As
empresas, principalmente as grandes, están empezando a comprender
que un traballador/a satisfeito/a é un empregado/a produtivo/a.
Pero, nas de menor tamaño nas que traballan o groso dos cidadáns, a
situación non mellora. Hoxe en día, os cidadáns seguen pensando
que sacar tempo para un mesmo e para atender á familia é unha
tarefa esgotadora e complicada.
Así
o indica o Barómetro da conciliación Índice efr da Fundación Máis
Familia, estudo que avalía o estado da conciliación da vida
persoal, familiar e laboral a través de 90 indicadores sociais e
empresariais co obxectivo de extraer un índice global que permita
analizar a súa evolución dende o ano 2008 ata 2016.
A
conclusión principal do estudo é que a valoración social do estado
da conciliación en España empeora con respecto a niveis anteriores
á crise, 4,7 puntos respecto dos valores do ano 2008, así como a
percepción que os traballadores teñen sobre a conciliación. Con
todo, o capítulo que fai referencia á empresa avanza en positivo,
especialmente pola mellora da conxuntura económica e a consolidación
das medidas de conciliación dentro da cultura de responsabilidade
social empresarial.
Os
expertos tomaron diferentes índices que estiman, por exemplo, a
natalidade, a demografía, a saúde ou a economía.. Así, no
capítulo de natalidade ponse de manifesto que dende o 2008 ao 2016,
o número de fillos descendeu do 1,36 ao 1,27, atrasouse a idade da
maternidade dos 30,8 aos 32 anos e case a metade das familias
recoñece ter menos fillos dos desexados. As axudas públicas
destinadas ás familias en base á porcentaxe do PIB descenderon uns
10,9 puntos básicos.
Fronte
a estas cifras, lémbranse as do envellecemento da poboación: a
idade media elevouse dos 40,20 anos aos 42,92 e o índice de
dependencia dos maiores (proporción existente entre a poboación
dependente e a activa) empeora un 13,3%.
Segundo
o barómetro, prodúcese un empeoramento en temas de saúde por parte
da poboación española dun 12,5%, destacando o aumento do risco
psicosocial dos/as traballadores/as (4,2%) e o consumo de
ansiolíticos, opioides e antidepresivos, que ascende un 44,1%.
Ademais, os cidadáns dedican menos tempo a actividades de lecer e
diversión que no 2008 (17,1%), mentres que no ránking de felicidade
da ONU, España descende de posición, da 34 á 36.
En
canto ás empresas, o barómetro revela que o estudo dos indicadores
deste ano melloran fronte aos do 2008. Estes índices fan referencia,
por exemplo, á competitividade e produtividade, e aínda que se
comproba unha melloría moi relacionada co fin da crise, recolle
aspectos negativos, como a diminución do nivel de compromiso do
persoal ou a redución da produtividade horaria. O barómetro recolle
tamén a importancia que as empresas dan á responsabilidade social
empresarial (RSE), onde a conciliación é un aspecto destacado. O
teletraballo aumenta de maneira destacada -o número de empresas que
o ofrecen aumentou case un 50%-, pola contra, a flexibilidade horaria
descende en case un 1%.
Pero
estas melloras no ámbito empresarial non son apreciadas nin polos
directivos nin os mandos intermedios nin técnicos; Uns datos que se
complementan cos extraídos do Esade Gender Monitor, estudo sobre o
equilibrio de xénero na empresa, para o que se consultou a máis de
500 directivas en relación coas políticas de igualdade das súas
compañías e os principais obstáculos que se atoparon ao longo
deste ano. Só o 45% das directivas confirma que na súa empresa
existen medidas de conciliación e un 27% que as súas compañías
favorecen o traballo flexible. O 16%, de feito, cre que na súa
organización séguese premiando o presentismo laboral. Os
consultados opinan que as súas empresas ven, cada vez menos, a
conciliación como “un problema” exclusivo da muller.
Un
traballo realizado polo Iese sinala que nas empresas en que se
favorece a conciliación os/as empregados/as síntense catro veces
máis comprometidos e a produtividade aumenta ata un 19%. En canto
aos empregados/as con fillos cando a compañía facilita
habitualmente a conciliación, o seu compromiso é do 100%, mentres
que nas mesmas circunstancias o compromiso dos/as empregados/as sen
fillos é dun 84%. Nos casos en que a empresa non facilita a
conciliación, o compromiso dos/as empregados/as con e sen fillos
baixa ao 23% e 22%, respectivamente.
No
primeiro semestre de 2017, que se corresponde coa ampliación de dúas
a catro semanas do permiso de paternidade, xestionáronse 122.183
prestacións por paternidade, un 0,05% máis que no mesmo período do
ano anterior. Para iso, destináronse 182,2 millóns, unha cantidade
que aumentou un 78,2% respecto de 2016. Do conxunto de prestacións
por maternidade xestionadas no primeiro semestre, a maior parte,
132.194, corresponderon a permisos gozados pola nai (-3,7%), fronte a
2.532 (-11,4%) que foron solicitados polo pai tras cederlle a nai o
dereito.
Por
comunidades onde máis pais acolléronse ao permiso de paternidade
foron Cataluña (22.815), Madrid (20.680), Andalucía (19.576) e
Valencia (12.428).
Máis información en www.cigsaudelaboral.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario