O Instituto de Saúde Pública e
Laboral de Navarra (ISPLN) estima que no período 2008-2012
rexistráronse na Comunidade Foral un total de 841 casos de cancro de
posible orixe laboral. Deles, 286 foron relativos a cancro de pel
(non melanoma), 265 a cancro de pulmón, 60 a mesotelioma, 40 a
carcinoma de vexiga e 10 a cancro de seos paranasais.
A pesares destas cifras, nese mesmo
período tan só se declararon sete casos de cancros como
enfermidades profesionais no Rexistro oficial correspondente,
denominado CEPROSS (dous mesoteliomas, dous cancro de pulmón,
dous de seos paranasais e outro de cavidade nasal).
A directora xerente do Instituto
de Saúde Pública e Laboral de Navarra, María José Pérez
Jarauta, deu a coñecer estes datos durante a inauguración da
xornada “Desvelando o cancro laboral”, dirixida a persoal técnico
e sanitario dos Servizos de Prevención, profesionais sanitarios do
Servizo Navarro de Saúde, mutuas, representantes sindicais e de
organizacións empresariais.
Na súa intervención, Pérez Jarauta
incidiu en que "a información que se dispón sobre a exposición
a canceríxenos nos lugares de traballo por parte das Administracións
Públicas é insuficiente, e que é preciso avanzar no seu
coñecemento".
Estas xornadas realízanse en
consonancia co Programa de Mellora da Xestión dos riscos hixiénicos,
enmarcado no Plan de Acción 2017-2019 de Saúde Laboral de Navarra.
Este programa recolle entre as súas principais accións: a abordaxe
da subdeclaración das enfermidades derivadas da exposición a
axentes químicos; a creación dun rexistro de traballadores/as
expostos/as a axentes canceríxenos ou mutáxenos; a
aplicación de métodos específicos de avaliación dos riscos
hixiénicos e o impulso da substitución de axentes
canceríxenos, mutáxenos e tóxicos para a reprodución (CMR),
que tanto se utilizan como se xeran nos procesos produtivos.
A Axencia Europea estima que o cancro é
a principal causa de morte relacionada co traballo na Unión Europea
(UE). O Marco estratéxico da UE en materia de saúde e seguridade no
traballo 2014-2020 pon de relevo a importancia que reviste a
protección dos/as traballadores/as contra a exposición aos
carcinóxenos, os mutáxenos e as substancias tóxicas para a
reprodución.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org.
Ningún comentario:
Publicar un comentario