13/04/18

Acordos da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo (09/04/18)

O pasado luns 9 de abril tivo lugar, logo de múltiples peticións e escritos por parte do Comité de Empresa, a Comisión Paritaria do Convenio Colectivo. Nesta reunión acordáronse unha serie de modificacións do Convenio colectivo que irán, segundo indicou o concelleiro, ao pleno de maio de 2018. Unha vez que se aproben e se publiquen no Boletín Oficial da Provincia entrarían en vigor.

Con respecto ás cuestións acordadas a CIG solicitoulle celeridade, posto que en moitos casos supoñen unha perda nas retribucións (caso da CPT e importe horas extraordinarias) pola interpretación unilateral que o Concello fixo do Convenio colectivo en abril de 2017. Así mesmo, desde o comezo entendimos que a Comisión era a encargada de interpretar o Convenio e non era preciso que se aprobasen as novas modificacións, mais o goberno teimou en que era preceptivo facer as modificacións para que entrasen en vigor.

No relativo ás horas extraordinarias o persoal laboral leva perdido un 2% con respecto ao funcionariado pola interpretación que o Concello fixo do Colectivo. Polo que respecta á definición do termo "eventos" para o cobro do complemento de funcións extraordinarias o goberno teimou en deixar fóra grande parte da programación municipal e privilexiar as festas patronais e a Feira Medieval, que lle afectarían só a determinados departamentos. Tendo en conta esta decisión, e o conflito laboral derivado do non recoñecemento dos postos do persoal laboral temporal na RPT, e consecuente non recoñecemento da dispoñibilidade para a programación dalgún persoal municipal, o persoal excluído do cobro deste complemento, tendo en conta que non ten obrigatoriedade da realización das horas extras posto que as de programación non son por causa de forza maior, terá que valorar se continúa  facer un traballo non recoñecido no posto nin considerado relevante para o Concello.

As modificacións acordadas no Convenio colectivo pola Comisión Paritaria do 9 de abril de 2018 foron as seguintes (subliñadas):

Artigo 22.º Xornada laboral.
2. A xornada ordinaria de traballo do Concello de Betanzos realizarase, con carácter xeral, nas mañás de luns a venres, entre as 09:00 h e as 14:30 h de cada día, agás modificacións ou flexibilidades negociadas coa representación sindical e con independencia dos horarios específicos que se estableza nos servizos con especiais características. O tempo de traballo restante ata completar a xornada semanal realizarase en horario flexible, entre as 07:30 h e as 15:30 h, ou as tardes dos luns, martes, mércores, xoves ou venres.
Cláusula transitoria primeira. Complemento persoal transitorio
Conforme establece o artigo 29 do presente convenio colectivo, aquel persoal que actualmente ten unha retribución anual superior á establecida no sistema retributivo transitorio do Anexo I, respectaráselle os seus dereitos económicos adquiridos e consolidados.
Por isto, aquel persoal que actualmente perciba unha retribución anual superior á establecida no referido Anexo I terá dereito á percepción dun complemento persoal de carácter transitorio e absorbible.

Este complemento persoal será transitorio e terá vixencia en tanto o sistema retributivo aplicable sexa o que se fixa no anexo I do convenio colectivo. É dicir, deberá aboarse en tanto non se teña aprobado a RPT ou instrumento organizativo similar. A contía do dito complemento será a diferenza, en cómputo anual, existente entre as retribucións que se perciben na actualidade e as retribucións que establece o Anexo I do presente convenio colectivo.

Este complemento persoal transitorio non poderá ser incrementado nin revalorizado e absoberase segundo os seguintes criterios:

a) A absorción operará sobre o importe total de calquera futura mellora retributiva que afecte ao complemento específico ou ao valor dos trienios por antigüidade.

b) No caso de que o cambio de posto de traballo supoña unha diminución de retribucións, manterase o complemento persoal transitorio fixado, a cuxa absorción se imputará calquera mellora retributiva posterior, mesmo as que poidan derivarse dun novo posto de traballoque afecte ao complemento específico ou ao valor dos trienios por antigüidade.

c) Non terán consideración de melloras retributivas as derivadas do perfeccionamento de novos trienios, a percepción de retribucións complementarias que non teñan carácter de fixas na súa contía nin periódicas no seu devengo, o incremento xeral das retribucións básicas que poidan establecer anualmente os correspondentes orzamentos.

d) Previamente pasarase a informe da Secretaría e da Intervención municipal. Os incrementos, sempre que os informes sexan favorables, aplicaranse con efectos retroactivos.

ANEXO I. Valor económico das horas extraordinarias

Estes importes experimentarán o incremento que determine, para cada exercicio, a Lei de orzamentos xerais do Estado e restante normativa de aplicación. Os incrementos, sempre que os informes sexan favorables, aplicaranse con efectos retroactivos.

ANEXO III

Os traballos realizados fóra da xornada de traballo na limpeza, apertura e peche de instalacións e notificacións, xunto coa gravación e cobertura dos plenos, así como os relacionados coas actividades de festas patronais e eventos organizados polo Concello (eventos consolidados dunha duración mínima de tres días e coincidindo en festivos ou sábado ou domingo dous dos días de celebración), a contía do complemento de funcións extraordinarias será a equivalente ao valor de 1,5 horas extras festivas.

O persoal encargado do mantemento da iluminación pública percibirá a cantidade de 1200 euros ao ano en concepto de dispoñibilidade. Cando sexan chamados para reparar unha avaría fóra do seu horario de traballo contabilizarán como horas extraordinarias as comprendidas entre a chamada e a resolución da avaría ou a determinación da incapacidade para resolvela. Estas horas serán retribuídas tal e como determina o Convenio para as horas extraordinarias. Esta dispoñibilidade cobrarase en doce mensualidades e distribuirase entre aqueles membros do servizo que sexan nomeados para tal cometido. No suposto de que só a teña un/ha traballador/a esta será cobrada en once mensualidades, quedando unha dispoñible para o/a traballador/a que obrigatoriamente deba substituílo no período vacacional.


Ningún comentario:

Publicar un comentario