Tal e como informabamos, o Concello publicou un Regulamento municipal que semella querer rexer aspectos que desde a CIG consideramos que deberían ser obxecto de negociación na medida en que lle afectan a unha parte do persoal. O propio Concello, ata o momento de publicación do regulamento nada comentara sobre este tema aos representantes sindicais, polo que desde a CIG decidimos, tal e como de abría a posibilidade, facer unha serie de achegas sobre cuestións laborais que entendemos que non deberían de figurar nun documento destas características, polo que lle solicitamos ao Concello que teña en conta as seguintes suxestións de cara á elaboración do regulamento definitivo:
1. Os
postos de traballo de persoal laboral do Concello de Betanzos veñen
definidos na Relación de Postos de Traballo vixente, que é do ano
2008. Neste documento non aparece reflectido ningún posto de
dirección nin do Grupo Azougue, nin da Escola Municipal de
Folclore, que segundo o proxecto de regulamento enténdese que son
postos designados polo Concello de Betanzos de entre o seu cadro de
persoal. Por tanto, un regulamento dunha escola non debe referirse a
postos de traballo inexistentes na Relación de Postos de Traballo
vixente nin regular as funcións dos devanditos postos, cuxo obxecto
vén definido polo instrumento regulador pertinente, a Relación de
Postos de Traballo ou instrumento similar de ordenación do persoal,
que na actualidade non contempla nin tales postos nin tales
funcións.
2. A
Relación de Postos de Traballo, negociada ao abeiro da lexislación
correspondente e en igualdade de condicións para todo o persoal,
debe ser o mecanismo de creación e definición de novos postos de
traballo, e ningún regulamento municipal debería recoller postos
que o Concello non ten recoñecidos a todos os efectos porque as
referencias do documento serían inválidas. A maiores, no
complemento específico da devandita RPT é onde se deben remunerar
as funcións de dirección dos distintos entes do Concello e na
actualidade ningún dos postos de traballo existentes ten
recoñecidas as funcións de dirección mencionadas no proxecto no
complemento específico.
3. Igualmente,
un regulamento non pode definir os requisitos de titulación para o
profesorado, tal e como se reflicte no artigo 23, e moito menos
cando na Relación de Postos de traballo os únicos postos
vinculados a tal Escola, que son os 110, 111, 112 e 113 teñen na
actualidade uns requisitos de titulación inferiores aos reflectidos
no regulamento, xa que están encadrados no grupo 3 para o que na
actualidade se require “título
de Bacharelato, Formación Profesional de Segundo Grao ou
equivalente”. Por tanto, o requerimento que reflicte este
regulamento de “estar en posesión do título de grao, licenciado
ou titulación equivalente” do artigo 24 entra en conflito cos
postos existentes na actualidade e coa titulación que se lle
requiriu ao persoal que ocupa nestes momentos os correpondentes
postos sinalados enriba.
4. Non
debendo ser obxecto dun regulamento a regulación dos requisitos
para os postos de traballo dunha Administración local, entendemos
que o artigo 24.2. é áinda un maior disparate porque vai en
contraposición do 24.1 ao indicar que non necesariamente deben
estar titulados os docentes da Escola, algo que entra en clara
oposición cos correspondentes requisitos de titulación para os
postos de traballo na Administración pública.
5. O
punto 28 regula as funcións do profesorado, e, ao igual que no caso
da dirección, entendemos que estas funcións deben ser definidas
cos mesmos mecanismos e baixo os mesmos parámetros e medios de
ordenación para todo o persoal municipal.
6. Por
último, e con respecto ao punto 28.9. que sinala entre as funcións
do profesorado estará “recuperar aquelas clases que fose
necesario cambiar por motivos profesionais, e sempre coa pertinente
autorización da dirección, e que non estean recollidas no convenio
de aplicación como permisos /licenzas ou vacacións retribuídas”,
entendemos que se debe eliminar posto que está regulando unhas
condicións laborais beneficiosas para este colectivo, fronte ao
resto do persoal laboral que ten os permisos, licenzas e vacacións
correspondentes ao abeiro da lexislación vixente e como resultado
da negociación colectiva.
Podedes consultar o documento completo aquí:
Ningún comentario:
Publicar un comentario