O Acordo de Madrid non foi de
balde. Tanto CCOO e UGT como CSIF (estes últimos polo que aquí
comentamos) van cobrar por ter asinado un acordo lesivo. Alguén
pode pensar que o de cobrar é un recurso retórico que empregamos,
pero non... cobran en moeda de curso legal, en euros vamos, aínda
que metaforicamente poderían ser as 30 moedas de prata de Xudas.
CCOO e UGT que teoricamente defenden o
sistema público de pensións, non dubidan en negociar fondos de
pensións privados onde os traballadores PAGAN AOS ASINANTES
comisións por reterlles parte do seu salario. Isto, ademais dun
roubo e dunha indecencia, chámase fomentar sistemas de pensións
de carácter privado.
CCOO e UGT obteñen así beneficios de
múltiples fondos de pensións de empresas privadas e de
administracións públicas, xestionados a través da empresa
EGFP S.A. participada por eles.
Centrándonos só no de maior contía,
que é o da Administración Xeral do Estado, vemos que este fondo se
nutre con aportacións que se detraen da suba salarial e que nos
últimos anos estaban suspendidas a maior parte delas a raíz
dos recortes practicados polos sucesivos gobernos, pero co
acordo asinado vai poder ter novas aportacións con esa porcentaxe de
fondos adicionais que din que serven para subirnos o soldo pero
que no caso do Estado van pasar a engordar ese fondo de pensións e
non van ser salario directo.
En que se benefician CCOO e UGT?
Pois en que a entidade xestora dese
fondo de pensións que ten unha conta de posición cun saldo de máis
de 600 millóns de euros é Gestora de Previsión y Pensiones EGFP
S.A. participada nun 60% polo BBVA e nun 20% por CCOO e 20% por UGT,
e por iso cobran dividendos e comisións pola xestión.
Foi a propia promotora do plan de
pensións dos empregados/as do Estado, onde están representadas CCOO
e UGT a que contratou a EGFP. S.A. que ten como accionistas a CCOO e
UGT.
Pero isto é un escándalo! e como a
comisión promotra do plan de pensións non evitou esta
autocontratación por parte de CCOO e UGT?
Alguén poderá pensar que isto de
autocontratarse é un escándalo e que aquí deberían entrar en xogo
as causas de abstención e recusación da Lei 40/2015 en todo o seu
esplendor ao ter CCOO e UGT máis que interese nese asunto. Pois
parece que non, porque a Avogacía do Estado ao considerar que a
comisión promotora non é un órgano da Administración, nin sequera
un órgano colexiado con participación social, pode facer contratos
de natureza privada. De aí que a comisión promotora, na que están
CCOO e UGT, previo acordo asinado coa Administración, por CCOO e
UGT, decida contratar a xestión do fondo a unha entidade participada
por CCOO e UGT.
CCOO e UGT, que grandes, que cintura,
que fenómenos!! Nin Camps, nin Cifuentes, nin o Duque de Palma!!
De que contías falamos?
A entidade xestora cobra unha serie de
comisións que no ano 2016, o último do que hai datos, e só no caso
do fondo de pensións do Estado, supuxeron 2.341.519,19 euros,
como se pode ver na conta de perdas e ganancias na páxina 4 das
contas anuais do ano 2016. E isto cun fondo coas aportacións
practicamente conxeladas pero do que veñen cobrando dende o 2004.
Como podedes ver na propia páxina
do Plan de Pensións da Administración Xeral do Estado, a
entidade xestora cobra sobre a conta de posición un 0,25% anual pola
administración do plan e un 0,05% anual, pola xestión financeira,
máis unhas comisións a maiores que poden chegar ao 5% sobre a
rendibilidade do plan.
En definitiva máis de 2 millóns de
euros que saen anualmente dos salarios dos empregados/as públicos/as
da AXE e que van parar ao peto de CCOO e UGT.
Dispoñen dos salarios dos/as
empregados/as públicos/as para facer caixa
E como cobran porcentualmente, eses
2.000.000 de euros pódense incrementar se aumenta a conta de
posición, polo que non hai que ser Einstein para deducir que os
principais interesados en que os cartos dos salarios dos/as
empregados/as públicos/as vaian a parar a ese fondo son os
membros da entidade xestora, que ademais son quen negocian o acordo
salarial, neste caso CCOO e UGT. De aí que habilitaran eses fondos
adicionais dentro do acordo para poder seguir engordando ese plan de
pensións que lles da beneficios, en vez de destinar esa porcentaxe a
un incremento salarial directo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario