19/03/18
Convocatoria para a obtención da certificación de competencias dixitais en ofimática
No DOG do 13 de marzo publicouse
a Resolución da AMTEGA pola que se convocan probas de avaliación de
carácter libre para a obtención da certificación galega de
competencias dixitais en ofimática, regulada polo decreto 218/2011,
do 17 de novembro (DOG núm. 229, do 30 de novembro), tras a
superación dunha proba presencial na cal se acreditarán os
coñecementos, as capacidades e as destrezas definidos no Plan
formativo ofimático de Galiza.
O número de prazas convocadas, datas
(entre o 25 e o 27 de abril), lugar e horario en que se realizarán
as probas están recollidos na propia Resolución.
O prazo para inscribirse remata aos 7
días naturais a partir do seguinte ao da publicación (día 20 de
marzo inclusive).
Solicitude de vacacións do ano 2018
Lembramos o que indica o Convenio colectivo con respecto ás vacacións do persoal laboral. Así mesmo, que a solicitude se debe realizar por escrito no Departamento de Persoal e que a denegación do desfrute no período solicitado só é válida no caso de que o Concello lla notifique por escrito ao traballador ou traballadora afectada a denegación. Neste caso, se tendes dúbidas da pertinencia ou non da denegación e da posibilidade de reclamala podedes poñervos en contacto cos delegados da CIG.
Artigo
23.º Vacacións.
1.
As vacacións anuais retribuídas do persoal serán de vinte e dous
días hábiles anuais por ano completo de servizo, e o máximo que a
lexislación vixente de función pública permita, ou en forma
proporcional ao tempo de servizos efectivos, e os/as traballadores/as
gozarano, de forma obrigatoria, dentro do ano natural e ata o quince
de xaneiro do ano seguinte, e terán dereito ao goce da metade destas
entre o 1 de xuño e o 30 de setembro e en períodos mínimos de
cinco días hábiles consecutivos, sempre que os correspondentes
períodos de vacacións sexan compatibles coas necesidades do
servizo. Sen prexuízo do anterior poderase solicitar o desfrute
independentemente de ata 7 días hábiles por ano natural.
Ademais
do anterior, establécense catro días adicionais de vacacións en
función do tempo de servizos prestados polos empregados públicos do
Concello, con arranxo á seguinte táboa:
- Por 10 anos de antigüidade: 1 día adicional de vacacións.
- Por 15 anos de antigüidade: 2 días adicionais de vacacións.
- Por 20 anos de antigüidade: 3 días adicionais de vacacións.
- Por 25 anos ou máis de antigüidade: 4 días adicionais de vacacións.
2.
Para estes efectos, os sábados non serán considerados días
hábiles, agás que nos horarios especiais se estableza outra cousa.
3.
O persoal con contratos laborais temporais poderá escoller as datas
das súas vacacións sen ter que facelas coincidir obrigatoriamente
co ano natural, sempre que as necesidades do servizo o permitan.
4.
O plan de vacacións anuais será elaborado antes do 1 de abril de
cada ano, de modo que cada traballador/a poida coñecer as datas que
lle correspondan, polo menos con dous meses de antelación á data do
comezo daquelas.
5.
Nos servizos onde poidan producirse colisión de intereses con
respecto ao desfrute das vacacións, organizaranse as quendas de
forma obrigatoria, de xeito rotativo, comezando polo/a traballador/a
con maior antigüidade a primeira vez que se organicen as quendas.
6.
As vacacións non poderán ser compensadas en metálico nin en todo
nin en parte, agás cando no transcurso do ano se produza a extinción
da relación de emprego do/a traballador/a ou sexa declarado este en
situación de excedencia ou de suspensión de funcións e aínda non
teña desfrutado ou completado na súa totalidade o desfrute do
período vacacional.
7.
No suposto de producirse colisión de intereses entre o/a
traballador/a afectado pola enfermidade ou por accidente e aqueles/as
outros/as do seu mesmo servizo, que xa as teñen programadas, terán
estes/as últimos/as preferencia sobre aquel/a, que en todo caso
haberá de supeditarse ás necesidades do servizo.
8.
O calendario anual de vacacións poderá ser modificado con carácter
individualizado, tras a solicitude dos/as interesados/as, sempre que
non exista oposición, fundamentada en razóns obxectivas do servizo,
e non se afecte a intereses de terceiros/as no ámbito das quendas
establecidas.
9.
A traballadora embarazada terá dereito a escoller a data das súas
vacacións regulamentarias, sempre e cando as una sen solución de
continuidade á baixa por maternidade. Do mesmo xeito recoñécese o
dereito á elección do período de vacacións a favor de mulleres e
homes con fillas ou fillos menores de doce anos, sempre e cando estas
coincidan con períodos non lectivos, ou maiores dependentes ao seu
coidado.
10.
Os permisos de maternidade, paternidade e lactación, así como os
períodos de incapacidade temporal derivados do embarazo, poderanse
acumular ao período de vacacións, mesmo despois do remate do ano
natural ao que aquelas correspondan.
Cando
o período de vacacións coincida cunha incapacidade temporal
derivada do embarazo, parto ou lactancia natural, ou co permiso de
maternidade, ou coa súa ampliación por lactancia, a empregada terá
dereito a gozar as vacacións en data distinta, aínda que terminase
o ano natural ao que correspondan. Gozará deste mesmo dereito quen
estea gozando do permiso de paternidade.
11.
A baixa por maternidade, enfermidade ou accidente interromperá o
cómputo de período vacacional e reanudarase de acordo coas
necesidades do servizo despois da alta. De producirse colisión de
intereses entre un/ha traballador/a afectado/a por unha enfermidade
ou por un accidente e aqueles/as outros/as do seu mesmo servizo, que
xa as teñen programadas, terán estes/as últimos preferencia sobre
aquel, que en todo caso haberá de supeditarse ás necesidades do
servizo.
12.
No caso de que o traballador cese por xubilación ou falecemento sen
gozar das vacacións que lle corresponderan, terá dereito (el ou os
seus dereitos habintes) a que se lle inclúa na liquidación o
importe da parte proporcional das vacacións devengadas e non
desfrutadas polo período de tempo traballado durante o ano.
13.
O dereito ás vacacións recoñécese a todos/as os/as
traballadores/as que non puideron desfrutalas con motivo de
incapacidade temporal sexa cal sexa a continxencia que a determinou.
Resumo da Mesa Xeral de Negociación 12/03/18
O pasado día 12 tivo lugar a Mesa Xeral de Negociación do Concello de Betanzos cun único punto da orde do día:
1. Asignación individualizada do importe das axudas sociais correspondentes ao ano 2017.
1. Asignación individualizada do importe das axudas sociais correspondentes ao ano 2017.
O Concello comunicou as indicidencias e propuxo a denegación de dous conceptos solicitados tendo en conta que non se correspondían con ningún dos recollidos das bases, así mesmo acordou requirir documentación nunha solicitada presentada de xeito incompleto.
A partida de axudas sociais é de 25000 euros e as solicitudes presentadas foron sumaban un total de 24327,22 euros, o que supón que non ficaban sen gastar 672,78 euros. A CIG solicitou que se repartise de xeito proporcional a cantidade restante. O concelleiro de Persoal indicou que se lle entregaría esa proposta á Intervención cando se solicitase o informe para ver se era posible.
En último lugar, a previsión é que este ano se paguen as axudas sociais segundo o prazo establecido na propia convocatoria polo Concello, coa nómina de marzo de 2018. Non obstante, tendo en conta o acontecido en anos anteriores, recomendamos preguntar no Departamento de Persoal a finais de mes se efectivamente se pagarán en tempo e forma.
En último lugar, a previsión é que este ano se paguen as axudas sociais segundo o prazo establecido na propia convocatoria polo Concello, coa nómina de marzo de 2018. Non obstante, tendo en conta o acontecido en anos anteriores, recomendamos preguntar no Departamento de Persoal a finais de mes se efectivamente se pagarán en tempo e forma.
A suba salarial no sector público só permite recuperar o 0,48% anual, até 2020, do poder adquisitivo perdido
O persoal das Administracións tardaría
28 anos en restablecer o recortado nos últimos oito anos
A Área Pública da CIG
(CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) non subscribirá o
acordo entre o Ministerio de Facenda e as organizacións sindicais
estatais CCOO, UGT e CSIF que se prevé que se asine na Mesa Xeral
das Administracións Públicas convocada para mañá mércores, día
14 de marzo, nin polo fondo, nin polas formas. Denuncia a pretensión
de desvincular os salarios do persoal das Administracións públicas
do IPC; que ese acordo só permitiría recuperar un 0,48% anual do
poder adquisitivo perdido até 2020 e que, de se manteren os
criterios marcados, o persoal das administracións públicas
tardarían 28 anos en recuperar o que foi recortado nos últimos 8
anos. Rexeita ademais que se pactara, como en ocasións anteriores,
fóra das mesas de negociación.
O portavoz da Área Pública da CIG,
Xavier Picón, asegura que ademais de non recuperarse o poder
adquisitivo perdido, tampouco se recuperan as prazas de emprego
público recortadas, nin os dereitos laborais suprimidos. “Mantense
tamén intacta toda a lexislación restritiva de dereitos de
participación e negociación colectiva, facendo táboa rasa de todas
as reivindicación sindicais”. Toda unha serie de cuestións ás
que, afirma, “non pode renunciar a Área Pública da CIG”.
Pacto fóra das mesas
Picón denuncia que o texto do
documento foi acordado polas cúpulas sindicais e gobernamentais “sen
publicidade nin contraste coas traballadoras e traballadores do
sector público, á marxe da mesa de negociación e mantendo vellas
prácticas desgraciadamente consolidadas tanto no bando sindical como
no do goberno”.
De feito acusa a CCOO, UGT e CSIF de se
converter en “cómplices dun Goberno que, lonxe de recoñecer o
esforzo soportado durante a crise e restituír os dereitos e as
condicións de traballo suprimidos relega ás persoas empregadas
públicas ao papel de vítimas permanentes dunhas políticas
contrarias aos intereses da clase traballadora en xeral e das persoas
empregadas públicas en particular”.
Desvinculación do IPC
A Área Pública da CIG considera moi
grave que, no documento, as organizacións sindicais accedan a pactar
incrementos salariais que “xa non se indexarán en función da
carestía da vida, senón en función da evolución da economía
global española”. Un precedente que Picón cualifica de
“pernicioso” porque o PIB “só reflicte o incremento do valor
monetario dos bens e servizos, desligándose da evolución dos prezos
do noso consumo diario e sen establecer antes criterios de reparto
igualitario deses beneficios”.
Alerta ademais de que iso foi
precisamente o que se fixo coas pensións públicas –desligar o seu
incremento ao IPC- e que provocou unha importante perda do seu poder
adquisitivo e unha contestación social sen precedentes das persoas
pensionistas.
Deste xeito a Área Pública da CIG
calcula que nos próximos tres anos as retribucións do persoal
público se incrementarían nun 6,12% (con subas de 1,75%; 2,25% e 2%
en cada exercicio). A maiores fíxanse uns posíbeis incrementos
vinculados ao PIB. Porén, “segundo as estimacións do Banco de
España de decembro de 2017, o PIB non superará o 2,1% nos anos 2019
e 2020, polo que no mellor dos casos esas subas poderían chegar,
como máximo, ao 6,38%”.
Ademais, segundo eses mesmos informes
do Banco de España, o IPC destes tres anos (2018 a 2020)
experimentará un incremento do 4,67%. “Isto implica que parte da
recuperación do noso poder adquisitivo se limitará a un 0,48%
anual, ou 0,57%, no mellor dos casos)”.
A Área Pública da CIG ten en conta
ademais o desfase de poder adquisitivo mínimo desde 2010, que foi
dun 13,20% no Estado, polo que o funcionariado e o persoal laboral
público tardaría 28 anos en recuperar o que lle foi arrebatado
polos diferentes gobernos.
“Esta recuperación sería moito máis
lenta en administracións como a galega”, sinala Pincón, porque “a
Xunta foi máis agresiva que a propia administración central nos
recortes ao seu persoal, mantendo complementos específicos das
extras recortados até o ano 2017 e onde o acumulativo do IPC foi
lixeiramente superior ao do Estado”.
Por iso para a Área Pública da CIG é
“unha auténtica tomadura de pelo ás persoas empregadas públicas
que se nos fale de recuperación de poder adquisitivo en relación ao
perdidos nos últimos 8 anos”.
Fondos adicionais
Respecto dos fondos adicionais que se
contemplan no acordo e que se poderían negociar e incrementar nas
diferentes administracións públicas, Picón explica que son fondos
con carácter finalista polo que “a súa distribución pode afectar
de xeito desigual aos distintos colectivos, grupos ou escalas de
empregados/as públicos/as”.
En todo caso, a CIG entende que cada
administración debe poder chegar a acordos retributivos sen estar
condicionada por acordos e inxerencias do goberno e as cúpulas
sindicais estatais xa que, do contrario, “se está a negar a
capacidade de negociación das organizacións sindicais e das
administracións en cada ámbito de negociación”.
Propostas da CIG
A Área Pública da CIG xa adianta que
presentará as súas propias propostas e defenderá unha suba
adicional sobre o acordo acadado entre o goberno e os sindicatos
estatais dun 4,40% en 3 anualidades, para recuperar o 13,20% do poder
adquisitivo perdido no período 2010.2017, incluíndo unha cláusula
de garantía salarial por desviación do IPC.
Demandará ademais a derrogación das
normas implantadas polo goberno central que provocaron un grave
deterioro das condicións laborais, nomeadamente a penalización por
enfermar, porque no acordo “o único que se recolle é que as
diferentes comunidades autónomas poderán regular as condicións a
cumprir para completar até o 100% nas baixas por IT”.
Reclamará tamén a recuperación de
dereitos perdidos que no documento non aparecen e a xubilación
parcial que non se amplía ao funcionariado do réxime xeral. Xunto a
isto reclama que se inclúa a recuperación dos Fondos de Acción
social; o fin dos recortes nas pagas extra nos conceptos de salario e
trienios; dos permisos e licenzas suprimidos; da restitución da
parte dos convenios colectivos suspendidos ; da implantación do
sistema de carreira horizontal ou da clasificación do persoal
titulado de FP2 no grupo B e de FP1 no grupo C1.
Sen creación de emprego
Para a Área Pública da CIG o texto
incluído neste acordo supón unha ampliación do Acordo sobre
estabilización do Emprego Público que a CIG xa rexeitou no seu
momento porque non recupera emprego público perdido entre 2010-2017
e que se cuantifica en 270.000 postos de traballo no conxunto do
Estado, 12.000 deles en Galiza. En todo caso Picón matiza que se
está a falar de “prazas estruturais que xa están ocupadas na
actualidade, nuns casos por persoal temporal ou interino e noutros
por persoal indefinido non fixo por sentenzas que, en ningún caso,
implican incremento real de prazas nos cadros de persoal”, matiza
Xavier Picón.
Por iso a Área Pública da CIG conclúe
que “malia a tan cacarexada mellora da situación económica, o
mantemento das taxas de reposición non permite crear emprego no
sector público, nin recuperar as prazas perdidas nos últimos anos
nestes ámbitos. “Isto vai seguir xerando emprego temporal e
inestábel e, nalgúns casos en fraude de lei, co agravante de que
agora as taxas xa non veñen impostas, senón que son froito de
acordo coas organizacións sindicais estatais”.
A CIG rexeita o acordo retributivo para persoal das administracións públicas asinado por CCOO, UGT e CSIF co goberno do PP
Non inclúe a
recuperación “do roubado” nin vincula as subas salariais ao IPC
A Área Pública da CIG
rexeitou, na Mesa Xeral das Administracións Públicas, celebrada
esta semana, o acordo retributivo asinado entre os sindicatos
estatais e o goberno do PP porque non inclúe a recuperación do
roubado, nin vincula as subas salariais ao IPC. Ademais opúxose a
que se destinen máis de 5 millóns de euros para subvencionar ás
organizacións sindicais, tal e como se recolle no novo Acordo de
Formación para o Emprego do persoal das Administracións Públicas.
A Área Pública da CIG
–que atinxe as federacións de Ensino, Administración e Saúde-
criticou duramente o acordo tras analizar a fondo o texto que xa
denunciara que estaba “cociñado” fóra da Mesa Xeral de
Negociación entre as cúpulas sindicais de CC.OO., UGT e CSIF e o
Ministerio de Facenda.
Desvinculación do
IPC
A representación da CIG
denunciou na Mesa a desvinculación dos salarios do persoal das
Administracións públicas da variación do IPC para indexalo ao PIB.
“Este feito pode supor un grave precedente para o desfase que se
poida producir entre a carestía da vida e os salarios das persoas
empregadas públicas e implica o trunfo das consignas do
neoliberalismo, que pretende que os salarios dependan da
macroeconomía e non da realidade que temos que afrontar a diario
cando pagamos unha hipoteca ou mercamos alimentos”. Unha pretensión
que quedou evidenciada na intervención do ministro Montoro, cando se
felicitou de que se estea a abrir un camiño que debe exportarse aos
acordos salariais nas empresas privadas.
O persoal tardaría 28
anos en recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos 8
O que tan pomposamente se
presenta como unha recuperación, poñendo o foco na suba dun
6,12% dos salarios até 2020, dista moito de ser unha realidade xa
que o propio Banco de España agarda unha suba do IPC do 4,67% nese
mesmo período.
A este respecto o
Secretario Nacional da CIG-Administración Pública, Xavier Picón,
expuxo con claridade na Mesa que o acordo asinado só permitirá
recuperar un 0,48% en cada ano no período 2018-2020, e que con ese
ritmo de recuperación establecido, o persoal das administracións
públicas tardaría 28 anos en recuperar o 13,20% de poder
adquisitivo perdido nos últimos 8 anos.
Para estes efectos, o
coordinador de CIG-Área Pública propuxo na Mesa unha suba salarial
adicional sobre o Acordo acadado entre o Goberno e os sindicatos
estatais dun 4,40 % en cada unha das 3 anualidades, incluíndo unha
cláusula de garantía salarial por desviación do IPC. Pero a
proposta non foi acollida por ningunha das partes asinantes do
Acordo, botando por terra calquera posibilidade de recuperación real
dos salarios recortados co pretexto da crise.
Non se crea novo emprego
e póñnese en cuestión miles de postos de traballo temporal
En materia de Emprego, a
Área Pública da CIG conclúe que “malia a tan cacarexada mellora
da situación económica, o mantemento das taxas de reposición no
Acordo asinado non permite crear emprego no sector público, nin
recuperar as prazas perdidas nos últimos anos nestes ámbitos. “Isto
vai seguir xerando emprego temporal e inestábel e, nalgúns casos en
fraude de lei, co agravante de que agora as taxas xa non veñen
impostas, senón que son froito de acordo coas organizacións
sindicais estatais”.
O Acordo asinado dá por
bos os recortes de persoal, xa que as ofertas de emprego que poidan
derivar da Lei de Orzamentos do Estado para 2018 teñen que limitarse
ás prazas que quedan vacantes por xubilación, pois as taxas
adicionais pactadas no Acordo son de difícil aplicación á maioría
das Administracións Públicas distintas da do propio Estado, como
tamén denunciou o representante da FEMP na Mesa Xeral.
O coordinador da CIG-Área
Pública pediu expresamente na Mesa Xeral a supresión das taxas de
reposición para permitir ás Comunidades Autónomas e
Administracións Locais a recuperación de emprego público, proposta
que foi tamén secundada polos representantes da FEMP e de algunha
das CC.AA. presentes na Mesa Xeral das AA.PP. pero o Goberno
fixo oídos xordos á nosa proposta.
Consolidación do emprego
No que ten a ver
coa consolidación de emprego, o texto agora aprobado polos
sindicatos estatais e o goberno supón unha ampliación do Acordo
sobre estabilización do Emprego Público asinado polos mesmos
protagonistas e que a CIG xa rexeitou no seu momento porque non
recupera o emprego público perdido.
O Acordo limítase a
consolidar “prazas estruturais que xa están ocupadas na
actualidade, nuns casos por persoal temporal ou interino e noutros
por persoal indefinido non fixo por sentenzas que, en ningún caso,
implican incremento real de prazas nos cadros de persoal”, facendo
táboa rasa das prazas perdidas no período 2010 - 2017, que se
cuantifica en 270.000 postos de traballo no conxunto do Estado,
e 12.000 en Galiza.
Tanto este Acordo como o
de marzo céntranse exclusivamente na friaxe das cifras sen ter en
conta para nada ás persoas que durante anos prestaron servizo en
precario nestes postos de traballo nas diferentes AA.PP. Nada se di
no Acordo sobre como se van a levar a cabo eses procesos de
consolidación, pero o texto obriga a incluír todas as prazas
afectadas nas próximas ofertas de emprego, o que pon “aos pés dos
cabalos” a miles de persoas cunha longa traxectoria como persoal
temporal, interino ou indefinido non fixo, mesmo con idades próximas
á xubilación, nun fase da súa vida laboral que dificulta
enormemente unha adaptación noutros ámbitos se perden o posto de
traballo nun momento fulcral da súa carreira de cotización.
Nin rescate salarial, nin
recuperación de emprego e de dereitos
A Área Pública da
CIG asegura ademais que con este Acordo tampouco se recuperan os
dereitos laborais suprimidos: no que ten a ver coa xornada laboral,
ao quedar a posibilidade da redución condicionada ao cumprimento dos
obxectivos en materia de estabilidade orzamentaria, débeda pública
e regra de gasto, unhas administracións poderán negociar a redución
e outras non.
Isto vai dar lugar a
distintas xornadas laborais entre as persoas empregadas das distintas
AA.PP., en función da situación económica de cada Entidade, sen
que en ningún caso sexan estas persoas as responsables da xestión
económica en cada ámbito, o que foi tamén moi criticado por algúns
representantes das CC.AA. que interviñeron na xuntanza da Mesa.
Sobre a retribución das
baixas por I.T. , o Acordo deixa na man de cada administración a
posibilidade de complementalas ata o 100%, cando os sindicatos tiñan
na man forzar ao Goberno do Estado a derrogar as leis e normas que
nos penalizan por enfermar.
Tampouco se recolle nada
no texto sobre a restitución de permisos recortados, sobre a
xubilación parcial para o funcionariado do réxime xeral ou a
xubilación anticipada do persoal das Policías Locais.
“Por iso non é doado
entender que os sindicatos, que até hai semanas falaban de recuperar
o arrebatado e da dignidade das e dos empregados
do sector público, acepten agora pechar en falso esta negociación,
cando o único que se precisaba era a derrogación das leis que
introduciron os recortes, mantendo intacta incluso toda a lexislación
restritiva de dereitos de participación e negociación colectiva, e
facendo táboa rasa de todas as reivindicación sindicais
anteriores”.
5 millóns de euros para
formar cadros sindicais, a cara B da Mesa Xeral de Negociación
Na orde do día da
reunión da Mesa Xeral de Negociación das AA.PP. o goberno incluíu
unha proposta para asinar cos sindicatos a modificación do actual
Acordo de Formación para o Emprego das AA.PP. (AFEDAP). O texto
supón a adaptación ao novo marco da formación profesional no
ámbito laboral, mais presenta no seu articulado unha novidade a
salientar: todo un capítulo destinado ao financiamento de accións
formativas dirixidas a cadros sindicais das diferentes organizacións
sindicais con representación no sector público.
Nun documento previo, que
recibiu un informe negativo da Avogacía do Estado, pretendíase
incluír nese financiamento ás organizacións sindicais a
representantes que nin sequera fosen empregados públicos, algo que
finalmente foi retirado do texto que se presentou na Mesa, xa que
sería abertamente ilegal.
A Área Pública da CIG
amosou a súa desconformidade con este apartado do Acordo ao entender
que a formación interna dos delegados e delegadas sindicais debe ser
sufragada cos fondos propios das organizacións sindicais e que os
cartos de formación deben destinarse na súa integridade a formar a
todos os traballadores e traballadoras públicas, reforzando a
formación continua.
Na propia Mesa, o
Secretario Nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, preguntou
directamente a Secretaria de Estado de Facenda pola contía que se
destinará ao financiamento desta formación sindical, xa que ese
dato non formaba parte da documentación entregada. A Secretaria de
Estado afirmou que sería superior aos 5 millóns de euros, o que
implica que un 9% do total dos 58 millóns de euros dos plans de
formación serían para formar a cadros sindicais. O texto contou co
apoio de CC.OO., UGT e CSIF. Porén a representación da Área
Pública da CIG na mesa amosou a súa preocupación polo control do
gasto deses recursos. Preocupación que só foi compartida polo
sindicato vasco ELA.
Pódese acceder á
información completa co posicionamento da CIG na Mesa Xeral
nesta ligazón.
15/03/18
O GOBERNO MUNICIPAL DO PSOE PRIVATIZA O SERVIZO DE LIMPEZA MUNICIPAL DOS CENTROS EDUCATIVOS DE COSTAS ÁS TRABALLADORAS
O
Concello de Betanzos avanza na privatización dos servizos municipais
e na destrución de emprego público coa licitación do servizo de
"Limpeza de centros públicos de ensino do Concello de
Betanzos". O goberno municipal do PSOE publicou esta licitación
na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia o día 7 de marzo e
hoxe mesmo na web municipal do Concello alardea das bondades da
privatización dun servizo que na actualidade ten cinco traballadoras
ás que o Concello non informou en ningún momento das súas
intencións. É máis, as traballadoras que resultarían afectadas
souberon pola prensa que o Concello ten a intención contratar a unha
empresa privada para a limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín, a
Escola Infantil e o Conservatorio Municipal.
Desde
a Sección sindical da CIG denunciamos publicamente a falta de
diálogo do goberno municipal nesta situación e a vontade
privatizadora dun sector que na actualidade xa conta con persoal, se
é ben é certo que nos últimos anos se reduciu significativamente
pola negativa a cubrir as vacantes por xubilación. É necesario
denunciar tamén que o prego de prescricións técnicas do contrato
administrativo minte abertamente dicindo que "o Concello carece
de persoal con experiencia na prestación de traballos de limpeza e
que conten coa categoría de limpador/a", cando os contratos das
traballadoras de limpeza que actualmente traballan no CEIP Francisco
Vales Villamarín e os postos existentes no cadro de persoal afirman
o contrario.
A
maiores, o Concello ten unhas listaxes de substitución vixentes para
o posto de limpador/a para cubrir as baixas do persoal, e a CIG xa
denunciou publicamente que sistematicamente viña cubríndoas con
persoal dunha empresa privada, nun claro intento de abrir este novo
camiño da privatización definitiva.
En
último lugar, queremos lembrar que a vontade de destrución de
emprego público do goberno municipal de Betanzos vén de lonxe,
posto que xa hai dous anos optou por despedir a dúas traballadoras
que limpaban o aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín para
comezar a abrir o camiño a esta contratación privada. Finalmente,
consideramos completamente inaceptable que o PSOE dese este paso sen
falar co Comité de Empresa e coas traballadoras afectadas, máis
aínda tendo en conta que a modificación das condicións laborais é
materia de obrigada negociación.
08/03/18
O Comité de Empresa reitéralle por terceira vez ao goberno municipal a necesidade de cumprimento dos acordos tomados na Comisión Paritaria do Convenio de xullo de 2017
Por terceira vez en todos estes meses o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, reitéralle ao goberno municipal a necesidade e obrigatoriedade de cumprimento dos acordos tomados na Comisión Paritaria do Convenio Colectivo do pasado xullo de 2017.
Na reunión do vindeiro martes a representación do Comité de Empresa trasladaralle a súa preocupación por este tema que supón un problema retributivo nas nóminas de varios traballadores e traballadoras do Concello. Así mesmo, buscará vías de diálogo para intentar solucionar esta situación e se, finalmente, o Concello non dá pasos adiante para solucionalo estudaremos as opción legais e posibilidade de reclamar no xulgado o cumprimento dos acordos de interpretación do convenio tomados hai xa oito meses.
Concentración do Día Internacional da Muller Traballadora en Betanzos
Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos queremos agradecer o apoio de todas as mulleres que asistiron hoxe ás 12:30 h á Casa Consistorial, especialmente o das traballadoras do Concello de Betanzos que pararon de 12:00 h a 14:00 h e secundaron esta folga, tamén dos compañeiros que se achegaron a apoialas. Grazas a todas visibilizouse a importancia de parar as mulleres deste Concello e denunciar as inxustizas e discriminación existentes aínda na actualidade contra as mulleres.
Convocatoria de Mesa Xeral de Negociación para a resolución das axudas sociais
O Concello de Betanzos convocou onte, 7 de marzo, Mesa Xeral de Negociación para o vindeiro luns 12 de marzo ás 12:00 h para a resolución das axudas sociais correspondentes ao ano 2017.
Cómpre lembrar que, tal e como recollía a propia convocatoria, estas axudas deberán pagarse coa nómina do mes de marzo.
En principio, a contía solicitada polos traballadores é inferior aos 25 000 euros existentes na partida, polo que as axudas serán concedidas nas contías máximas para cada concepto.
Por outro lado, se hai traballadores/as que queiran coñecer a contía proposta para a concesión pódense pór en contacto cos delegados da CIG, así como se teñen algunha outra dúbida relacionada con este tema.
O Comité de Empresa solicita unha reunión co concelleiro de Persoal
Son demasiados os temas sen resolver ao longo de todos estes meses que se iniciaron as negociación da RPT. Parte do convenio colectivo aínda está pendente de aplicación e son moitos os problemas derivados da inactividade do Departamento de Persoal para a súa aplicación na totalidade. Por este motivo, o Comité de Empresa solicitou unha reunión co concelleiro de Persoal para tratar os seguintes temas:
- Novo regulamento de axudas sociais.
- Aplicación efectiva dos acordos da Comisión Paritaria do 18 de xullo.
- Suba do 1% (2016) e 1% (2017) na contía das horas extraordinarias do persoal laboral pendente.
- Información sobre o sistema de control de presenza no traballo e negociación de horarios.
- Problemas co pagamento das horas extraordinarias do persoal laboral.
- Creación da Comisión de Igualdade e elaboración do Plan de Igualdade.
- Convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde, plans de emerxencia dos edificios municipais e revisións médicas.
- Solicitudes do persoal pendentes de resposta e reclamacións de indefinición.
- Cobertura de permisos e vacacións e na Escola Infantil Municipal.
O concelleiro respondeu por escrito e a reunión terá lugar o martes 13 de marzo ás 13:30 h.
O goberno municipal comunícalle aos delegados sindicais do decreto dos Servizos Mínimos o 7 de marzo ás 13:30 h
Como vén sendo común o goberno municipal utiliza o tempo no seu favor para que os representantes dos funcionarios estean en desvantaxe á hora de poder defender os dereitos dos traballadores. Isto foi obvio desde que convocou a Mesa Xeral de Negociación o luns ás 13:00 h para o martes ás 12:00 h cando sabían de sobra que a folga estaba convocada para o xoves.
Nada máis saír da mesa do martes a CIG solicitou que se aprobase o decreto dos servizos mínimos, decreto que se entregou aos delegados sindicais o 7 marzo ás 13:30 h coa previsión das dificultades que isto suporía para recorrer os servizos mínimos e que a Inspección de Traballo actuase, máis aínda que o 8 de marzo a Inspección de traballo provincial estaría pechada ao se tratar dun día festivo na Coruña.
A Cig considera os servizos mínimos do Concello de Betanzos para a folga do 8M completamente abusivos e estudará levalos á inspección para que isto non pase en vindeiras folgas. O caso da escola infantil é unha agresión directa ao dereito á folga toda vez que exixen que haxa 5 traballadoras de 7 cando nas Escolas Infantís que dependen do Consorcio da Xunta só hai unha persoa para pechar e abrir, posto que este servizo ao non se prestar en sábados nin domingos non pode xustificar semellante necesidade de persoal nun día de folga.
Tal e como xa dixemos resulta aínda máis escandaloso que xusto os servizos mínimos que lle afectan ao persoal laboral son todos en departamentos nos que traballan exlclusivamente mulleres, como é a axuda no fogar e escola infantil, que é onde o Concello carga as necesidades de persoal para esta folga do Día da Muller Traballadora.
Selección temporal dun posto de patrón/oa de tráfico interior para a lancha da Diana Cazadora
O Concelllo de Betanzos convoca a selección temporal dun posto de patrón/oa de tráfico interior para a lancha da Diana Cazadora.
O goberno municipal do PSOE crea un posto novo á marxe do que indica a Lei de orzamentos do estado e en contra do que vén defendendo nas mesas xerais de negociación como argumento xurídico para excluír ao persoal laboral temporal da nova Relación de Postos de Traballo.
A conclusión desta nova decisión do goberno é que non se pode contratar persoal para limpeza, obras, xardinaría, escola infantil ou axuda a domicilio mais si para gobernar un barco municipal que non é un servizo básico nin estrutural. O goberno municipal do PSOE volve a cargar contra os servizos básicos e demostra que cando quere pode crear os postos que queira a medida das súas necesidades e en contra do que indica a lexislación.
Para máis inri crea este posto nun novo grupo creado no convenio colectivo, II.A., que equivale ao B do funcionariado, e que non ten ningún outro traballador laboral na actualidade deste Concello, porque a pesar de que coa entrada en vigor do convenio o Concello podía facer a reclasificación dos postos non a fixo. Así mesmo, había traballadores laborais temporais coa titulación correspondente pendentes desta reclasificación a través da RPT que fican á espera de que as prazas se creen se deciden reclamar a indefinición, do contrario non parece que haxa intencións de reclasificación nin esperanzas de mellora nunha RPT que ten previsto excluír á case totalidade do persoal laboral.
A maiores, as bases incumpren algúns dos puntos das bases xerais aprobadas no pleno da corporación e a CIG estudará o documento nos vindeiros días de cara a facer as achegas que considere oportunas.
06/03/18
A CIG solicítalle ao Concello que publique de inmediato o Decreto de Servizos Mínimos da folga do 8M
A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos defendeu na Mesa Xeral de Negociación de hoxe que o Concello fixo a convocatoria incumprindo os prazos mínimos e que non achegou por escrito a proposta de servizos mínimos para evitar que os delegados sindicais os puidesen estudar con detemento.
A proposta do Concello foi que os servizos mínimos para a folga do 8M sexan os seguintes:
5 traballadoras na Escola Infantil Municipal
2 traballadoras no servizo de axuda no fogar
1 traballador/a no Rexistro municipal
A CIG considera abusiva esta proposta no relacionado coa Escola infantil, tendo en conta que en moitas outras ocasións non están todas esas traballadoras, 5 de 7, nun servizo que non é de urxencias, educación nin atención sanitaria. Así mesmo a interrupción deste servizo non pon en perigo a seguridade e saúde da poboación nin provocaría ningún tipo de caos, menos aínda cando o paro convocado afectaría nas dúas horas da mañá.
Así mesmo, e no caso de axuda no fogar, tendo en conta que a axuda á dependencia está privatizada na actualidade e o persoal de axuda no fogar do Concello só fai o servizo básico amosamos as nosas dúbidas sobre estes servizos, toda vez, que, casualmente, tanto na Escola Infantil como no servizo de axuda no fogar só hai mulleres traballando, xusto as que están convocadas para a folga do 8M.
Resultou curioso que o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, dixese que a Escola Infantil tiña que ter 5 traballadoras de servizos mínimos porque é UN SERVIZO BÁSICO E NECESARIO. A CIG indicoulle que se é un servizo básico e necesario cubran as xubilacións e as necesidade do servizo de xeito permanente e inclúan os postos dese servizo básico e necesario na Relación de Postos de Traballo. É OU NON É CURIOSO QUE 7 DOS 8 POSTOS QUE O GOBERNO MUNICIPAL ENTENDE COMO DEPARTAMENTOS CON SERVIZOS MÍNIMOS PARA A FOLGA ESTEAN OCUPADOS POR PERSOAL LABORAL TEMPORAL E QUE O PSOE NON QUEIRA INCLUÍR ESES POSTOS NA RELACION DE POSTOS DE TRABALLO DO CONCELLO DE BETANZOS? PARA OS SERVIZOS MÍNIMOS DA FOLGA AS TRABALLADORAS LABORAIS SON ESENCIAIS, PARA QUE ESES POSTOS APAREZAN NA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO NON O SON.
Resultou curioso que o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, dixese que a Escola Infantil tiña que ter 5 traballadoras de servizos mínimos porque é UN SERVIZO BÁSICO E NECESARIO. A CIG indicoulle que se é un servizo básico e necesario cubran as xubilacións e as necesidade do servizo de xeito permanente e inclúan os postos dese servizo básico e necesario na Relación de Postos de Traballo. É OU NON É CURIOSO QUE 7 DOS 8 POSTOS QUE O GOBERNO MUNICIPAL ENTENDE COMO DEPARTAMENTOS CON SERVIZOS MÍNIMOS PARA A FOLGA ESTEAN OCUPADOS POR PERSOAL LABORAL TEMPORAL E QUE O PSOE NON QUEIRA INCLUÍR ESES POSTOS NA RELACION DE POSTOS DE TRABALLO DO CONCELLO DE BETANZOS? PARA OS SERVIZOS MÍNIMOS DA FOLGA AS TRABALLADORAS LABORAIS SON ESENCIAIS, PARA QUE ESES POSTOS APAREZAN NA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO NON O SON.
Finalmente, e logo de saír da Mesa, solicitámoslle ao Concello de Betanzos que publique canto antes o decreto dos servizos mínimos de cara a podermos tomar as medidas pertinentes, mais o certo é que esta demora na publicación dos servizos mínimos é unha constante en todas as administracións que dificultan que estes se recorran por abusivos xogando cos prazos ao seu favor nunha folga que xa é pasado mañá.
Coma vén sendo costume, CSIF, CCOO e UGT amosaron a súa conformidade coa proposta do goberno municipal.
Preguntas básicas sobre a asistencia á Folga
1.
Cal é a miña situación laboral no día de folga?
Durante a xornada de folga, o contrato de traballo está suspendido, ficando sen efecto as obrigas recíprocas da traballadora e a empresa: traballar e pagar o salario. Para os efectos de Seguridade Social, a traballadora permanece nunha situación asimilada á alta.
2.
Canto me poden descontar pola folga?
No día de folga, descóntase a parte proporcional dos conceptos salariais e extrasalariais que correspondan a esa xornada, así como das partes proporcionais das pagas extraordinarias. Ao tratarse de paros parciais, descontarase o tempo do paro: 2 horas do salario diario. O teu dereito ao goce de festivos e vacacións non se ve prexudicado polo feito de secundares a folga.
3.
Teño a obriga de comunicar á empresa que vou á folga?
Non, o dereito á folga faise efectivo unha vez que esta comeza. Non tes a obriga de comunicares á empresa se vas facer folga ou non. É máis, pedir a unha traballadora que asine un escrito manifestando a súa intención de secundar ou non a folga é unha infracción administrativa e pódese denunciar perante a Inspección de Traballo.
4.
Se asinei un papel na empresa dicindo que non vou facer folga, podo
mudar de opinión?
Aínda que llo asinases con sangue. O dereito á folga é un dereito irrenunciábel e exércese no momento en que a folga comeza. O documento que asinaches non é vinculante porque vulnera un dereito fundamental.
5.
Pódenme despedir ou sancionar por ir á folga?
De ningunha maneira. O dereito á folga é un dereito fundamental. En caso de sanción ou despedimento, sería considerado nulo e o empresario ou empresaria tería que reincorporarte nas mesmas condicións que tiñas.
6.
Pode calquera empresa fixar servizos mínimos?
Os servizos mínimos están destinados á estrita prestación dos «servizos esenciais para a comunidade» (sanidade, educación, hixiene pública, transportes públicos, etc.) durante a folga, polo que é a Autoridade Laboral a que estabelece en que empresas e administracións hai que facelos e en que consisten. As empresas que non prestan estes «servizos esenciais para a comunidade» só poden impor «servizos de mantemento», destinados a garantir a seguridade das persoas e locais e o seu mantemento (instalacións, maquinaria, materias primas, etc.) cando sexa necesario, mais nunca con carácter produtivo.
7.
Se me designan para os servizos mínimos aínda que sexan abusivos,
teño que ir traballar?
En principio, si. Non ires traballar cando es designada para os servizos mínimos pode ser motivo de sanción ou mesmo de despedimento disciplinario. Así pois, debes ir ao teu posto de traballo e recorrer xudicialmente os servizos mínimos impostos se entendes que son indebidos ou excesivos.
8.
É delito que a empresa me diga que se non vou traballar o día de
folga me ateña ás consecuencias?
Por suposto que o é. A folga é un dereito fundamental, polo que a coacción para evitar o seu exercicio está tipificada como delito. Se a empresaria ou empresario fai iso con testemuñas, debes comunicalo ao sindicato para presentarmos a correspondente denuncia.
9.
Compútase o día de folga para os efectos de cálculo do absentismo
laboral?
Non. Está expresamente excluído este suposto para os efectos de cálculo do absentismo laboral.
05/03/18
Problemas coas horas extraordinarias
O problema coas horas extraordinarias do persoal laboral deste Concello é histórico. Por unha banda, historicamente, no canto de contratar o persoal necesario o Concello cargou co traballo adicional ao persoal existente, e, por outra banda, na actualidade a dificultade de realizar novas contratacións na actualidade na Admón pública provoca que a case totalidade das horas extraordinarias que se realizan neste Concello non sexan obrigatorias nin por causa de forza maior e se correspondan con traballo cotián, en moitos casos mesmo previsto.
Segundo temos coñecemento, por unha comunicación do concelleiro de Persoal, o Concello de Betanzos non lle pagou ao persoal laboral as horas extraordinarias nos meses de decembro e xaneiro e que nalgúns casos mesmo se correspondían a meses anteriores. A comunicación do concelleiro non explica o motivo desta negativa do Concello a pagala mais vai claramente en contra do que outros concelleiros lle indicaron ao persoal, como o caso da Escola Infantil Municipal, que por motivo da falta de persoal lles negaron de posibilidade de compensar as horas, xa que o servizo quedaría descuberto e comunicoulles a concelleira que as debían cobrar, mais, pola contra tampouco llas pagan, provocando unha situación que de seguir así provocará un conflito, como xa ten habido no pasado.
Por outro lado, hai persoal laboral co que o Concello se comprometía na RPT a recoñecer unha dispoñibilidade que tacitamente vén realizando, posto que está dispoñible fóra de xornada para traballos previstos ou urxencias, mais tendo en conta que o Concello pretende non contemplar máis de sesenta postos de traballadores e traballadoras laborais nesa futura RPT, estamos de novo, ante unha solución frustada.
Se a isto lle sumamos que desde xullo de 2017 hai unha serie de acordos tomados na Comisión paritaria do Convenio colectivo incumpridos e que se corresponden con retribucións de determinado persoal, a situación empeora, xa sen mencionarvos que desde esa data o Concello ten pendente a definición do termo "evento" para o cobro de complemento de funcións extraordinarias mais decidiu de inmediato que o persoal que traballase nas festas de San Roque e na Feira Medieval si que o cobraría sen ficar pendente de definir nada, e, de paso, discriminou a persoal de diversos departamentos do Concello que programan eventos e actividades ao longo de todo ano, en moitos casos cunha dedicación horaria que supera calquera límite establecido na lexislación laboral.
Con respecto ao incumprimento dos acordos da Comisión paritaria e os acordos pendentes estamos estudando as posibles vías de denuncia fóra do Concello (Inspección, Xulgado ou outras) no caso de que a situación non mellore, non obstante, antes trasladarémoslle o noso malestar por esta situación ao concelleiro de Persoal e instarémolo a que resolva todas as cuestións de aplicación pendentes do Convenio colectivo no canto de seguir traballando novas vías, como a de exclusión do persoal laboral da RPT, tal e como veñen facendo nos últimos meses.
O Comité de Empresa solicitoulle, a instancias da CIG, con respecto ás horas extraordinarias, que informe puntualmente da información destas, como recolle o convenio, non só das pagadas, así como que especifique todos e cada un dos conceptos recollidos no convenio colectivo e informe, nos casos de non pagamento en tempo e forma, dos motivos deste.
Finalmente e tendo en conta as consultas do persoal lembrámosvos que as horas extraordinarias non son de obrigada realización cando non son por causas de forza maior, por tanto, e tendo en conta que temos coñecemento de que o Concello adebeda catro meses de horas extraordinarias a algún persoal e descoñecemos en que momento o Concello as ten previsto pagar, sempre se pode solicitar a compensación en tempo, segundo os parámetros indicados no convenio colectivo.
No caso de que o Concello denegase a compensación tamén en tempo podedes falar cos delegados da CIG e estudaremos as posibles vías de reclamación ás que se pode acudir. Mentres tanto a única solución para non ter problemas no cobro das horas extraordinarias é deixar de facelas, e lembrade que se non hai unha comunicación por escrito no caso das horas extraordinarias por causa de forza maior, tampouco teriades obriga posto que non habería constancia de notificación ningunha ao traballador designado para a realización do servizo.
Sanción a unha empresa por acoso laboral a unha traballadora
Sanción a unha empresa por acoso laboral a unha traballadora
A Inspección de Traballo e Seguridade Social sancionou a unha empresa cunha multa de 6.000 euros logo de constatar un "acoso discriminatorio por razón de sexo, consistente en crearlle un entorno degradante ou ofensivo, co propósito de atentar contra a súa dignidade, en función do seu sexo feminino, logo da reincorporación da súa baixa por maternidade"
A situación que padeceu a traballadora iniciouse ao comezo do embarazo, considerado de alto risco; durante a baixa motivada pola situación de alto risco do embarazo, foi rebaixada a súa categoría profesional e o seu salario; unha vez incorporada da baixa por maternidade, lle foron retiradas as atribucións e ocupacións, sufrindo o acoso continuo do seu supervisor.
A ITSS indica que a pesares do requirimento realizado, a empresa non activou o protocolo antiacoso logo da denuncia presentada pola traballadora. Aínda que o INSS considerou o caso "como accidente de traballo por acoso laboral", a mutua da empresa presentou unha demanda contra esta resolución considerando que "a violencia psicolóxica e violencia de xénero exercida contra a traballadora no seu posto laboral, tal e como constataron as autoridades laborais e sanitarias públicas, non debe ser considerado como accidente de traballo".
Máis info en www.cigsaudelaboral.org
Máis info en www.cigsaudelaboral.org
O Goberno elaborará en 2018 unha nova estatística sobre accidentes laborais
PATOLOXÍAS
NON TRAUMÁTICAS
Mediante
o Real Decreto 1043/2017, do 22 de decembro, polo que se aproba o
Programa anual 2018 do Plan Estatístico Nacional 2017-2020, o
Goberno anunciou a elaboración dunha nova Estatística de Patoloxías
non Traumáticas, que recollerá e difundirá información relativa
ás enfermidades non incluídas na lista de enfermidades profesionais
que contraia o/a traballador/a con motivo da realización do seu
traballo, sempre que se probe que a enfermidade é por causa
exclusiva da execución do mesmo.
Así
mesmo, incluiranse as enfermidades ou defectos, padecidos con
anterioridade polo traballador/a, que se agraven como consecuencia da
lesión constitutiva do accidente.
•Organismos
que interveñen: MESS, Entidades xestoras e colaboradoras da
Seguridade Social, Consellerías/Departamentos con competencia na
materia de todas as Comunidades Autónomas e cidades con Estatuto de
Autonomía.
Cando
os facultativos do Sistema Nacional de Saúde, ou no seu caso os do
servizo de prevención, detectan a existencia dunha enfermidade
causada ou agravada polo traballo [art. 156.2.e) e f)
LGSS]-Patoloxía non traumática-, comunícana á entidade xestora ou
á entidade colaboradora que asume o risco de continxencias
profesionais a través do organismo competente autonómico. Ditas
entidades xestoras e as mutuas colaboradoras da Seguridade Social
proceden, dentro dos prazos establecidos, a dar de alta a
comunicación a través da aplicación informática PANOTRATSS, de
cuxa administración é responsable a DX de Ordenación da Seguridade
Social.
Créditos
orzamentarios necesarios para o seu financiamento no ano 2018: 23,42
miles de euros previstos no Orzamento do MESS.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org.
Recoñece como tempo de traballo o tempo de garda domiciliaria
Tribunal
de Xustiza da UE
A
sentenza resolve unha consulta prexudicial prantexada polo Tribunal
Laboral Superior de Bruselas sobre o caso dun bombeiro belga que
solicitaba que se recoñeceran como horas de traballo o tempo que
está de garda. En concreto, se preguntaba se os servizos de garda
domiciliaria poden considerarse comprendidos na definición de tempo
de traballo estabelecida na Directiva 2003/88/CE relativa a
determinados aspectos da ordenación do tempo de traballo.
Na
sentenza o Trubunal de Xustiza da UE lembra que os Estados membros
teñen a facultade de adoptar, nos seus ordenamentos xurídicos,
disposicións que estabelezan unha duración do tempo de traballo e
dos períodos de descanso máis favorable para os traballadores/as
que a determinada por esta Directiva, e que a Directiva non regula a
cuestión da retribución dos traballadores/as, polo que os Estados
da UE poden estabelecer que a retribución dun traballador/a durante
o «tempo de traballo» non sexa a mesma que a dun traballador/a en
«período de descanso», ata o punto de que poden non recoñecer
retribución algunha durante este último período.
O
tribunal europeo aclara que o tempo de garda que un traballador/a
pasa no seu domicilio coa obriga de responder as convocatorias do seu
empresario/a nun prazo de oito minutos, considerando que este prazo
restrinxe considerablemente a posibilidade de realizar outras
actividades, debe considerarse "tempo de traballo". O
factor determinante para facer esta cualificación de acordo coa
Directiva, é o feito de que o traballador/a estea obrigado a acharse
fisicamente presente no lugar determinado polo empresario/a e a
permanecer a disposición para poder prestar os seus servizos
inmediatamente en caso de necesidade.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org
Este xoves concentración pola folga ás 12:30 h nas portas da Casa do Concello, na praza da Constitución
Dende a CIG Administración Publica, facemos un chamamento a participación na Folga de Mulleres que tera lugar o 8 de Marzo , no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia
Chamamos a secundar este paro de mulleres para seguir reivindicando neste 8 de Marzo que queda moito por facer pola igualdade e por visualizar a contribución de todas as mulleres do mundo . unha folga que permita visibilizar a situación que padecen as mulleres ,para esixir a mellora das súas condicións sociolaborais e a fin das discriminacións laborais (fenda salarial, atrancos nos dereitos de conciliación, acoso laboral , sexual e por razón de sexo e identidade , xornadas parciais , dobre xornada ,etc) mais tamen para que se adopten medidas inmediatas para rematar coa violencia machista(sexual, agresions,feminicidios)
Neste senso, a Secretaría das Mulleres da CIG , con esta convocatoria fai un chamamento ás mulleres para que se absteñan de asistir as clases, de realizar traballos domesticos ou de coidado, e ao tempo, realizar un boicot.
Os paros seran de duas horas en cada quenda:
De 00:00 a 02:00 da madrugada
De 12:00 a 14:00 da maña
De 19:30 a 21:30 da tarde
O Concello de Betanzos convoca unha mesa xeral para o establecemento de servizos mínimos incumprindo os prazos
Xa non é nada estraño que o Concello de Betanzos incumpra os prazos establecidos para a convocatoria de órganos colexiados, mais se cadra neste caso é máis grave cando sabe hai ben tempo que hai uns paros convocados para este xoves, 8 de marzo, e aínda non definira os servizos mínimos. A última hora da mañá do día 5 convoca aos representantes sindicais para negociar os servizos mínimos da folga do vindeira xoves logo de múltiples consultas das traballadoras.
Lembrade que se non vos comunican que estades nos servizos mínimos podedes asistir aos paros convocados e non tenden porqué lle comunicar a vosa ausencia ao Concello. En canto se acorden os servizos mínimos informaremos puntualmente.
Arredor do 8 de marzo, a CIG insta ao Concello a que cree dunha vez a Comisión de Igualdade e proponlle un protocolo conta o acoso sexual, laboral, por razón de sezo e identidade
A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos vén de instar ao Concello de Betanzos, unha vez máis, a que cree a Comisión Paritaria de Igualdade á que fai mención o Convenio colectivo do persoal laboral e que debería elaborar un Plan de Igualdade interno do Concello de Betanzos.
Esta solicitude reitera as realizadas o 12, 27 de xaneiro e 8 de marzo de 2018 e foi rexistrada hoxe, 5 de marzo de 2018. Así mesmo, achegóuselle por correo electrónico á concelleira de Muller, María Barral e ao Departamento de Igualdade, así como ao enderezo electrónico do Plan de Igualdade do Concello de Betanzos.
Por outro lado, e tal e como se está a facer noutras empresas, a CIG propuxo a aprobación e implantación dun Protocolo contra o acoso sexual, laboral, por razón de sexo e identidade no Concello de Betanzos que foi elaborado pola Secretaría da Muller. A Sección sindical achegoulle ao Concello unha proposta co documento completo deste protocolo, que podedes consultar abaixo e instou ao Concello a negocialo e aprobalo para a súa entrada en vigor.
Ambas as solicitudes se fixeron tendo en conta a proximidade do Día da muller traballadora e para lle lembrar ao Concello cuestións pendentes e sen resolver que se deberían abordar canto antes de cara a atallar problemas ou discriminacións históricas, así como prever outras posibles.






