SENTENZA
O Tribunal Superior de Xustiza de
Cataluña (TSXC) confirmou unha sentenza que condenou ao Concello de
Figueres (Xirona) a pagar unha indemnización de 25.000 euros por
incumprir o seu deber de previr os riscos para a saúde derivados dos
conflitos persoais no persoal.
O TSXC desestima o recurso que o
Concello de Figueres presentou contra unha sentenza dun xulgado
social que o condenou a indemnizar a unha axente da policía local á
que se recoñeceu como accidente laboral a baixa que sufriu por unha
crise de ansiedade derivada dos conflitos entre traballadores no
corpo.
A sentenza recoñece por primeira vez a
obrigación de empresas e administracións públicas de adoptar as
medidas adecuadas para evitar situacións de conflito e violencia
psicolóxica no persoal.
O TSXC considera acreditados os danos e
riscos psicosociais sufridos pola axente da policía local, ao longo
de quince anos de conflitos laborais no corpo, polo que o Instituto
da Seguridade Social recoñeceu en 2016 que a baixa que sufría
obedecía a un accidente laboral.
A sentenza sostén que o Concello de
Figueres coñecía a existencia de "graves conflitos
interpersoais" entre a axente e outros membros da Garda Urbana,
"que puidesen ser causa da materialización de riscos
psicosociais". A pesar diso, engade o TSXC, o consistorio non
fixo "todo o que tiña ao seu alcance" para evitar os danos
sufridos pola axente, "pois o principal era identificar a
presenza de posibles riscos psicosociais orixinados polos conflitos
interpersoais".
Segundo a sentenza, aínda que o
Concello dispoñía dende 2010 dun protocolo de actuación contra o
acoso sexual, ata febreiro de 2016 non aprobou un sobre o acoso
psicolóxico, o que en opinión dos xuíces "evitaría ou
minimizaría os efectos dos riscos psicosociais detectados".
A sala desestima o recurso do Concello
de Figueres e lémbralle: "non estamos ante unha demanda por
acoso laboral senón por incumprimento en materia de prevención de
riscos laborais".
Máis info en www.cigsaudelaboral.org.
Ningún comentario:
Publicar un comentario