A baixada do paro non significou un
aumento do número de persoas afiliadas á Seguridade Social
O noso país rexistrou 3710 ocupados/as
menos en decembro con respecto ao mes anterior a pesar de que o paro
baixou nese período en 2162 persoas, o que significa que este
descenso do paro non se produciu porque os afectados/as atopasen un
posto de traballo senón porque ou ben se deron de baixa dos servizos
públicos de emprego ou decidiron probar sorte na emigración.
Segundo os datos de afiliación á
Seguridade Social publicados hoxe, o número de persoas ocupadas en
Galiza pasou de 989.157 en novembro a 985.447 en decembro a pesar de
que o paro baixou neste período en 2162 persoas. Deste xeito, o paro
total rexistrado no noso país sitúase en 185.013 persoas, un 1,16%
menos con respecto ao mes anterior. Con todo, esta baixada foi
inferior á experimentada no conxunto do Estado, que foi do 1,77%, o
segundo menor descenso do desemprego en decembro dende 2012.
Trátase de novo dunha baixada
conxuntural ligada á campaña de Nadal, xa que o sector servizos foi
único no que descendeu (un 2,32%). Pola contra, tanto na industria
(2,33%) como na construción (5,8%) produciuse un significativo
aumento do paro.
Proba disto é a elevada temporalidade
na contratación, até o punto de que dos 71.531 contratos asinados
no noso país neste período unicamente 5365 (un 7,5%) foron
rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación
indefinida. O número de contratos temporais incrementouse un 7,15%
en 2017 con respecto ao ano anterior.
Ao mesmo tempo, o número de persoas
que reciben algunha prestación sitúase nas 91.007, o que mantén a
taxa de cobertura por debaixo do 50%; en concreto, sitúase no 48,6%.
A prestación contributiva unicamente a perciben un total de 38.795
persoas, o que supón só un 42,34%.
Reformas laborais do PP: máis
precariedade e temporalidade
Así pois, segundo denuncia o
secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle,
seguimos instalados na temporalidade e na precariedade que provocan
as distintas reformas laborais do PP, “un modelo que pretende
competir pola vía de baixar os custos de produción, reducir
salarios e empeor as condicións da clase traballadora”.
Ter emprego non supón esquivar a exclusión social
Neste senso, critica que as nefastas políticas do PP ao
servizo da elite económica lévannos a unha realidade na que ter un
posto de traballo non supón necesariamente esquivar a exclusión
social. “É preciso un fondo cambio político para reverter esta
situación, un cambio nas políticas económicas e sociais que só
pode vir da man dun goberno que defenda os intereses da maioría
social”, remata.
Ningún comentario:
Publicar un comentario