Tamén está orzamento un posto de patrón de tráfico interior que non existe na RPT, que non ten subvención mais que o Concello considera máis necesario que os servizos básicos, do contrario tamén sacaría convocatoria para postos destes. A maiores van os cartos tamén para as substitucións de limpeza, Escola Infantil Municipal e mais auxiliares de axuda a domicilio (o que demostra que estabamos no certo porque a lexislación non mudou nada mais é verdade que agora si que seica se poden contratar substitucións).

Tamén contempla os 25 000 euros en axudas sociais, o Concello non aumenta a partida a pesar de que así o solicitamos. Si que aumenta moitísimo a partida de gratificacións para cubrir os gastos relativos á Secretaría accidental que saen desa partida e que a día de hoxe está cobrando un administrativo que fai de secretario accidental aínda que obviamente resulta difícil que poida informar como tal porque carece da titulación necesaria para un posto desa categoría profesional. No momento en que se incorpore un secretario accidental co perfil que é requisito para ese posto, tamén teñen que estar previstas esas retribucións de aí que aumente a partida.

A maiores vai a paga adebedada de 2012 que está previsto que o Concello tarde varios meses en pagar porque non pensa facelo, en principio, ata que se aproben os orzamentos de xeito definitivo. Non obstante o Comité xa lle trasladou ao concelleiro a súa precupación pola demora deste tema, co que tamén leva meses e instouno a que se se pode se pague antes de varios meses, porque este parece o conto de nunca acabar. Roubáronnos os nosos cartos o primeiro día e agora vánnolos devolver o último.

Unha outra información importante é que non está previsto que haxa Oferta de Emprego Público no ano 2016 á vista de que no 2015 só se xubilou un funcionario e o Concello di que podería cubrir o 50%, por tanto que non dá para convocar ningunha praza. Si que lle trasmitiu o Comité a súa preocupación pola situación temporal do 100% do persoal laboral e o que isto estaba supoñendo para esta Administración local toda vez que unha OPE só pode saír para prazas fixos, de aí que se insistise na importancia dun proceso de consolidación de postos para o persoal laboral, que convertese o as prazas de laborais temporais en fixas e non momento que se puidese funcionarizalas, aínda tendo en conta a dificultade coa insalvables diferenzas económicas que aínda existen hoxe entre laborais e funcionarios. O propio concelleiro de Persoal falou por primeira vez do que podería ser unha folla de ruta para este proceso e que podería comezar pola conversión dos postos laborais temporais en postos fixos mediante un proceso de consolidación interna e que, obviamente, arranxaría moitos dos problemas existentes na actualidade por culpa da perenne temporalidade á que o persoal laboral do Concello de Betanzos está sometido. 

Canto á Relación de Postos de Traballo segue en pé a idea de que a faga unha empresa, que vai orzamentada nos documentos e polo momento a que seguirá vixente será a de 2008. Si que ofreceu algunhas ideas novas como a posibilidade que podería ter o funcionariado de concursar aos postos de administrativos e auxiliares mellor remunerados, tendo en conta que é obvio que as diferenzas salarias non responden a criterios obxectivos e que resulta difícil solucionar isto para todos, máis aínda cando a diferenza con laborais segue sendo tan grande. Tamén comentou que no momento que comezasen os traballos habería entrevistas con todos os traballadores, polo que entendemos que o proceso vai ser participativo.

Breve resumo de última hora

Reunión

Onte, máis dun mes logo de solicitar unha reunión co concelleiro de Persoal, Diego Fernández, recibiu aos representantes do Comité de Empresa logo de que solicitaran unha reunión co propio alcalde á vista de que o concelleiro de Persoal non. Finalmente e á vista de que o concelleiro ofreceu a información que se consideraba necesaria non se mantivo a reunión co alcalde mais non por iso resulta menos lamentable que Ramón García non fose quen de ficar nun momento que se achegou ao despacho do concelleiro.

Os representantes do persoal laboral amosáronlle a súa total disconformidade co xeito de proceder do Concello e xa que o concelleiro de Persoal alegou este problema a un "erro múltiple" acordouse que se lle achegarían as convocatorias por correo unha vez rexistradas, o que non fai máis que redundar en que os representantes dos traballadores duplicamos traballo porque hai quen non fai o seu, porque neste caso as opcións eran dúas, ou alguén da propia Administración tenta dificultar as reunión do Comité de Empresa co goberno municipal ou ben é o concelleiro de Persoal que conta contos para cubrir as súas costas.

Privatización da xardinaría

O tema polo que se solicitara a reunión había un mes era pola alarmante privatización da xardinaría municipal da que o Concello están tan orgulloso e que esta semana mesmo se publicaron no BOP as bases para a contratación da privatización da xardinaría por 86 000 euros. Con respecto a este tema advertímoslle ao concelleiro que o Comité de Empresa ten dereito a ter información sobre calquera externalización que se realice no Concello e máis aínda, cando, tal e como aparecía nas novas semellaba que a carga de traballo dos catro compañeiros que a día de hoxe están traballando no servizo non estaba asegurada, máis aínda no caso do Pasatempo onde hai dous traballadores dedicados exclusivamente ao seu mantemento e cando no anuncio especificaba que o contrato era para o mantemento do Pasatempo. O concelleiro aclarou que o contrato non tiña que ver coas funcións que os traballadores da área desempeñaban e comprometeuse a asegurar a carga de traballo e o mantemento dese tipo de traballos, que podería resultar especialmente preocupante para 3 compañeiros readmitidos que aínda non teñen asignado un posto na Relación de Postos de Traballo.

Igualmente, dese o Comité insistiuse en que na actualidade había unha praza de xardineiro funcionario vacante na RPT e que se podería ir freando aos poucos se o Concello a sacaba na Oferta de Emprego Público para o ano 2016. O que está claro é que o Comité de Empresa, pola parte que lle toca á maioría da CIG amosa o seu total rexeitamento ao proceso de privatización e a defensa dos postos de traballos do persoal laboral de servizos, e máis aínda tendo en conta as previsións de creacións de novos postos que o Concello ten previstas para o ano 2016.

Convenio

Seguimos agardando de novo a resposta da Xunta e isto xa chega a un punto vergoñento, agora o concelleiro de Persoal indicou que, como moi cedo, a ver se estivese en vigor en XUÑO! Que seica se estivese listo mesmo convocarían un pleno extraordinario en maio para aprobalo. O que está claro é que este convenio pódese tomar como paradigma da pésima xestión da área de Persoal nestes cinco anos, onde case catro deles foron de negociación e agora levamos máis dun para que se aprobe definitivamente.

Novo xuízo por despedimento improcedente

A pasada semana o Concello enfrontouse a un xuízo máis por despedimento improcedente. Desta volta foi a outra compañeira de limpeza do aulario despedida no verán de 2015 que demandou ao Concello. O xuízo está visto para sentenza mais o concelleiro do PSOE xa nos informou que a intención aínda que gañen a compañeira é despedir e indemnizar á compañeira no caso de que gañe, tal e como se prevé. Mentres tanto Ramón García permite que a limpeza de edificios siga privatizada cunha xestión máis que deficiente e cando tivo a posibilidade de ter dúas traballadoras públicas máis no cadro de limpeza cando os xulgados din que os despedimentos son improcedentes. Este debe de ser o socialismo do século XXI que mesmo ás veces lle resulta difícil de comprender a xente moi próxima ao goberno municipal.

Escola Infantil Municipal

O Comité de Empresa tamén lle trasladou a preocupación ao goberno municipal, ao igual que xa fixo por rexistro a semana pasada, sobre a non cobertura provisional do posto de dirección en momentos en que a directora desfruta dos permisos que lle corresponden. Con respecto a esta situación o concelleiro indicou que efectivamente se debía facer a través dunha resolución da alcaldía un nomeamento provisional e anotouno para que así fose en vindeiras ocasións... agora só queda ver se de verdade se fai.

Outros temas

Tamén se lle trasladaron ao concelleiro de persoal outros temas relacionados con algunhas máquinas municipais e o deterioro que supoñen para a saúde dos traballadores e as posibilidades de facerse con maquinaria nova, problemas con temas relacionados con saúde laboral e mais coa documentación e a elaboración de nóminas, así como diversos problemas que compañeiros tiveron nas nóminas en pasados meses e que non se deben repetir.

As posturas forzadas e a vixilancia da saúde nos traballadores/as maiores de 55 anos


As posturas de traballo incorrectas e/ou inaxeitadas supoñen un dos factores de risco máis frecuentes nos/as traballadores/as maiores de 55 anos, derivando en demasiadas ocasións en importantes e incapacitantes trastornos musculoesqueléticos. Son moitas as veces nas que ao longo da súa xornada laboral un traballador/a, debe adoptar posturas inaxeitadas que rematan por afectar aos seus músculos e articulacións, provocando dende pequenas molestias ata lesións cronificadas e altamente incapacitantes.

É evidente que a  postura de traballo que se ve obrigado/a a adoitar para o desenvolvemento das súas tarefas, remata por incidir significativamente tanto no seu rendemento como na cantidade de traballo que é capaz de realizar nun determinado período de tempo; a pesares do cal, hoxe por hoxe, aínda non dispoñemos de parámetros cuantificables que nos permitan estabelecer a inadecuación ou non dunha postura, e o tempo que esta pode adoptarse sen incorrer nun risco de lesión. De feito, os trastornos musculoesqueléticos derivados de posturas forzadas, en moitos dos casos maniféstanse lentamente e dunha forma que inicialmente poderíamola considerar como inofensiva ou pouco agresiva, restándoselle importancia a eses primeiros síntomas que pouco a pouco iranse cronificando para dar paso a aparición de lesións caracterizadas pola consolidación do dano.

As lesións musculoesqueléticas derivadas da realización de movementos repetitivos -asociados ou non a sobreesforzos-, localízanse especialmente no tecido conectivo e máis concretamente nos tendóns, podendo tamén en moitas ocasións producir danos nos nervios, así como restrinxir ou dificultar o rego sanguíneo dos tecidos afectados e adxacentes. Movementos repetitivos e aqueles realizados coa esixencia dun elevado nivel de forza que, conxuntamente coas posturas forzadas que en moitos casos levan asociada unha importante carga muscular estática, rematan por derivar en lesións do pescozo, dos ombreiros, dorsolumbares ou de calquera parte das extremidades, afectando as articulacións, músculos, tendóns ou outros tecidos brandos.
Se atendemos á sintomatoloxía que determina a aparición de lesións asociadas a posturas forzadas na realización do traballo, atopámonos coa existencia de tres etapas ou fases ben diferenciadas, a saber:
1º.- Cansazo e dor que se reproducen ao longo da xornada de traballo, desaparecendo cando se deixa de traballar. A súa duración é variable, podendo durar meses ou incluso anos. Nesta etapa os trastornos ou lesións aínda poden ser tratados con fisioterapia e medidas ergonómicas.
2ª.- A sintomatoloxía reprodúcese ao comezar a xornada de traballo, manténdose ao longo da mesma e non desaparecendo ao seu remate.  A sintomatoloxía e as dores persisten fóra da xornada laboral e incluso pola noite, provocando un mal descanso e unha perda significativa da capacidade de traballo. Esta fase ou etapa pode ter unha duración variable de varios meses.
3º.- A sintomatoloxía e as dores de maior ou menor intensidade persisten incluso durante o período de non actividade osteomuscular. Producíndose unha situación altamente incapacitante que impide realizar a maior parte das tarefas por moi sinxelas que estas sexan.
Ante esta realidade, o marco lexislativo instaurado pola Lei 31/1995, de 8 de novembro de prevención de riscos laborais, así como a súa normativa de desenvolvemento, ofrecen a posibilidade de adaptar a práctica que até de agora era máis habitual: realizar a vixilancia da saúde dos traballadores/as a través de recoñecementos médicos inespecíficos e de carácter xeral. Recoñecementos en moitos casos inaxeitados e pouco operativos, que deben ser substituídos, no marco do procedemento de vixilancia da saúde, por outros exames médicos moito máis específicos e adaptados aos riscos concretos para a saúde, que en cada caso se deriven das características psicofísicas do traballador/a (neste caso T+55), así como das tarefas e función concretas que en cada caso desenvolva o mesmo no seu posto de traballo.
Neste senso, é evidente que a vixilancia da saúde dos/as traballadores/as maiores de 55 anos debe contemplar de xeito específico os factores e as características que incrementan os riscos e o perigo dos mesmos en relación a este colectivo.
A especificidade dos controis médicos a realizar e a súa periodicidade no marco da vixilancia da saúde, cobran neste caso unha especial importancia polo seu inestimable potencial preventivo en relación aos riscos derivados do traballo, incluso despois de que o/a traballador/a deixe de estar en activo.
A recollida rigorosa e sistemática de datos en relación a riscos, incidentes, accidentes e enfermidades profesionais que afectan a este colectivo T+55, deben ser o punto de partida para a implantación nos seus aspectos xerais, dun modelo específico de vixilancia da saúde que conte cos protocolos e as guías de actuación oportunas, garantindo por unha banda a súa eficacia, e por outra, permitindo e facilitando a identificación, cuantificación e análise, dos riscos e factores de risco que, en definitiva habilitarán a posibilidade de abordar o deseño e a priorización de políticas preventivas eficaces, en relación a este colectivo cada vez máis importante e numeroso no mundo do traballo.
A posta en marcha dunha vixilancia da saúde específica en relación aos problemas musculoesqueléticos dos/as traballadores/as maiores de 55 anos, e máis concretamente no que atinxe á adopción de posturas forzadas durante a realización do traballo, debería fundamentarse nun protocolo médico específico que abordará o control e a análise de dúas áreas de  exploración  e actuación interdependentes. Por unha banda a análise das condicións de traballo, que incluirá a avaliación dos riscos inherentes ao posto, así como as áreas anatómicas que a nivel musculoesquelético se podan ver afectadas; e por outra, unha vixilancia médico-sanitaria de carácter específica adaptada ao perfil psicofísico e aos riscos aos que se ve sometido cada traballador/a.
No procedemento da vixilancia da saúde, e especialmente, no que se refire aos traballadores/as maiores de 55 anos, deberían recollerse e contemplarse cando menos os seguintes aspectos:
-  O historial laboral do/a traballador/a, no que deberán contemplarse entre outras informacións, as súas exposicións anteriores a riscos e factores de risco; información relativa aos riscos aos que se ve sometido no seu actual posto de traballo, así como información dos recoñecementos médicos realizados con anterioridade.
-  A realización dunha exploración clínica específica “guiada” pola anamnese, que contemple a exploración de cada un dos grupos ou áreas anatómicas afectadas pola adopción de posturas forzadas durante o traballo, previamente identificadas como consecuencia do estudio das tarefas desenvolvidas polo/a traballador/a e a súa posible repercusión a nivel articular, tendonal e muscular.
-  A consideración de criterios de valoración para determinar a orixe laboral das lesións, que deberían pasar pola confirmación de posturas forzadas no desenvolvemento de traballo; a aparición de sintomatoloxía persistente logo de ter comezado a súa actividade laboral no actual traballo; establecemento de correlación entre sintomatoloxía e actividade laboral, e entre melloría e descanso.
En todos os casos, máis especialmente cando este tipo de posturas forzadas afectan a traballadores/as maiores de 55 anos, deberíanse orientar as actuacións a mellorar as condicións de traballo procedendo a eliminar, ou no peor dos casos, reducir substancialmente os riscos derivados das mesmas. É esencial proceder á corrección de movementos inadecuados e repetitivos, posturas forzadas e esforzos frecuentes, mediante a adopción das medidas que sexan necesarias. Asemade, a introdución de melloras organizativas destinadas a eliminar ou reducir os riscos, incrementarán a eficacia das medidas adoptadas con actuacións como a adecuación dos descansos, as pausas e as rotacións, as adaptacións de posto, o en última instancia se é necesario, mediante os traslados ou cambios de posto.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org

01/04/16

Logo dun mes agardando pola reunión co concelleiro de Persoal o Comité solicita unha reunión co alcalde

Un mes levan agardando os representantes do Comité de Empresa a que o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, os reciba. O pasado 1 de marzo a presidenta do Comité solicitou unha reunión para pedir información sobre a privatización da xardinaría municipal, sobre a que os representantes dos traballadores tiveron noticias por unha nova publicada na web municipal. Desde ese momento leva agardando a que o concelleiro de Persoal a reciba para darlle información sobre o tema.
Ante a inoperancia do concelleiro correspondente os representantes do persoal laboral optaron por solicitar unha reunión co propio alcalde non só para lle preguntar pola situación pola que se solicitou a reunión co concelleiro senón tamén para lle transmitir o seu malestar pola falta de vontade do concelleiro da área en recibir aos representantes dos traballadores cando así o solicitan e ademais é necesario.
O certo é que non é primeira vez que acontece isto mais non por iso deixa de ser menos lamentable. Os representantes do persoal temos dereito a ter información de todo o que lle atinxe aos traballadores que representamos e, entre eses temas tamén está a privatización de servizos públicos porque afecta directamente, mais fose este tema ou outro case podería resultar incrible que haxa que agardar máis dun mes para ter unha reunión co concelleiro de Persoal, mais no Concello de Betanzos pasa. Isto pasa porque o goberno pasa de todo, non hai outra posible resposta para que nun mes non haxa tempo a recibir aos traballadores.
Ficamos á espera de se con esta solicitude temos máis sorte e o alcalde non está tan ocupado como o concelleiro de Persoal, ou, do contrario, para a próxima, tentaremos camuflarnos como veciños ou veciñas na solicitude, a ver se así non hai tantas trabas para acceder a reunirse co goberno municipal. O que está claro é que de falta de paciencia non nos poden acusar, sempre agardamos pacientemente, mais a paciencia tamén ten un límite.

O Comité de Empresa insta ao Concello a que cumpra o Regulamento da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente que el mesmo aprobou

O Comité de Empresa vén de lle trasladar ao Concello a súa preocupación pola situación que puntualmente, como a semana pasada, sufre a Escola Infantil Municipal en períodos nos que a persoa encargada da Dirección desfruta dos permisos que lle corresponden e o goberno municipal non nomea ningunha persoa  responsable para substituíla.
O problema vén de lonxe e desde hai tempo as traballadoras transmiten a preocupación pola situación, toda vez que o Concello nunca nomeou unha directora eventual e en determinadas épocas do ano, vacacións, permisos etc a Escola Infantil fica sen unha persoa responsable  de referencia. Por iso, o Comité de Empresa solicitoulle ao Concello de Betanzos o seguinte:

1. Que o Concello de Betanzos cubra en todo momento as funcións de dirección da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente mediante os nomeamentos puntuais que procedan, tal e como se fai nos casos que lle atinxen aos postos de funcionarios.

2. Que indemnice do xeito que corresponde aos persoal que puntualmente teña que realizar estas funcións de superior responsabilidade e relacionadas coa dirección do centro.

3. Que teña en conta que a responsabilidade dun centro onde asisten tanto pequenos e pequenas diariamente non pode quedar descuberta en ningún momento pola importancia e a dedicación que supón un traballo destas características e que en todo o momento unha escola infantil debe ter unha persoa responsable de referencia á que se poidan dirixir tanto o resto das traballadoras do centro como os pais e nais dos usuarios do centro.

Podedes consultar o escrito rexistrado aquí onde lembra o Regulamento da Escola e todas funcións relativas á Dirección e a necesidade da existencia desta en todo momento.