A CIG prevé darlle continuidade ás
mobilizacións nos próximos meses
A CIG convoca para mañá mércores,
día 14 de decembro, asembleas de delegados/as e concentracións en
todas as comarcas para presionar o Goberno español e exixir que haxa
un cambio de políticas que posibiliten a recuperación de dereitos
perdidos nos últimos anos como consecuencia das sucesivas reformas
en materia laboral, de negociación colectiva ou pensións.
A Coruña: 12:00h diante da Delegacion
do goberno.
Lugo: 12:30h diante Subdelegación do
Goberno.
Compostela: 12:00h na Praza de Galiza
Vigo: ás 11.30h desde os Capuchinos
até o Edificio da Xunta
Pontevedra: 11.30 manifestación até a
Subdelegación do Goberno
Ferrol: 12:00h. Manifestación da Praza
do Himno até a Casa do Concello
Vilagarcia: 11.30h marcha do INEM
até INSS
Ourense: 11:30 h diante da
Subdelegación do Goberno
A CIG entende que a recuperación deses
dereitos e doutras políticas que permitan camiñar cara emprego,
salarios e condicións de traballo dignas pasarían pola derrogación
inmediata desas reformas laboral, na negociación colectiva e das
pensións.
Para iso convoca estas mobilizacións,
coa idea de darlles continuidade nos próximos meses. Neste sentido,
o secretario xeral, Suso Seixo, explica que “estamos traballando
nunha táboa reivindicativa na que se concretarán estas cuestións
partindofundamentalmente do que xa temos analizado e publicado en
base a dous documentos: as 100 medidas para a recuperación económica
e a creación de emprego e as propostas en materia laboral e social”.
Eses dous documentos serían a base
argumental das propostas da central sindical entendendo que neste
momento, e logo de que o PP perdera a maioría absoluta no Parlamento
español, “se dan as circunstancias para poder promover
iniciativas, proposicións de lei que modifiquen as consecuencias
negativas que tiveron -en materia de emprego, salarios, condicións
laborais e pensións- as reformas levadas a cabo nos últimos anos”,
indica.
O secretario xeral explica que desde a
CIG “sabemos que o PP, a pesares de estar en minoría, vai utilizar
todos os mecanismos ao seu alcance para non mudar as políticas
antisociais e antiobreiras feitas nos últimos anos, por iso
consideramos fundamental presionar a través da mobilización social,
nun proceso de concienciación e acumulación de forzas que nos
permita chegar aos maiores niveis de mobilización e contestación
social”.
Dentro das reivindicacións pola
recuperación de dereitos está o debate sobre o futuro do sistema
público de pensións. A este respecto Seixo lembra que a CIG xa
lanzou unha campaña nas comarcas organizada polo colectivo de
pensionistas e xubilados/as da CIG á que tamén se lle vai dar
continuidade con novas mobilizacións, previsibelmente no mes de
xaneiro que están en estudo por parte do propio colectivo, “coa
idea de exixir que se derroguen as reformas das pensións dos anos
2011 e 2013, promovidas polo PSOE e o PP, que ademais no caso da de
2011 contou co apoio de CCOO e UGT”.
A CIG demanda ademais que se adopten as
medidas necesarias para garantir o sistema público de pensións e
que as pensións, ademais, sexan dignas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario