A fenda salarial foi do 22,3% no último
ano, mentres que a das pensións foi do 36,8%
As mulleres cobramos menos ca un home;
temos máis contratos a tempo parcial; máis dificultades para
promocionar; pensións máis cativas; somos quen solicitamos
excedencias; seguimos tendo unha dupla ou tripla xornada e
impídesenos conciliar. Ao tempo, medra o número de mulleres con
ingresos inferiores ao SMI e miles de mozas teñen que emigrar para
evitar o desemprego ou a precariedade. Por estas e outras moitas
razóns, a secretaria das mulleres da CIG, Margarida Corral, fixo un
chamamento a todas as galegas a participar nos paros e mobilizacións
convocadas con motivo do Paro Internacional de Mulleres convocado
para o vindeiro 8 de marzo.
Así o explicou na rolda de prensa
celebrada este martes, na que ademais de presentar a campaña arredor
da que a CIG conmemora este ano o Día Internacional da Muller
Traballadora e as mobilizacións que, con este motivo, están
convocadas, explicou que “paramos porque non podemos seguir
aturando tanta discriminación e violencia. Porque hai que
concienciar do traballo que fan as mulleres, de que o noso papel na
sociedade non é subsidiario”.
Paros en todas as quendas
Corral lembrou que a CIG xa rexistrou,
o pasado 29 de xaneiro, a convocatoria de paros parciais en cada unha
das quendas: de 00:00 a 2:00 horas da madrugada; de 12:00 a 14:00
horas e de 19:30 a 21:30 horas para que todas as mulleres poidan
sumarse á folga convocada no traballado asalariado, mais tamén á
folga de consumo, a de brazos cruzados nas tarefas de coidado, ao
boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista e a
mobilizarse nas múltiples convocatorias previstas ao longo e ancho
do país.
A secretaria das Mulleres da CIG
reiterou ademais o chamamento a que, “nun momento dado do día, as
mulleres deixemos o que estamos facendo e paremos para que entendan
que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos” e fixo
extensivo ese chamamento as estudantes, as desempregadas, as
asalariadas, as funcionarias, as fixas, as eventuais… “para
lembrar a esta sociedade que somos a metade da humanidade e que a
metade nos pertence. Paramos para exixir xustiza”.
Mobilizacións
A secretaria das Mulleres da CIG fixo
tamén un chamamento a participar activamente na xornada de loita
acudindo ás concentracións convocadas pola central sindical en máis
de 30 cidades e vilas de Galiza e na manifestación convocada pola
Asemblea @Galegas8M para o vindeiro domingo día 4 de marzo
en Vigo, así como nos actos locais previstos polo movemento
feminista galego no propio 8 de marzo.
Fenda salarial do 22,3% en Galiza
E é que os datos son teimudos e, tal e
como explicou Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete de
Economía da CIG, na presentación do Informe sobre a situación
laboral, que se adxunta ao pé, das mulleres en Galiza en 2017, a
fenda salarial entre homes e mulleres situouse o ano pasado no 22,3%,
cun incremento de dúas décimas respecto de 2016.
Unha fenda que López Gromaz atribuíu
ao “trato privilexiado que o mercado laboral ofrece aos homes” e
á “feminización dos empregos máis precarios e con salarios
máis baixos”, aos complementos discrecionais, ao acceso
minoritario de mulleres a postos de alta responsabilidade ou a maior
presenza dos contratos a tempo parcial nas mulleres.
Esa discriminación salarial é ademais
“xeneralizada en todas as ramas de actividade”, denunciou e, de
media, supón que unha muller ingresa 4.513 euros menos ca un home.
López Gromaz subliñou ademais que, no
seu conxunto, o 20.7% das mulleres asalariadas percibiron uns
ingresos inferiores á metade do SMI, menos de 1.804 euros ao ano e
salientou que o grupo de idade entre o que máis medrou a ocupación
foi no das mulleres de máis de 45 anos, que pasaron do 36,3% ao
46,8% desde 2009.
O 21,8% das mulleres traballan a
xornada parcial fronte o 6% no caso dos homes.
No ano 2009 o número de traballadoras
a tempo parcial representaba o 18,2% do total, unha porcentaxe que
ascendeu en 2017 ao 21,8%. Porén, no caso dos homes, só o 6% tivo
este tipo de xornada.
Con todo, se isto é grave, máis o é
que o 60% das traballadoras con este tipo de xornada alegaran,
segundo se recolle no Informe, “non atopar outro traballo a xornada
completa”, ou o que é o mesmo, non accederon a este tipo de
contratos por gusto senón porque non lles quedou outra alternativa.
A responsábel do gabinete de economía
sinalou tamén que a taxa de temporalidade feminina se situou no
28,7% no ano 2017, mentres que entre os homes foi do 25,2% e asegurou
que “cada muller con contrato temporal asinou unha media de 3,8
contratos” durante o pasado ano.
Ademais o 35% dos contratos rexistrado
a nome de mulleres duraron menos dunha semana o que é indicativo da
elevadísima rotación.
Apenas o 47% das desempregadas cobran
algunha prestación.
Un total de 98.300 mulleres permanecen
paradas no ano 2017, e o 40% destas leva máis de 2 anos nesa
situación. Isto provocou, segundo explicou López Gromaz, que apenas
o 47% das mulleres paradas percibira algún tipo de prestación.
A fenda das pensións é do 36,8%%
Esta acumulación de precariedade ao
longo da vida laboral das mulleres é a que provocou, segundo Gromaz,
que á hora da xubilación a fenda salarial se traduza nunha fenda
nas das pensións aínda maior. A diferenza media entre as pensións
das mulleres e as dos homes foi de 352,58 euros no ano 2016, último
do que se teñen datos, o que implica unha fenda do 36,8%. No ano
2008 a fenda das pensión era de 35,4 puntos. A maior fenda xérana
as pensión de xubilación (37,9%), 394,65 euros menos brutos ao mes.
MOBILIZACIÓNS
PAROS POR QUENDAS DE TRABALLO
* de 00h-02h da
madrugada
* de 12h a 14h
* de 19:30h a 21:30h
A CORUÑA
BETANZOS: 12:30h Nas portas do
Concello
CARBALLO: 12:30h Nas portas do
Concello
CEE: 12:30h Praza 8 de marzo
RIBEIRA: 20:00h Praza do Concello
Ás 12:45h Nos centros de traballo
SANTIAGO DE COMPOSTELA:
* 12:30h no Centro Comercial As
Cancelas
* 12:30h na Praza de Galiza
* 12:30h diante do Hospital
Clínico
* 12:30h diante da Xunta de Galiza
en San Caetano
FERROL
* 12:30h Praza de Amada García
(Edificio da Xunta)
* 12:30h Hospital Arquitecto
Marcide
AS PONTES: 12:30h Praza do
Concello
LUGO
LUGO: 12:30h Diante do edificio
administrativo da Xunta de Galiza
MONFORTE: 20:00h Praza de España
A MARIÑA / VIVEIRO / BURELA / RIBADEO
: 12:30h Diante dos Concellos
OURENSE
OURENSE: 12:30h Praza Maior
O BARCO DE VALDEORRAS:
20:00h Praza do Concello
VERÍN: 20:00h Praza do Concello
PONTEVEDRA
PONTEVEDRA:12:30h na Praza da
Peregrina
VILAGARCÍA/O GROVE/CAMBADOS:
12:30h Diante dos concellos
A ESTRADA: 12:30h Diante do
Concello
VIGO:
* 12:30h Na farola de Urzáiz
* 12:30h Na estrada Clara
Campoamor (na rotonda de aceso ao hospital Álvaro Cunqueiro)
BUEU: 12:30h Diante do
Concello (Rúa Eduardo Vicenti, 8)
CANGAS: 12:30h Diante do Concello
(Avda. Castelao, 2)
MOAÑA: 12:30h Diante do Concello
(Rúa As Barxas, 2)
TOMIÑO: 12:00h Diante do Concello
(Praza do Seixo)
TUI: 12:30h No Outlet

Ningún comentario:
Publicar un comentario