O pasado venres, a CIG solicitoulle ao Concello que convoque a Comisión paritaria, se o estima pertinente, para aclarar uns conceptos que o concelleiro de Persoal seica lle trasladou a un traballador afectado sobre unha posible interpretación que iría en detrimento do persoal con Complemento Persoal Transitorio e que en ningún momento lle trasladou ao propio Comité de Empresa nin na Comisión Paritaria do Convenio Colectivo nin con posterioridade a esta. Cómpre lembrar que este complemento é o que teñen os traballadores e traballadoras que cobran por riba das retribucións acordadas no Convenio colectivo e que foron os únicos que non tiveron unha suba das retribucións coa entrada en vigor do novo convenio, fronte ao resto dos traballadores (arredor do 80%) que si que tiveron subas salariais en diferentes medidas.
Este complemento xa viña, nalgúns casos, da aplicación do convenio colectivo do ano 2006, que derivara tamén en que determinados traballadores que desde aquela cobraban por riba do convenio e seguiron cobrando por riba do convenio logo da entrada en vigor do convenio do ano 2017. Noutros casos derivou das retribucións fixadas por sentenzas xudiciais e nalgún outro de persoal que non tiña as retribucións segundo o convenio colectivo, polo que agora se rexen todos os traballadores e traballadoras laborais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario